20160510

A relixión por estes lares

Na fin de semana, o bispado facilitou á Voz, entre outros, os seguintes datos sobre a diócese de Mondoñedo-Ferrol:
4523 km2
274 290 habitantes
273 975 católicos
141 sacerdotes (136 na diócese, 2 fóra, 3 máis, no extranxeiro)
1168 bautizados (suponse no 2014, pois os datos corresponden a ese ano)
580 confirmados
1154 comunións
310 matrimonios
10 colexios relixiosos
5063 alumnos
2 centros de acollida de Cáritas
15136 asistidos
Isto é, a extensión da diócese, que non é de agora, é equivalente á metade da provincia de Lugo, extendéndose por Lugo e A Coruña. A densidade de poboación da 60 habitantes cada km2, é dicir, tan só 2/3 da galega, ó non incluír ningún núcleo de poboación dos 'grandes', unha vez que Ferrol decabalgou definitivamente dos núcleos grandes ó ir baixando o naval.
Polo que parece, na diócese hai pouco máis de 300 persoas que non son católicas. Coido que esas contas están mal botadas. Non só por xente doutras relixións, senón por xente que deixou de ser católica (ou que non lle deixaron 'borrarse da lista'), a máis da non practicante, que non aparece reflectida.
Aínda co anterior, e supoñendo que os 136 sacerdotes 'reais' da diócese sexan todos activos de cara ós fieis (e non en tarefas administrativas, por exemplo) e todos en idade tamén activa (o que é moito dicir, visto a idade media dos sacerdotes e que hai 1 seminarista), saen a 2000 persoas a atender por cada sacerdote. Coa dispersión de Galicia, a atención, por moito que queiran...
1168 bautizados implica que para chegar a remprazar a 'poboación católica' actual deberían pasar uns... 250 anos! (supoñendo que nese tempo non morrera máis que a poboación actual, claro) De xeito equivalente, vale dicir que o tamaño da diócese, medido en número de fieis e suposto que non haxa 'emigración dende o catolicismo a outras opcións', diminuirá a un 1/3 do actual nuns 80 anos. Suposto que por outra parte é dubidoso, pois houbo 580 confirmacións. É dicir, só a metade dos bautizados se confirma, reducindo así polo menos á metade as cifras de fieis proxectadas (ou duplicando ata os 500 anos o tempo que sería necesario para o remprazo!)
As cifras correspondentes á primeira comunión, como festa familiar tradicional, mantéñense apegadas ás de bautismo. En cambio, outra festa social, o matrimonio, reduce tamén os seus números equiparándoos cos de confirmados (310 matrimonios x 2 persoas implicadas sae unha cifra semellante á de confirmados) Non é o meu obxectivo razoar aquí sobre as causas dunha e outra cifra, que considero ben diferentes.
Di que hai 10 colexios relixiosos. Aí debe entenderse 'de propiedade relacionada coa igrexa', pois na actualidade o seu claustro ten unha porcentaxe de monxas (os curas son abondo menos) ben reducida. Así que as ordes relixiosas seguen a ter o poder neles, pero exérceno sobre seglares.
O número de alumnos corresponde a unha porcentaxe en liña con outras partes de Galicia e España.
En canto a Cáritas, dicir só que se fala de 'asistidos'. E esa palabra é abondo dúctil, incluíndo moitas categorías posibles.
No dominio público, realizado por Susana Freixeiro, collido na Galipedia.

Ningún comentario: