Onte pedinlle a Farruco Graña e pasoume o informe presentado ó pleno polo que se propoñía a Eduardo Gutiérrez Cronista oficial, a peza que faltaba no post anterior. Aquí vai:
"Xosé
Farruco GRAÑA RAMA, concelleiro delegado de Cultura, de conformidade
coa resolución de alcaldía de data 29/04/2016, nomeado instrutor
así como responsábel da tramitación do expediente para o
nomeamento de Cronista Oficial de D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ,
INFORMA:
1º-.
Por Resolución da Alcaldía citada dispúxose a posta en marcha
deste informe para a instrución do expediente de nomeamento de
Cronista Oficial de Ribadeo de D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ,
elaborado segundo o establecido no Artigo 21 do Regulamento Especial
de Honras e Distincións do Concello de Ribadeo, e que posteriormente
será elevado ao Pleno do Concello.
2-.
As mulleres e homes de Ribadeo téñense caracterizado, ao longo dos
séculos, por desenvolver unha intensa actividade cultural acorde coa
puxanza económica e comercial da nosa vila e parroquias. Exemplos
temos, e abondosos, de ilustres persoeiros que nos souberon
transmitir esas inquedanzas e actividades desenvolvidas polos nosos
devanceiros. Este labor viuse especialmente proxectado a través da
moi activa prensa local, de ilustres ribadenses (a quen xa lles foi
recoñecido ese mérito publicamente) e dun tecido asociativo moi
dinámico e comprometido que soubo proxectar cara a Galicia e o mundo
enteiro o noso legado cultural. Unha das persoas que máis colaborou
na posta en valor dese legado histórico e cultural de Ribadeo foi D.
Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ.
3º-.D.
Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ é un ribadense que desde sempre
destacou polo seu intenso labor cultural. Alén da súa capacidade
profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e á súa actividade
produtiva agro-gandeira, Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ desenvolveu un
traballo cultural inxente no asociacionismo de base (presidiu a
Agrupación Cultural Francisco Lanza, deu multitude de conferencias e
axudou a organizar outras que dinamizaron a vida cultural ribadense,
foi organizador destacado da Feira do Libro Galego), como a nivel
ensaístico (das súas publicacións destacaremos "Do
vello Ribadeo",
da A. C. Francisco Lanza). A intelectualidade galega do século XX
ten visitado Ribadeo e proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara
ao conxunto do país, grazas ao labor de persoas como Eduardo
GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ.
4º-.
As súas investigacións permitíronnos recuperar e poñer de novo en
valor para a nosa memoria colectiva aspectos senlleiros da nosa
historia: o mesmo nos achegan ata a Porta da Vila e a Torre do
Reloxo, como nos trasladan ata o aeródromo de Vilaframil; lévannos
polas rilleiras de arriba e de abaixo, lémbrannos a puxanza das
parroquias de Cedofeita, A Devesa ou Rinlo, ou nos brindan anécdotas
acerca do comportamento a seguir nas nosas praias en tempos escuros.
En fin: conectou o noso pasado xa case milenario da man de Francisco
Lanza, co presente que lle tocou vivir ao longo da segunda mitade do
século XX, proxectándoo cara ao futuro de todos e todas nós.
5º-.
Por todo iso, e pola súa moi acreditada valía intelectual,
consideramos a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ merecedor do título
honorífico de Cronista Oficial de Ribadeo. Xa que logo:
PROPONSE:
Que
a Alcaldía-Presidencia eleve ao Pleno do Concello de Ribadeo para a
súa adopción co voto favorábel da maioría absoluta legal dos
membros da Corporación e procedéndose despois do mesmo acto,
extraordinario, público e solemne, a proposta que se formula:
Primeiro.
Concédese o título de Cronista
Oficial de Ribadeo ao
Sr. D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ, ao entender que están
debidamente acreditados os méritos que o fan acredor deste título.
Segundo.
A entrega en acto
público e solemne, reunida a Corporación en Pleno extraordinario ao
efecto e coa debida publicidade.
Terceiro.
Que no sucesivo e como tal Cronista Oficial de Ribadeo, ocupe o Sr.
GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ o lugar de honra que lle corresponda nos actos
aos que sexa convidado.
Ribadeo,
11 de maio de 2016
O
Concelleiro
Asdo.:
Xosé Farruco GRAÑA RAMA"
Ningún comentario:
Publicar un comentario