20160727

ESCUDO DA CAPELA DE SAN ROQUE. Francisco José Campos Dorado

Está situado no lateral esquerdo da hermida de San Roque, mesmo o dobrar a esquina da fachada detrás dos Cocos situados á beira da praciña. É un escudo de armas español con punta, timbrado cun casco mirando a destra de fidalgo antigo, terzado e ensinando cinco griletas ou rexiñas surmontadas por un burlete. A ambos lados do casco hai dúas flores de seis follas ou estrelas dun brasón de pai e nai, tamén chamados fidalgos de tres liñas paternas e maternas e adornado cun penacho de tres plumas. No sostén da punta, ten unha preciosa flor de dezaoito follas de onde parten dúas grilandas con motivos florais que adornan o exterior do campo en lugar de lambrequines.
Non ten data visible, e na bordura lese a lenda: “EN LAS ARMAS Y EL VENZER LLAMAS ES DE SOSTENER”. É un escudo cortado cuxa partición alta está a súa vez partida en dous. Son armas que tamén ostentan na familia dos Lamas de Quintalonga (Santalla de Vilaosende) emparentados na zona asturiana onde pronuncian a L como LL pois, aínda hoxe, por exemplo din: llousa, en vez de lousa. No pazo de Quintalonga, o escudo tamén é cortado e partido na parte alta en dous, onde primeiro cuartel presenta a “M” de armas dos Montenegro; no 2º cuartel a “M” coroada e rodeada de sete peixes dos Baamonde, e na partición baixa ou “campaña” presenta tódalas armas reunidas do escudo da capela de S. Roque.
O escudo da capela de S. Roque no primeiro cuartel (destro alto) presenta un crecente case contornado (coas puntas case mirando a sinistra) e cinco estrelas de seis puntas. A representación da Lúa con ollos, nariz e boca, con expresión seria, é bastante rara no gravado heráldico, pois así só se sole representar o Sol. A Lúa é unha figura natural cuxo símbolo era moi estimado por parte da nobreza hebrea que a traían representada nos seus zapatos como os patricios romanos e como, aínda hoxe, a traen algúns turcos (Código Heráldico Histórico de Modesto Costa y Turell, ano 1858, pax.101)
Dada a rareza da forma e posición do crecente, tamén pode deberse a que forma parte da brisura (distintivo no franco-cuartel ou cuartel primeiro) de crecente sobrecargado dunha estrela (neste caso do adorno exterior) que corresponde ó segundo fillo dunha familia, cuxo primoxénito tiña como brisura unha estrela igual que seu pai.
Este primeiro cuartel representa as armas dos Luaces da Casa de Camarasa, (en azur, cinco estrelas de ouro surmontadas de un crecente ranversado de plata). Neste caso, está máis labrado ó gusto do artista canteiro que non os canons da heráldica, pois o crecente ranversado (coas puntas mirando francamente cara abaixo) está entremedias de dúas e de tres estrelas, e non o lado das cinco estrelas (Luaces, Brasóns de Galicia, Vol.I, J.S.Crespo del Pozo). Por outra banda tamén poden ser armas reunidas dos Salvatierra: sobre campo de ouro un crecente ranversado de gules surmontando cinco estrelas de ouro. Parecen ser liñaxes de D. Juan Otero de Luaces, con fidalguía na Chancillería de Valladolid en 1594, entroncadas coas dos Ribadeneira, dos Arias, dos Bermudez de Castro, coas de Gayoso e Guzmán, cos Sotomayor e cos Mariño de Lobeira, entre outras. O segundo cuartel, presenta tres lises, son armas dos Ares ou dos Donís. Nós pensamos que son armas dos Donís, pois existe a Casa de Donís en San Miguel de Reinante, emparentados cos Menéndez Navia e cos Lamas de moi antigo. A familia do actual propietario D. José María Paz López, comprou a propiedade fai máis de 80 anos a D. José Navarro Reverter marido de Dª María Lamas Sanjurjo descendente de D. Baltasar Menéndez de Navia y Villamil, fundador do patronazgo da capela de San Roque, como vemos no Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza.
O terceiro cuartel presenta cinco lapas de lume vivo, unha das figuras heráldicas naturais coa que se representa un dos tres elementos armeiros: lume, auga e terra. Son armas propias dos Lamas ou Llamas
Dentro da capela, sobre o retablo, hai outros dous escudos policromados pertencentes o patronazgo da capela. O esquerdo (mirando de fronte) é do fundador D.Balthasar Menéndez Navia e Villaamil, casado con Dª Antonia de Estrada e Manrriquez. Este escudo é igual que ó do Patín, que ó da casa dos “Cuatro Hermanos” do parque de Ribadeo e ó da Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante (descritos nun artigo anterior). O escudo dereito do retablo pertence ó patronazgo do canónico D. Salvador Menéndez Navia e Villamil que era tesoureiro da catedral de Mondoñedo, vinculado ó do fundador D. Pedro Núñez Llamas e a súa muller Dª Theresa Rodríguez de Cora. D.Salvador reedifica a capela polo ano 1719 e deixa o patronazgo en herdanza os seus sobriños D. José Antonio de Lamas y Menéndez e a D. José Antonio Ventura Menéndez (Ribadeo Antiguo, Francisco Lanza, pax.259). As armas deste escudo dereito policromado pertencen: 1º cuartel, axedrezado dos Ulloa; 2º cuartel, cabeza de lobo dos Lobeira; 3º cuartel, a aguia coroada dos Pardo de Cela e no 4º cuartel o castelo sobre ondas dos Villaamil. O escudo está moi ben conservado e o casco está a cuberto e abeirado por unha pedra de cantería na que está labrada unha folla de castaño. É un pracer poder ver que moitos devotos da capela de San Roque estean contribuíndo á restauración e arranxe do seu contorno co cal manterase en pé no tempo, e non desaparecerá con toda a súa historia local gravada como pasou coa Colexiata de Sta. María do Campo, coa Fortaleza dos Condes de Ribadeo, coa igrexa de Santiago de Vigo, coa capela da Misericordia ou co que está a pasar coa Virxe do Camiño que desde que se foron os freires da Consolata... ou coa capela da Trinidad que desde que se foi dalí o Colexio das Monxas da Caridade...¡en fin! todas estas igrexas e capelas zumegaban e zumegan Historia por cada poro e por cada pedra e non se deben deixar perder. Ribadeo ten Patrimonio Histórico Turístico dabondo, repartido por todo o Concello, como para chamar a atención durante varios días tanto a turistas nacionais como a estranxeiros en visitas guiadas, e si ademais se fixera, al menos, un Museo Científico Histórico Arqueolóxico Etnográfico teríamos lugares de interese e atractivos todo o ano, e non soamente polo Camiño de Santiago, “As Catedrais” e o Ribadeo Indiano... que tamén.

Ningún comentario: