20160718

ESCUDO NA RÚA ANTONIO OTERO. Francisco José Campos Dorado

escudo en Antonio Otero

Escudo de armas español con data do ano de 1675. Está a medio andar a calle Antonio Otero, fronte a Travesía Fernando III O Santo que une coa praza dos Catro Caños, situado na fachada dunha magnífica casa onde aínda se conservan uns poucos metros de soportal con arcos, vestixio do Ribadeo do século XVII. O escudo está á altura do segundo piso, ó lado esquerdo dun precioso balcón con varanda de fundición e adornado cun lintel e xambas con cadrados en baixo relevo nos que se representan flores de catro e seis follas. Na Casa dos Miranda da rúa Amando Pérez, fronte a fonte dos Catro Caños, atópanse dous escudos de forma de casulla, cuarteados en cruz. No escudo dereito segundo se mira á fachada, no cuartel terceiro (esquerdo baixo) atopamos representadas as mesmas armas inversadas, esto é, con certa simetría respecto dun eixe, neste caso do eixe vertical central (véxase foto 2).
detalle escudo casa dos Miranda

O escudo está timbrado cun casco de fidalgo ollando a destra, adornado cun penacho de catro plumas e lambrequines sinxelos caendo polos laterais do campo con bordura diminuída ou filiera. Baixo o casco e sobre a bordura, asoma o puño con garda dunha espada e dúas veneras ós extremos (no caso do de Miranda, o puño, espada e veneras están dentro do campo). É curioso observar á destra do puño da espada, que a gola do propio casco, remata nun pé estreito que produce unha parehidolia ou figura ilusoria que se forma, e que, neste caso, da a sensación óptica de que un animal cuadrúpede mete a cabeza baixo o casco, mesmo semella que ten dúas patas traseiras e rabo.
O campo está partido en dous pola folla da espada, cuxo puño está fora da bordura e no xefe (parte alta do campo) vese a cruz cristián que é típica da lenda dos Villaamil: “Villaamil avante con esta cruz delante”, pero neste caso o estar no xefe, tamén recorda as armas dos Burdaya, familia que provén de Galicia no confín entre León e Asturias. Por outra banda, a espada en pao (vertical) con dúas veneras a cada extremo do puño representa armas de Pousadouro ou Pousadeiro. Na partición destra do escudo, vense catro faixas en relevo sobre unha aguia mirando a destra. En realidade son tres faixas mal representadas, pois as faixas corresponden os ocos entre as catro en relevo, sobre unha aguia. Esta anomalía, no gravado que fixo o artista, queda corroborada no cuartel 3º do escudo da casa dos Miranda. Tamén pode verse esta mesma partición de tres faixas sobre unha aguia, na igrexa de Vilaselán, no escudo policromado que culmina a capela da Virxe das Dores do patronazgo da familia de Rodríguez Arango e Mon, señores de Guimarán.
Xa vimos no escudo da rúa Bispo Veres, no cuarto cuartel, en campo de ouro tres faixas de azur, das posibles armas dos Messía de la Cerda, pero en aquel, as faixas son máis estreitas ou como se di en heráldica, faixas disminuídas, polo que non deben ter relación ámbalas dúas liñaxes.
Aquí as tres faixas poden corresponder as armas dos Álvarez, de Barreira, Barrera ou “de la Barrera”, as dos Parraqués do señorío de Parga ou tamén as dos Venegas. A aguia, parece ser brasón dos Aguiar ou dos Pardo, que máis das veces leva coroa, e sen coroa tamén pode corresponder as armas dos Busto, pois teñen aguias inversadas como se ven máis claramente no 3º cuartel de Miranda, unha mirando a sinistra e a outra a destra.
A xenealoxía das tres faixas, pode ser de antecesores de D. Carlos Álvarez de Mon, que vivía en Ribadeo en 1794. A aguia dos Busto de Ribadeo, teñen executoria de fidalguía con data de 30 Decembro de 1512 na Chancillería de Valladolid, antepasados de D. Francisco Antonio Bustos y Flórez que, a súa vez, saca executoria de nobreza en 1785.
Na partición sinistra, unha aguia con pescozo delgado como de ganso mirando a destra (é un aguia como a do 3º cuartel dos Miranda, coa advertencia de que aquí a aguia mira a sinistra, de aquí a sospeita de que sexan as inversadas da familia Busto). A aguia está sobre ondas moi pretas (ondas de azur en campo de ouro), poden ser armas dun matrimonio entre un Busto, un Aguiar ou un Pardo con unha Marín ou de Mariño, ou ben, cunha Tavora.
Os tres matrimonios teñen posibilidade de ser, pois Aguiar, Busto, Pardo e Mariño, son familias que existen na veciñanza de Ribadeo, aínda que Mariño máis ben, se soe representar coas ondas do mar e unha serea, emparentados coas armas dos Mosquera, dos Deza e dos Sotomayor. Por outra banda, tamén poden ser Aguiar e Tavora, pois os Tavarés de Tavora, oriúndos de Portugal, figuran relacionados cos Oya, Sarmiento, Sotomayor e Montenegro, familias todas elas moi apousentadas na veciñanza de Ribadeo.
Por outra banda, ó estar as figuras alternadas e repetidas, caso das aguias neste caso, e con similitude coas bandas e olas, podemos pensar en que son armas primixenias dun cabaleiro que foi as cruzadas entre o século XI e XIII, o que era “unha peregrinación militar da cruz en viaxe a Xerusalén”. Estes cabaleiros por combater e librar o sepulcro de Cristo de mans dos infieis, tiñan privilexios papais como a indulxencia plenaria, que significaba a reconciliación inmediata do pecador, confesando para obter absolución pero con dispensa da carga de penitencia, e tamén o Privilexio da Cruz de 28-Novembro-1095 co que se aseguraban os seus bens baixo a protección do bispo, disposición que pasou o Dereito Feudal, obrigando o señor a protexer os bens dos cruzados, e a estes coa obriga de acudir en axuda do señor si este a requiría. Estes cruzados levaban unha cruz de tea cosida na súa vestimenta (cruce signati) que logo dispuxeron nos seus escudos de armas, con particións en catro cuarteis alternados con armas da súa liñaxe ou rexión, como ocorre co león castelo, castelo león de armas de España (1-2-2-1). As liñaxes do escudo son moi antigas pois pertencen os brasóns chamados “armas parlantes”, isto é, designan o nome da familia que non se sabe moi ben, se foron as armas as que deron o nome a familia, ou foi a familia a que deu o nome as armas, unha aguia (Aguiar), ondas mariñas (Mariñas, Mariño), faixas ou “barras” de Barreira. Ocorre o mesmo cun león (León), cun castelo (Castela) ou cunha granada (Granada). ¡Ai Ribadeo, cantas cousas tes escondidas e no esquecemento!
--
Máis entradas de Pancho Campos.

Ningún comentario: