Á beira da estación de autobuses, baixando pola estrada que vai a Vilaselán, no barrio das Barreiras, atopamos a Casa de Cristos, unha ampla casa solarega cun hórreo típico de Ribadeo unido á estancia principal por un corredor-ponte sobre un portón de entrada que da acceso ó que deberon de ser as cuadras e a palleira. Na fachada frontal que da á estrada, á beira dunha fiestra da planta alta, hai unha pedra labrada, a modo de escudo, de cantería de grao groso, que aínda que está cuartelada en cruz, parece non ten que ver coa heráldica, senon máis ben con algúns aconteceres dos seus primitivos donos, presumiblemente relacionados con algunha orden relixiosa. A simboloxía, ó saírse dos cánones heráldicos, é moi enigmática para un lego en mística, pero representa un reto a interpretación da historia que nos está contando, a cal trataremos de explicar tal como nós a percibimos polo que vemos, sinxelamente para amosar o que hai, pois quizais alguén que o vexa, poida aportar outras interpretacións distintas ás que eiqui se dan.
Imaxe da zona, centrada na casa de Cristos |
No tercerio cuartel, hai algo parecido o JHS (Jesús Hombre Salvador) que é un monograma resultante da abreviatura do nome de Xesús en grego IH∑ (Iota eta sigma) que o pasar ó latín quedou IHS. San Ignacio de Loyola, fundador da Compañía de Xesús (Xesuitas), usábao como selo xeneralizo engadíndolle unha cruz na asta da H (tal como se ve nun dos catro dinteles labrados da casa, sin dubida da Orden, que data do ano 1759, de Cacabelos de Abaixo, hoxe o Amodiño). San Ignacio poñíalle ademais por debaixo, no seu selo persoal, unha media lúa coas puntas para arriba, entre duas estrelas, de dificil intrepetación. Este símbolo fíxose frecuente nas portadas de libros, paredes, dinteles, altares, igrexas e casas da Orden, como homenaxe o cabeza e titular da Compañía de Xesús. Entón, ¿a casa de Cristos foi a casa dun misionero xesuíta en China?
No cuarto cuartel, móstrase unha cruz entre catro aspas. A cruz de brazos iguais é similar, na forma, á que porta a bandeira de Suíza, máis que á que porta a bandeira de Grecia, que é de brazos máis delgados.
No “Ribadeo Antiguo” de Francisco Lanza, vemos a partires da páxina 109, os escudos ou “pedras de armas” de Ribadeo (como Lanza lles chama). Entre elas está o debuxo deste escudo que hoxe nos incumbe, e que o debuxante de primeiros do século XX, puido ver en mellores condicións ca nós, pois non estaba tan roído pola erosión, interpreta o que ve, como sigue: debuxa no primeiro cuartel unha árbore e ó pé un lobo pasante a sinistra, e os lados figuras distintas. No segundo cuartel debuxa unha torre almenada cunha media lúa en cuarto minguante, como diría un astrónomo, pero que no arte da heráldica chámase un “crecente contornado” cuxas puntas miran a sinistra. No terceiro cuartel debuxa unha extraña figura, e no cuarto cuartel unha cruz que apoia na bordura. Ningún destes cuarteis está explicado na inestimable obra de Paco Lanza.
Si houbera que interpretalo con algo semellante na heráldica, diríase que ten que ver cunha rama familiar dos Cruz-Montenegro, polo primeiro cuartel dos Montenegro de Pontevedra e polo cuarto cuartel dos Cruz. Pero para iso, habería que interpretar o “peregrino” que hoxe se percibe e as figuras destras tapadas con cemento, como unha árbore con dúas ramas a cuxo pé está un lobo pasante, e obviar as figuras sinistras e destras. A cruz do cuarto cuartel, debería estar orlada de oito vieiras en vez das catro aspas que se ven claramente neste cuartel. Por tanto a interpretación heráldica sería moi forzada.
Fachada co hórreo e escudo (no centro esquerda da foto), na estrada das Barreiras. |
Por outra banda o segundo cuartel, interpretado, como en Lanza, por unha torre (na que non aparecen hoxe por ningures as almenas) cunha lúa (dubidosa) no medio, podería ser algunha rama particular da liñaxe dos Rosón. E o cuarto cuartel pode referirse a varias liñaxes de apelidos, tales como: os Abraldes, Albergaria, Armesto, Lugo, Meira, Sarela ou os Trabada, coa particularidade de que as cruces non se asemellan, pois no arte da heráldica danse formas máis repinicadas nas terminacións dos brazos da cruz.
Resumindo, e segundo nós o vemos, antes que unha “pedra de armas”, parece máis ben, unha pedra labrada que trata de contarnos unha historia, apaixoante sen dubida, que debe de ser desenrolada, cuartel a cuartel, tal como o facían na miña infancia aqueles manciñeiros e vendedores ambulantes que viñan o mercado dos mércores, e que ían pasando as láminas con “cantares de cego”, cunha vara ou cun punteiro, na concurridísima praza de Ribadeo, aqueles homes que tanto explicaban a voz en grito ou a modiño, vidas de Santos, como tremebundos aconteceres de algo extraordinario... ¿pero qué nos está contando esta pedra labrada?
Sería interesante poder investigar este capítulo de historia antiga, nese arquivo e biblioteca centenaria dos padres Xesuítas: cal foi a súa relación con Ribadeo, qué relevancia tiveron na vida do pobo, e por qué non quedou nada escrito o respecto, ¿ou sí quedou e non sabemos onde está agochado? ¿Quen construíu a casa das Barreiras e por qué escribiu na pedra esa enigmática e hoxe descoñecida historia? E ¿a casa do Amodiño que tantas marcas visibles e inequívocas deixou da súa procedencia relixiosa orixinal? ¿Ten algo que ver coa celebración do Santo Encontro da Semana Santa perto desta casa, e que se predique desde un balcón próximo e se celebre na Praza de Abaixo ou da Constitución de 1812 porque alí tamén estaba a Casa do Concello? ¿Están relacionadas ámbalas dúas casas e as súas vivenzas? ¡Quen sabe!
A Casa de Cristos, hoxe |
Ningún comentario:
Publicar un comentario