20160401

Un novo pleno baleiro (de xente, non de contido)

Como manda a costume e o impón o xeito de facer as cousas, o martes houbo un pleno no que asistiron de público catro persoas, periodistas incluídos. Non debía de ser moi importante, pois total, só se trataban cousas de pouca monta como o orzamento municipal.
Por partes. O documento que apareceu na web do concello dando difusión á convocatoria do pleno de martes 29 de marzo de 2016 teno tempo de colgado na rede en 'Lun 28 Mar 2016 21:01:21 CEST'. Tendo en conta que o se comezo eran as 20:30 do día seguinte, menos de 24 horas de antelación 'con nouturnidade'. De calquera xeito, aínda que non se chegue ó recomendable, representa unha mellora sobre o xeito de facer as cousas tan só un ano atrás, onde dita difusión non existía máis aló dun papel perdido no taboeiro do concello.
Por certo, como pequeno comentario: hai xusto un ano outro pleno modificaba outra vez a ordenanza municipal da praza de abastos. E hai ano e medio, outra vez. A pobre debe estar xa mareada.
A convocatoria estaba incluída nunha nova de difusión do concello:
"

Novas

Foto Concello
A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20:30 HORAS

Pleno ordinario

28/03/2016
No pleno ordinario que se celebrará mañá, martes, no Concello ribadense someterase a aprobación o presuposto municipal para 2016 que ascende a 9 447 000 euros, o que supón un incremento do 4% con respecto ao do ano pasado. Nos orzamentos destínanse a investimentos reais 1 767 000 euros, segundo explicou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor sinalou que á sesión de mañá "van varios asuntos de interese municipal e dos mais transcendentes pode ser o presuposto municipal para este 2016, que ascende a 9 447 000 euros. Sofre un incremento do 4% con respecto ao do ano pasado e no que hai que destacar que en materia de ingresos de impostos directos e indirectos seguen sen experimentar subidas mais aló do que ten que ver co IBI, mais aló da regularización que levou a cabo o Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro, derivadas de unidades que non foran declaradas anteriormente polos seus propietarios. E hai outro incremento, que é o do imposto da plusvalía, non porque subiramos os ratios nin as taxas nin as porcentaxes, senón motivado por un maior movemento que se está a experimentar nos últimos tempos nas compra vendas de bens inmobles aquí en Ribadeo".
Suárez Barcia indicou que "no que ten que ver co gasto e coas transferencias correntes incrementan un 7,85% para transferencias a distintas áreas como pode ser educación, servizos sociais, medio rural, cultura, deportes, turismo, etc… e no que ten que ver cos investimentos reais ascenden a 1 767 000 euros. Mantemos o nivel de investimentos do ano 2015 e destacan para este ano as partidas para a anualidade da residencia e para as obras de reparación de rúas da Área de Rehabilitación Integral de Ribadeo, e tamén doutras actuacións importantes en obras e asfaltado en rúas e camiños, en mobiliario urbano, en instalacións deportivas, etc".
O alcalde subliñou que "tamén neste ano contemplamos, e esperemos que sexa de inicio nada mais, a posible concertación dunha operación de crédito bancaria para facer fronte, si é preciso, para financiar a construción da residencia, desa parte non comprometida inicialmente polo Concello, si comprometida por algunha outra administración como a Xunta, que a día de hoxe nin está nin se lle espera, si o compromiso da Deputación Provincial de Lugo, pero en tanto non teña aprobados os seus orzamentos obríganos ao Concello de Ribadeo a concertar esta operación de préstamo que inicialmente establecementos en 550 000 euros. Si efectivamente a achega da Deputación despois chega esta operación cancelaríase e quedaría amortizada, pero en todo caso é boa cousa prevela porque queremos que a residencia se acabe con toda normalidade". E engadiu: "e relacionado con isto último destacar que se reducen os xuros da débeda bancaria que había no pasado, porque hai anos que non se pide préstamo algún e reduciuse o 64% por vencemento de préstamos, é dicir remataron a súa vida aínda que foran solicitados hai anos. Durante estes últimos anos estivemos pagando e reducíronse moitísimo e iso nos da capacidade de certo endebedamento, que tentaremos que sexa o mínimo posible, por suposto".
Na sesión ordinaria de mañá, 29 de marzo, ás 20:30 horas tamén se someterá a aprobación a modificación puntual de varias ordenanzas: "propoñemos as modificacións puntuais de varias das ordenanzas que temos. No que ten que ver coa nosa compañeira Luz, que é a concelleira encargada da escola de música, prevé a modificación da ordenanza deste centro para incorporar varias posibilidades formativas, como poden ser os obradoiros de instrumentos para alumnado de 6 a 7 anos ou mesmo, en vista da demanda que está a ter como complemento da música tradicional, tamén se quere propoñer a creación da materia de percusión tradicional, así como a ampliación de catro a cinco cursos académicos das materias de danza moderna e de ballet clásico; por outra banda, a concelleira de Sustentabilidade Ambiental, Paz Ermida, propón a modificación da ordenanza vixente de medio ambiente, que data do ano 2006, para a creación dun espazo exclusivo para o esparexemento, para o lecer e para o baño de cans, que ao mesmo tempo teremos que sinalizar axeitadamente".
Suárez Barcia dixo que "na actualidade hai un grande número de persoas no concello que teñen un can como animal de compañía e sabemos que teñen restrinxido o seu acceso a moitas zonas, como espazos públicos, e entón desde o Concello somos sensibles a unha demanda crecente e estivemos nestes últimos tempos a traballar na habilitación dun espazo que fora utilizable para estes potenciais usuarios e ao mesmo tempo que garanta o cumprimento das condicións hixiénico sanitarias para a poboación de Ribadeo. E o espazo que eliximos como área exclusiva de esparexemento e lecer para os cans atópase situado debaixo da Ponte dos Santos practicamente, indo para o Cargadeiro nunha baixada cerca da primeira pilastra da ponte, que é un lugar moi pouco concorrido e por esas condicións parécenos axeitado como un primeiro espazo público para que os donos de cans poidan estar con eles alí con total normalidade e ao mesmo tempo que non molesten noutros espazos, singularmente noutras praias. Tivemos varias posibilidades e inicialmente decantámonos por esa, sen prexuízo de que no futuro se poidan estender a outros emprazamentos".
Ademais "hai outra ordenanza na que a nosa compañeira Ana Martínez, a concelleira da praza de abastos, do mercado e de Desenvolvemento Local, pretende facer pequenas modificacións: é na da praza de abastos e dos mercados en xeral, dado que ultimamente hai novas tipoloxías, modificacións de mercados e de postos, polo que hai unha suma de pequenas cousas que debemos ir facendo para adaptarnos aos tempos e que os mercados e a praza de abastos de Ribadeo estean cunhas ordenanzas modernas, dinámicas e flexibles", seguiu a explicar o alcalde ribadense.
E finalmente "como outro punto neste pleno prevense unhas modificacións da Relación de Postos de Traballo (RPT), que son uns cambios moi pequenos, moi concretos, moi puntuais derivados basicamente do que ten que ver co posto de traballo do xefe da Policía Local, en cumprimento dunha sentenza que indica o deber de subsanación das deficiencias no tocante ao seu complemento específico; por outra banda, a consignación económica do posto de Tesourería, dado que foi incluído polo Ministerio de Facenda hai moi poucos meses no concurso estatal reservado a funcionarios de habilitación estatal precisamente e como ata agora sempre estivo vacante debémolo consignar por este requirimento legal. E ao mesmo tempo tamén queremos facer unha pequena reordenación das funcións do posto de ordenanza municipal e a adaptación a outra praza similar, neste caso diminuíndo as retribucións do posto en cuestión", concluíu o alcalde.
"
Como se ve, a nova remata cunha longa cita do alcalde.
Despois do pleno, outra nova cun título que expresa ás claras os puntos importantes do pleno, e como non, remata con outra cita do alcalde (despois de ser outras citas o groso do texto, como no caso anterior). Por certo, aparecen aclaracións: o alcalde asegura que os partidos recibiron hai 11 días a documentación do orzamento, e iso porque no pleno queixáronse de non ter tempo a leela, e por iso as abstencións que houbo:
"

Novas



RIBADEO CONTARÁ CUN LUGAR DE BAÑO PARA OS CANS

Orzamento para 2016

30/03/2016
No pleno celebrado onte no Concello foi aprobado o orzamento municipal para 2016 que ascende a 9,5 millóns de euros. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que os partidos da oposición recibiron hai 11 días a documentación correspondente e cualificou de rechamante a súa actitude. O rexedor considera que si tiveron problemas coa recepción por correo electrónico da información puideron dirixirse ao Concello e consultar en formato papel dita documentación.
Suárez Barcia dixo que "foi un importante pleno este ordinario que celebramos onte á noite, no que se abordaron unha serie de puntos importantes para Ribadeo. Eu penso que todos son importantes, pero hai un que destaca, que é o orzamento do Concello de Ribadeo, que neste ano ascende a practicamente 9 millóns e medio de euros, o cal supón un aumento dun 4,03 por cento. Cóbrense investimentos importantes que nos afectan a todos, tanto á xente que vive nas parroquias como á que reside na vila. Hai que ter en conta que cubrimos practicamente 1 800 000 euros de investimentos reais, que son financiados con recursos propios do Concello e con outros procedentes doutras administracións. Son para poder manter e repoñer nas distintas áreas do concello con obras de asfaltados en rúas e camiños, en mobiliario urbano, instalacións deportivas, etcétera, aparte de todo o investimento que queremos seguir mantendo en servizos sociais, en cultura, en deportes, en igualdade, etcétera".
Sobre a actitude mantida polos partidos da oposición na sesión plenaria dixo "debo destacar que é un pouco sintomático que estes puntos outros anos sempre daban lugar a debates, pois é lóxico que a oposición a veces queira expoñer os seus argumentos e contrastalos, o cal nos parece moi ben, pero este ano é un pouco rechamante que a maioría da oposición dixo que non recibira ben o correo electrónico con esa información e que polo tanto non o podía debater. Eu quero dicir que toda a documentación que se manda a través dos procedementos electrónicos chegou 11 días antes da celebración do pleno e se houbo algunha incidencia tiveron tempo para vir comunicarllo ao funcionario responsable dos envíos; e en todo caso, máis aló dos envíos a través dos correos electrónicos, sempre obra na Secretaría do Concello unha copia en papel e todos os expedientes, como todas as Corporacións e todos os gobernos anteriores foron facendo ao longo da historia, xa que antes non se mandaban as convocatorias nin a documentación por correo electrónico. Agora, por unha deferencia, faise, pero desde logo se alguén non as recibe pode comunicalo porque se mandan con moita antelación. Varios grupos da oposición abstivéronse, non quixeron votar a favor deste orzamento, pero non por discrepar con el nas cifras ou polas liñas de traballo, senón porque dixeron que non recibiran o correo electrónico 11 días antes".
O alcalde indicou que "este presuposto acaba de nacer, pero afortunadamente hai unha parte que tíñamos comprometida a través dun préstamo bancario, que en función destas noticias positivas para a provincia, e tamén para Ribadeo, de que a Deputación Provincial no día de onte aprobou o seu orzamento anual, entendemos que o compromiso que o goberno provincial do PSOE e do BNG con Ribadeo para asumir aquela parte que case toda a Corporación, non toda lamentablemente, lle pedíramos porque se a Xunta non facía fronte ás súas responsabilidades e aos seus compromisos de financiar aquela parte de 500 000 euros para rematar a residencia de maiores si o faría a Deputación. Como finalmente no día de onte o organismo provincial aprobou o seu orzamento, confiamos e entendemos que nos próximos días se fará un convenio para garantir economicamente ese compromiso político con Ribadeo. E así o Concello de Ribadeo non terá que acudir a un préstamo externo para poder sufragar esa cifra".
Fernando Suárez manifestou que "hai que ter en conta que nestes últimos anos, e así se reflexa no orzamento deste 2016, os xuros da débeda con entidades financeiras reducíronse un 64 por cento; por unha banda polo vencemento dos préstamos, dado que hai anos que non se piden, e por outra banda pola tendencia á baixa nos tipos de xuro para as operacións que están aínda en vigor de anos atrás. Pero con todo, con esta boa noticia da Deputación o nivel de endebedamento crediticio non sufrirá aumentos, senón todo o contrario".
O rexedor dixo que "na orde do día foron aprobados de xeito unánime ou case unánimes, tanto a modificación da ordenanza municipal medioambiental na que contemplamos un espazo para esparexemento e baño para os cans. Empezaremos cunha zona moi pequeniña situada debaixo da Ponte dos Santos. Se iso funciona ben igual poderíamos crear outras zonas, pero de momento empezamos por aquí. Tamén foi para adiante a modificación da ordenanza reguladora da praza de abastos, mercadiños e venda ambulante e por unha ampla maioría se aprobou a modificación da ordenanza da escola de música para prever algunha nova incorporación de servizos, aumentar algún curso no que ten que ver con baile moderno e ballet, percusión tradicional e algúns outros cursos e obradoiros demandados pola cidadanía. Non hai que esquecer que esta Escola de Música de Ribadeo da servizo a más de 300 alumnos e é un orgullo para Ribadeo e para Galicia contar con ela".
Suárez Barcia engadiu que "dentro do apartado de rogos e preguntas que fai a oposición moitos deles con total fundamentación como poñer algúns espellos que faltan, amañar algúns camiños que non están ben dos que tomamos boa nota sobre todo nun acceso a Ribadeo que depende do Ministerio de Fomento, na rotonda da Opel, que se fixo hai uns meses un corte e que a reposición non está correcta, e desde logo xa dimos conta ao Ministerio de Fomento desta incidencia". E tamén se referiu "a estas incidencias que se dan no polígono industrial de Ribadeo a conta dos fallos de telefonía de Movistar, no que lles comentamos aos corporativos que hai moi pouquiños días por parte desta operadora se nos  asegurou o compromiso de resolver dunha vez por todas esta incidencia e que os máximos responsables a nivel galego ían vir aquí a dar a cara diante de todos os usuarios e empresarios do polígono industrial de Ribadeo".
"
Polo que me contaron (non asistín), debeu de ser un pleno realmente curioso [non sei como non vai máis xente para observar as curiosidades] que mesmo tivo un receso que foi ofrecido para que o membro dun partido clarificara as ideas en relación a unha proposta do propio partido, chamando a quen correspondera. Os orzamentos non tiveron discusión, cousa inédita aínda tendo maiorías absolutas o equipo de goberno, e que é reseñada na glosa do alcalde.
E, despois das verbas do alcalde... nada máis que dicir.

Ningún comentario: