20160628

ESCUDO DO RECANTO DE FERRADORES. Francisco José Campos Dorado


Mapa de OSM centrado no Recanto de Ferradores
Subindo desde as “Catro Calles” pola rúa Reinante, xusto pasada a farmacia de Cid de Dª Carmen Álvarez Lebredo, atopamos un metido a destra chamado o Recanto de Ferradores. Ó fondo hai un escudo de armas español, timbrado cun casco de fidalgo mirando a sinistra. Está adornado con lambrequines sinxelos que surmontan o campo do escudo polo lado destro, caendo como chorretóns de auga dunha fervenza, externamente a un borde moi marcado e estreito chamado: filiera.

O casco mirando á sinistra pregoa bastardía segundo opinión dalgúns tratadistas, pero, como di Luis F. Messía de la Cerda y Pita, na súa obra Heráldica Española: “persoalmente opinamos que estas celadas mirando a sinistra son erros do artista, pois ó non ser obrigatorio o seu uso, ningún bastardo (que o considerara vergoñento) as poñería desta forma, e deixaría o escudo sen timbrar”.
No fondo da pedra labrada, ten escrito:  
SARMIENTOS I TEIXEI(RAS?/ROS?)
Esta lenda parece lóxico faga referencia as liñaxes as que pertence. É unha mágoa, non poder ler a inscrición do brazo horizontal da cruz que o cuartea e na que só se distingue, case ó centro, unha “E” e restos doutras letras ilexibles. Posiblemente con técnicas especiais de lectura con luces infrarroxas, ultravioletas, raios X, etc. se puidera ler a lenda completa.
Está cuarteado en catro cunha cruz que tanto pode ser dos Franco como a de Calatrava, pois son de iguais características: brazos iguais, cuxos extremos rematan en flores de lis moi abertas (de ouro unha cruz, en campo de gules). Só se ve bastante ben o remate da cruz na parte destra, un pouquiño na parte alta do xefe e algo na sinistra, no remate da punta ou do pé está destruída a forma.
A cruz dos Franco, pertence a D. Alonso Franco Lobo Guerrero, casado con Dª Sebastiana Vargas, unha moi antiga familia repartida entre as veciñanzas de Ribadeo, de San Vicente de Cubelas, de San Xoán de Piñeira e de Ove, que preitearon o recoñecemento da súa fidalguía en 1544 e 1563 na Chancillería de Valladolid.
A cruz de Calatrava pode pertencer ós Sarmiento da Casa de Mos, D. Gabriel Sarmiento de Quirós Sotomayor y Sousa, cabaleiro da Orden de Calatrava, casado con Dª Catalina Sarmiento Sotomayor y Noboa, señora de Gomesende. Pero a cruz de Calatrava tamén é representativa das armas dos Santa Cruz, cuxo primeiro Marqués de Santa Cruz foi D. Álvaro de Bazán, Capitán General do Mar Océano; seu fillo D. Álvaro de Bazán y Benavides foi o segundo Marqués de Santa Cruz, seu neto D. Henrique Bazán y Benavides Marqués do Viso e seu bisneto D. Francisco Bazán y Benavides, Marqués de Baiona.
As figuras ou pezas do escudo están moi desdebuxadas pola erosión, presumibelmente producida pola intemperie, quizais porque houbo un tempo en que non estivera tan resgardado como o está hoxe entre as casas. O traballo xenealóxico, neste caso, é susceptible de erros, pois carece dunha fonte documental necesaria para facer unha árbore xenealóxica, pero logo de meditar si sería mellor omitir ou publicar o que temos, creemos que non debemos deixar o sabido nos estantes da nosa biblioteca, pois isto pode ser de axuda a estudosos futuros, cando outros documentos poidan saír a luz que hoxe, seguramente, dormen “prácidamente” por algún lugar.
Primeiro cuartel: se votamos man do escrito na lenda teñen que ser armas dos Sarmiento, pois non se amosan roeles en ningunha parte máis, e están acompañadas doutra figura moi desdebuxada que parece a asta dun alce ou dun cervo ¿dos Cervantes?. Ámbalas dúas son interpretacións especulativas, pois non concordan as armas dos Sarmiento que teñen trece roeles distribuídos: 3-3-3-3-1 e non só oito, quizais nove, como se amosan neste cuartel. Por outra banda a forma de asta dun alce ou dun cervo, pode ser produto da abrasión da pedra e non da obra labrada, propia da man dun artista.  
Segundo cuartel: está moi desdebuxado case destruído. Apercíbese algo así, como unha árbore de copa redonda, cuxo tronco pasa por detrás dunha figura que parece a pata traseira dun león e unha á dunha ave grande, quizais dun “grifo”, figura mitolóxica metade águia metade león. 
Terceiro cuartel: en este cuartel, moi desdebuxado, percíbese unha torre e o que parece un lobo a destra encaramado. Son armas dos Cámara. En campo de sable (cor negro), unha torre de prata cun homenaxe (cunha torre enriba) e dous lobos de ouro encaramados a ela, un por cada lado (os esmaltes son os do Nobiliario, xa que non se poden ler no cuartel). Cámara é un apelido portugués que pasa a Galiza como as armas de Pita, a máis coñecida Dª Mayor Fernández de la Cámara, pasou á historia como María Pita que defendeu a cidade de A Coruña do ataque do pirata inglés Drake // As armas dos Teixeiro, da casa solar de Lorenzana, teñen un castelo similar. En campo de azur un castelo de prata remontado de torres, pero tería que haber catro cabaleiros armados a porta do castelo, que neste caso son irrecoñecibles. D. Alonso López Teixeiro foi o fundador do morgado de Teixeiro en San Pedro de Riotorto. Dª Catarina Méndez de Miranda y Teixeiro, cásase con D.Pedro Álvarez de Aguiar. En 1624 era señor da casa de Lorenzana D. José Sarmiento Teixeiro. En Ribadeo D. Bernabé Bahamonde Teixeiro cásase en 1668 con Dª Antonia de Torres Suárez de Villaamil, e o seu neto D. Agustín Baamonde cásase con Dª Josefa Sarmiento de Ribadeneyra. En 1775 D. Nicolás Clemente Sarmiento Teixeiro Ribadeneira Sotomayor y Saavedra é o señor da Casa de Teixeiro e estaba casado con Dª Carmen Canel y Vivero (Blasones y Linajes de Galicia, Frei José Santiago Crespo del Pozo, Volumes II e V, Mosteiro de Poio)  
Cuarto cuartel: mobles moi desdebuxados, parece unha árbore cunha espada colgada a destra das armas dos Pardo de Donlebún, nas que non se percibe o escudo colgado a sinistra. Brasón que se conseguía nun “paso de armas” ou lugar que os cabaleiros se empeñaban en defender facendo barricadas e colgando as armas das árbores para sinalar que estaban alí, e que non se podía pasar sen combater coas persoas que o defendían // Tamén puidera ser só unha árbore das armas dos Quiroga (un pino de sabre en campo de ouro ou de sinople. Os esmaltes están irrecoñecibles) 
A cuestión dos fillos bastardos era bastante normal entre os reis de España, pois casaban coa muller que lle asignaban as obrigas da política, e logo tiñan relacións extra matrimoniais coas mulleres que lles gustaban e das que estaban, moitas veces, realmente namorados. Podemos citar como un caso clásico deste tipo de relacións a do rei Afonso XI “O Xusticeiro” (1312-1350) que estaba casado coa infanta Dª. María filla de Afonso IV de Portugal da que tivo un único fillo, o futuro rei Pedro I “O Cruel” (1350-1369). Pero a súa vez Afonso XI, tiña amores coa belísima sevillana Dª. Leonor de Guzmán coa que tivo dez fillos bastardos. Estes dez fillos o marxe do matrimonio, foron os que crearon a dinastía dos Trastámara que se perpetuou nos reis: Henrique II “O das Mercedes”, unha delas foi o Condado de Ribadeo, concedido a Pierre de Villaines (1369); Xan I (1379-1390); Henrique III “O Doente” (1390-1406) casado con Dª Catarina de Lancaster, primeiros Príncipes de Asturias; Xoán II de Castela (1406-1454) rescatado da prisión por Rodrigo de Villandrando, conde de Ribadeo. Xoán II casa en segundas nupcias con Dª. Sabela de Portugal madre da que vai ser Sabela “a Católica” (1474-1504). A Xoán II sucedeuno seu fillo Henrique IV “o Impotente” (1454-1474) habido no primeiro matrimonio, que foi destituído pola súa media irmá Sabela “a Católica”, que usurpou o trono da herdeira lexítima Dª Xoana “a Beltranexa” filla de Henrique IV. E por último Xoana I “a Tola” (1504-1555) que foi raíña toda a súa vida, aínda que non exercera como tal. 
¡E unha mágoa co escudo estea tán deteriorado e non se poidan ler ben as pezas coas que concretar a xenealoxía, pois non deixa de ser outro dos tantos “misterios” de Ribadeo!

Ningún comentario: