"CASA BRASONADA DO PARQUE DE RIBADEO
Francisco José Campos Dorado
O escudo que se presenta a sinistra é o escudo da casa do parque de Ribadeo, coñecida como a “casa dos cuatro hermanos”, onde estaba o comercio de Maseda que fai esquina entre a rúa Villafranca del Bierzo e a Praza de España, coñecida de vello en Ribadeo como o campo ou o parque. O escudo central é o escudo da Casa do Patín, a construción civil en pé “máis antiga” de Ribadeo, segundo a Gran Enciclopedia Gallega (editada por Silverio Cañada, 1974, Tomo XXVI). O escudo dereito está na Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante.
Os tres escudos presentan o mesmo cuartelado en cruz e os mesmos mobles en cada cuartel, con diferenzas de labrado propias da mestría de cada escultor. En canto ós adornos exteriores son nos tres diferentes, quizais debido os deseños de cada cabaleiro que aínda sendo de ramas da mesma familia, tiñan ideas e presupostos distintos para pagar cadansúa realización.
Escudo da Casa do Parque. Ribadeo |
O primeiro, da casa do parque, non ten data. É un escudo español clásico, cunha cruz cristián no centro rompendo a borde alto da bordura, na que non consta lema. Está timbrado cun casco de fidalgo mirando a destra, rematado cun penacho de cinco plumas. O campo está orlado con dúas ramas de palmeira en grilanda que parten da parte baixa.
Escudo da Casa do Patín. Ribadeo |
O segundo, da casa do Patín, e un escudo español con data do 1700, de factura máis antiga, modificado a unha forma cuadrangular segundo o xenio do artista, e que asemella máis os escudos presentados no “Nobiliario Vero” de Ferrán Mexía de 1492. Na parte alta da bordura ten unha pequena cruz cristián cun Cristo ben esculpido en primorosa miniatura, sobre o lema: “MENENDEZ AVANTE CON LA CRUZ ADELANTE”, das armas dos Menéndez Navia. O campo de armas está totalmente rodeado de lambrequines propios do arte renacentista e sostido por follas dunha planta acantácea propias do arte clásico.
Escudo da Casa do Outeiro. San Miguel de Reinante |
O terceiro, da casa do Outeiro de San Miguel de Reinante, é un escudo español, tal como o primeiro, timbrado cunha cruz cristián máis aparente que apoia sobre a bordura onde se le o lema: “ABANTE CON LA CRUZ ABANTE” das armas dos Villaamil. O adorno exterior semella un fermoso pergamino que se envolve sobre a bordura como soporte e sostén. A casa foi feita polas primeiras décadas de 1700 por D. Baltasar Menéndez de Navia y Villamil, casado con Dª. Mª Luisa de Carmen Trelles Prelo Castrillón. É moi posible que algún dos Villaamil que ocuparon esta casa fose do estado eclesiástico pertencente o Santo Oficio, pois o timbre deste tipo de Cruz Cristián é característico do Tribunal da Inquisición.
No primeiro escudo, primeiro cuartel, vemos unha barra engolada de dous dragantes e un home cunha cruz procesional con mango longo en posición vixiante, situado sobre o que parece un escusón faixado ou burelado sen bordura lateral. Son armas dos Lamas e dos Busto, estes últimos poderosos comerciantes marítimos. Este cuartel é similar o 1º e 3º do escudo de armas da casa de Dª María Lamas e de D. José Navarro Reverter, sito no lateral norte da súa casa da rúa Viejo Pancho de Ribadeo. Tamén son armas dos Menéndez Navia emparentados cos Villaamil.
No segundo e no terceiro escudo, o escusón é máis aplanado, parecéndose a cuberta dun barco antigo. No terceiro, o home, é un soldado vixilante que porta unha alabarda de coitela de prata e asta de ouro (sen esmaltes), quizais facendo máis énfases sobre o carácter de comerciantes marítimos da familia dos Busto. O segundo cuartel é igual nos tres, unha águia coroada mirando a destra, co vó baixado ou coas ás caídas, das armas dos Aguiar e a cada lado da cabeza e a mesma altura días coroas laterais das armas dos Villaamil (en campo de azur unha águia coroada de ás baixas de prata, con dúas coroas laterais do mesmo metal á mesma altura da cabeza).
O terceiro cuartel, igual nos tres, unha águia coroada mirando a sinistra, salvo na casa do Outeiro que mira a destra, co vó baixado ou de ás caídas, das armas dos Pardo (en campo de sinople unha águia de prata coas ás baixas, coroada co mesmo metal). Podemos ver un águia similar, no 4º cuartel do escudo do patronazgo da capela da Virxe de Lourdes, dentro da igrexa parroquial de Sta. María do Campo de Ribadeo.
O cuarto cuartel é igual nos tres escudos, e mostra un castelo sobre ondas do mar das armas dos Villamil.
As árbores xenealóxicas das familias que relacionan estes tres escudos, son as seguintes, aínda que non sabemos exactamente en que momento algúns dos seus membros viviron nestas casas que se mencionan e nas que deixaron a súa impronta. Obviamos outras ramas doutros fillos para non ser demasiado extensos e non enturbar a cronoloxía de trescentos anos que nos interesa neste relatorio.
Xenealoxía
1. D. Salvador Menéndez Navia Villamil (vive en 1719) (sin descendencia)
2. D. Sancho Manuel Menéndez Navia Villamil casa con: Dª Mª Josefa Fuertes Sierra Prelo Castrillón. O seu fillo: 1. D. Baltasar Menéndez de Navia y Villamil (señor da Casa do Limonar hoxe do Outeiro de S. Miguel de Reinante) casa con: Dª MªLuisa de Carmen Trelles Prelo Castrillón. O seu fillo: 1. D. Juan Antonio Menéndez Navia Villamil y Trelles (1752-1815) casa con Dª Melchora Mª Valledor y Lamas (f.1829). A súa filla: 1. Dª. Mª Luisa Menéndez Navia y Valledor (1771-1852) casa con: D. Vicente Fco. José Lamas de la Torre (1765-1817)(do Pazo de Quintalonga). O seu fillo: 1. D. Vicente de Lamas Menéndez (1796)(señor do Pazo de Quintalonga) casa con Dª. María Teresa Navia Osorio (1814). O seu fillo: D. Ramón de Lamas Navia Osorio (1851-1926) casa con Dª. Anunciación Amalia Sanjurjo. A súa filla: 1. Dª. María Teresa Lamas Sanjurjo (1886-1970) casa con D. José Navarro Reverter.
Recordar estes escudos, é ás familias que pertenceron, é unha labor que nos permite albiscar anacos da prezada e preciosa historia do noso pobo, así como, non esquecer que algún día o Concello ou algunha Asociación Cidadán, deberían de facerse cargo de inventariar o patrimonio municipal, tanto civil, como militar e sacro, como marítimo, etnográfico e arqueolóxico, e a poder ser, e a non tardar, para que non desapareza de todo, facer un museo o suficientemente amplo como para conter tanto salas de exposición como cuartos e laboratorios de investigación."
Ningún comentario:
Publicar un comentario