20160517

Nota de prensa. Grupo « Por nuestro faro »

O grupo « Por nuestro faro » manifesta que despois dun ano de procura de información por diferentes vías, seguen a existir lagoas e puntos nada claros en relación ós trámites, contido dos expedientes, e desenvolvemento do proceso.
Por exemplo, non existe un trámite claro no que se faga unha avaliación global da suma dos dous novos proxectos (faro, por unha beira, e, polo outro, cafetería ampliada por terraza exterior con carpa de 46,17 m² máis) máis os engadidos de carteis, aparcamento, e outros recheos na illa. Tampouco temos informacións en relación á fase inicial de adxudicación da concesión nin á exposición pública do expediente.
Con respecto ós documentos examinados, existen unha serie de informes sectoriais moi confusos, con argumentos que se prestan a diversas interpretacións, ás veces contraditorios, ademais de existir, a día de hoxe, certos informes aínda inexistentes ou descoñecidos.
Pensamos, por outro lado, que o non respectar as datas iniciais estipuladas no contrato de concesión para o inicio das obras, e para a presentación do proxecto, e todas as modificacións levadas a cabo dende hai un ano ata chegar ao que agora son « dous » proxectos representan cando menos un serio interrogante en canto á validez do contrato inicial.
Pensamos, de igual xeito que, coun mínimo de sentido crítico, o alcalde de Ribadeo debería polo menos incidir nestas carencias e estudar de preto os diferentes aspectos do expediente antes de dar o visto bo no que respecta a informes ambientais, de paisaxes, Rede Natura, etc, pois non está obrigado a dar aa licenza de obras a cegas só porque outros informes de Portos ou da Xunta sexan tolerantes. Temos constancia de que noutras cuestións, o seu punto de vista diferiu de xeito notable do de istos, e así o fixo saber, como foi no caso da financiación do Centro Social de Ribadeo o da protección de As Catedrais. En consecuencia, apoiar unha obra sen cuestionar o impacto real desta así como os danos para Ribadeo e a súa comarca serían reveladores de parcialidade e dun interese específico para que a obra se leve a cabo.
Nas condicións actuais estimamos que non existiría unha base sólida para outorgar a licenza municipal, e no caso de dala, estaríamos dispostos a recurrila.
O movemento « Por nuestro faro » conta co apoio dos seus máis de 700 membros en facebook, seus máis de 1600 sinaturas en internet, e 800 recollidas a pé de rúa que lexitiman a súa iniciativa popular, dada a porcentaxe masiva de cidadáns ribadenses entre os seus simpatizantes.
Por todos istos motivos, dispoñémonos a presentar unha alegación ante o Defensor do Pobo nos próximos días.
Grupo « Por nuestro faro »

Ningún comentario: