20160519

Corre, que te pillo!

Algo diso deberon pensar os directores económicos dese ente que se chama España: corre, débeda, que se non ímoste pillar e a este xogo xa non imos xogar!
Onte era a nova de prensa: a débeda pública xa alcanzou ó PIB. Iso significa que os españolitos teriamos que pasar un ano enteiro sen recibir un céntimo (en teoría, de Amancio Ortega a ti) nin pagar a proveedores, nin efectuar calquera outro pago, como impostos, para poder xuntar os cartos correspondentes á débeda. Evidente: é inviable. Os 23 500 €/español (bebés e anciáns incluídos, claro) que 'debemos' representan iso, abondo máis que o soldo que corresponde promediado entre rentistas e traballadores, por unha beira, e dependentes, por outra. Redondeando, catro millóns das antigas pesetas por cabeza. Nunha familia de catro, corresponden 94 000 €, ou sexa, case 12 000 000 pesetas. Outro xeito de velo: esa familia tardaría 20 anos, a razón de 400 €/mes, para poder sacarse de enriba esa débeda, supoñendo que non tiver xuros, o que non é certo e habería que incrementar. E, se os xuros foran só o mellor diferencial con Alemaña (isa cifra que tanto levan cacareado e que últimamente está máis ben oculta) destes últimos anos, habería que incrementar o pago en cousa doutros 100 euros/mes máis. Repito. No mellor dos casos, para amortizar a débeda a 20 anos vista, cada familia de catro membros deberá desembolsar 500 euros mensuais. A Rajoy ou ó presidente da patronal que tan lindas declaracións produce non lles supoñerá problema. A quen non teña medios nin para alimentarse, algo máis: terá que se esforzar.
E poderiamos pensar isa é 'a cruz' da moeda.
Pero non, esa sería máis ben 'a cara'. A cruz está nos recortes sufridos, nos roubos cos que apencamos, no aumento de desigualdade, na xente sen traballo, na fame. Nunha carreira na que nun só mandato máis que se multiplicou por dous a débeda deixando á xente na cuneta, sen dereitos, cartos ou xeito de conseguilos nun país que por momentos se vai parecendo a unha cárcere  onde a única saída é esa: saír, marchar, emigrar  e esquecerse dunha nacionalidade que leva emparellada débeda e sometemento, fuxir onde haxa un futuro que aquí non se ve e que temos que facer que se vexa.
Bandeira de España desgarrada. Collida de https://eduardobrionesgomez.com/2013/06/02/bandera-de-espana-rota-por-el-viento, quitándolle o fondo.

Ningún comentario: