20160412

Yanis, tes que comprendelo

Nun dos descansos, un ministro intentou tranquilizarme coas seguintes palabras: "Yanis, tes que comprender que ningún país pode ser soberano na actualidade. De xeito especial, se se trata dun pequeno e en bancarrota, como o teu".
O anterior saqueino do adianto editorial do libro de Yanis Varoufakis 'E os débiles sofren o que deben'. Non é que me impactara porque diga algo novo, senón sinxelamente pola naturalidade con que o tomei no seu momento. Con débedas, pequeno,igual a asoballado, escravo. E, un pouqiño máis aló, se iso lle pasa a entidades que aínda que pequenas, seguen sendo grandes a escala humana, botemos contas para as persoas, eses seres singulares que somos, que, a máis do poder dos cartos estamos subyugados por un poder estrutural, político, imposto de fóra ou (hai tempo e noutras circunstancias) autoimposto, que rematamos a ver como estranxeiro.
E temos que comprendelo, segundo parece. Se un ministro de economía ao mando duns cantos millóns de persoas ten que comprendelo, imaxinémonos nós  a necesidade de comprensión.
O problema non é comprendelo, aínda que poda resultar costa arriba o asumir esa comprensión. Non, o problema é a actuación despois de comprendelo...
Yanis Varoufakis. Foto: Jörg Rüger. Lic. Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported

Ningún comentario: