20160408

UNHA VELLEZ EN SOIDADE. Artigo de J.Mª Rodríguez

Copio do blog de José Mª:
Aí están. Sós nas súas casas. Ese é o seu destino. Vellos sen familia. O froito dunha sociedade de progreso. Vellez en soidade. Dise que “de vello dúas veces neno”. Pro nas súas vidas non hai nenos que lles fagan rir e lembrarlles a súa propia nenez. Están sós. Cun horizonte negro por diante. Algúns cruzan apenas un saúdo co veciño que teñen no piso do lado. Outros, en casas illadas nas súas aldeas, rumian en soidade os nostálxicos recordos do seu pasado. É a idade da decrepitud, da debilidade.
E están incomunicados, divididos, illados. Non se ven entre eles. Nin sequera un e-mail para contarse as súas penas. Incapaces de xuntase para reivindicar os seus dereitos. Gostaríalles saír á rúa para facerse oír. Gritar a súa soidade e o seu abandono. Pro a súa voz, debilitada polo paso dos anos, non é mais ca un eco entre as catro paredes da súa casa. Algúns agardan a chegada da traballadora social. Unha hora de compañía. E outra vez sós.
E a súa familia? Uns perderon a tódolos seus seres queridos. Outros a teñen traballando moi lonxe. Non poden coidalos. Chegarán sós ó final da etapa. A súa familia aparecerá, seica, no último momento pra recoller os seus escasos bens. É o progreso.  Sós na vida e sós na morte. Cada día se ven máis casos.
E a sociedade? Inmersa no intenso ritmo da vida, do traballo e a diversión. Traballo lle custa poder sobrevivir. Non ten tempo pra acordarse deles. Xa non lles son útiles. E, como “a can vello todas son pulgas”, as súas escasas pensións apenas lles chegan prós seus gastos. Unha miseria. Eles… ¡que tanto loitaron pra poder ter este que chamamos “estado de benestar”! Chegaron á vellez sen aforros. O diñeiro gañado na vida foilles roubado en impostos para manter lacazás e no pago da chamada seguridade social que agora se torna en abandono. A súa pequena paga apenas chega pra unha residencia pública.
E non son poucos. Uns 270 anciáns soamente en Ribadeo. E todos maiores de 80 anos. Pro están calados. A súa voz non se oe. A súa mirada xa está apagada. As institucións públicas poden estar tranquilas. Non van saír a gritar polas rúas nin exhibir as súas pancartas reivindicativas. Non son un problema. Porque os vellos non teñen voz. A súa voz está apagada, cansa. Pobres vellos. Que sós quedan!

Ningún comentario: