20160728

'Festivos locais en 2017'... e máis

Curiosidades de Ribadeo. Nun pleno fálase do regulamento de participación cidadá e a nota de prensa do concello sobre o mesmo titúlase 'Festivos locais en 2017'.
Claro que a nota de aviso do pleno á cidadanía titulábase 'Hoxe, pleno ordinario':
"
A PARTIR DAS 20:30 HORAS
Hoxe, pleno ordinario
26/07/2016 
Esta tarde haberá pleno ordinario no Concello de Ribadeo. Na orde do día figuran asuntos como o expediente para a fixación de dous días festivos locais para 2017 e o expediente de renuncia ao cargo de concelleiro de Roberto Ramos Piñeiro do PSdeG-PSOE.
Tamén se debatirán dúas mocións presentadas polo PSOE relativa ao regulamento de participación veciñal e sobre o plan de reordenación de tráfico."
Por se non fora abondo ilustrativo, aparece a convocatoria, un documento que foi cargado en "Mar 26 Xul 2016 19:21:13 CEST"; é dicir, unha hora antes de comezo do pleno:
Unha hora para avisar ós veciños de que vai haber un pleno, despois de ter trasladado os plenos dun día fixo da semana a días aleatorios.
En canto ós temas, Cousas como a variación das bases de execución do orzamento para este ano quedan escamoteadas no título.
Non parece que con estes antecedentes, fora moita xente nin na corporación sexan moi proclives a un regulamento de participación cidadá decente.
A estas alturas, o máis parecido que podo ter a unha asistencia ó pleno é a nota de prensa da alcaldía (a de título 'Festivos locais en 2017'), esta si emitida con abonda celeridade e profusión de datos e explicacións favorables ás posturas mantidas pola alcaldía:
"HABERÁ UNHA PARTE DOS ORZAMENTOS QUE SERÁN PARTICIPATIVOS
 Festivos locais en 2017
 27/07/2016 
O vindeiro ano serán festivos locais os días 16 de agosto e 8 de setembro. Así se acordou no pleno ordinario celebrado onte no Concello, no que tamén se aprobou por unanimidade que Ribadeo se integre na asociación Terras de Miranda. A renuncia do concelleiro socialista Roberto Ramos ou os prazos de pago aos provedores foron outros dos asuntos abordados nesa sesión plenaria, segundo informou hoxe o alcalde, Fernando Suárez Barcia. 
 O alcalde manifestou que "no tocante ao cumprimento dos prazos de pago aos provedores segundo as leis actuais, situámonos moi por dentro dos límites máximos, estamos aproximadamente en quince días de período medio de pago desde que se aproban as facturas. Polo tanto estamos nesa boa liña que levamos xa moito tempo e contamos seguir así no futuro". 
 Fernando Suárez contou que ademais "o pleno do Concello fixou por unanimidade que os dous festivos locais para o ano 2017 sexan o 8 de setembro, o día da patroa, e o 16 de agosto, día de San Roque. Son habitualmente os dous días que establecemos como festivos locais, que temos capacidade desde o Concello para decidir cales van ser". 
 O rexedor ribadense relatou que "houbo tamén unanimemente unha modificación das bases do presuposto municipal en vigor do 2016, para prever unha pequena axuda para a celebración do campionato galego de traíñas que quere ter en Ribadeo a base da final. Contamos que se xunte moita xente de todo o país, vai haber unha proba na ría de Ribadeo e desde o Concello queríamos tamén promover este tipo de deportes, que son tradicionais e que queremos apoialos de maneira importante". 
Suárez Barcia dixo que "tamén neste pleno ordinario deuse conta do escrito de renuncia ao cargo de concelleiro do PSOE de Roberto Ramos Piñeiro, algo que agora xa tramitamos diante da xunta electoral para que se axilicen os trámites para que a nova persoa que o vai substituír tome posesión en canto teñamos a credencial, supoñemos que será no vindeiro pleno". 
 O alcalde seguiu a explicar que "na orde do día que metemos de xeito extraordinario que Ribadeo se poida integrar na asociación Terras de Miranda na que están concellos da Mariña e da Mariña interior. Esta asociación pretende xestionar recursos europeos, fondos públicos da administración pública e privada, na maioría fondos europeos, para diferentes actividades de procedementos produtivos e non produtivos, públicos ou privados. Tamén contou con unanimidade este punto". 
Mocións 
Por outra banda, "no apartado de mocións tratáronse dúas do PSOE, unha delas relativa ao regulamento de participación veciñal que, se ben no espírito estamos absolutamente a favor e na práctica estamos aplicando case a totalidade do que alí se pedía, aínda que polos motivos que lles fomos dando e que contaron tamén coa anuencia de parte da oposición, a día de hoxe non ten sentido esa regulación tan concreta que eles propoñían. Dado que están entrando en vigor a lei 39/2015 e 40/2015 de procedemento administrativo de réxime xurídico das administracións públicas agora en outubro, e que son moito máis ambiciosas que o que o propio PSOE propoñía", indicou Fernando Suárez. 
O rexedor asegurou que "en canto a transparencia, temos un portal onde se colgan todos os acordos, calquera interesado pode acceder a calquera documento que estime conveniente, o dereito de audiencia sempre se deu, é algo legal non é algo que teña que estar en ningunha ordenanza porque xa lle corresponde a calquera cidadán, o dereito de participación, o dereito de petición, calquera persoa que queira reunirse co alcalde o con algún concelleiro do ramo que sexa non ten ningún problema, e desde logo todo o mundo pode participar nos asuntos que lles afecten. Todo o mundo que queira pode facer uso das instalacións municipais para diferentes cuestións que non teñan ánimo lucrativo e sempre que sexan por unha causa pública e motivada, non hai ningún problema. Queremos incluso ir moito máis aló, estamos coa administración electrónica, desenvolvendo máis procedementos para que desde a casa todo o mundo poida pedir o certificado de empadroamento que desexe, pero estamos traballando para que poidan pedir tamén as licencias de obra e que poida haber unha pasarela de pagos electrónica. A finais deste 2016 cando preparemos os presupostos do ano que ven queremos que unha parte deles tamén sexan orzamentos participativos para que a través dunha aplicación todo o mundo poida propoñer a onde prefiren que destinemos parte das inversións para o ano que ven. Polo tanto a moción non prosperou por todo isto que argumento". 
O alcalde ribadense explicou que "no que ten que ver coa outra moción na que propoñían o plan de reordenación do tráfico, é unha moción un tanto ambigua, falaban de poñer semáforos, pero sen indicar onde. En Ribadeo houbo semáforos nos anos sesenta, setenta e oitenta, logo durante moitos anos estiveron apagados e a día de hoxe tal e como foi cambiando o sistema de tráfico de Ribadeo suporían máis atrancos que solucións volver instalar semáforos. No que ten que ver cun plan de tráfico global é difícil elaboralo agora sen que se desenvolva o plan xeral de ordenación municipal, que conta con novas rúas e avenidas pero que están sen construír. Moitos deles están pendentes de iniciativas privadas, de desenvolvemento de polígonos urbanísticos derivados do plan xeral, cando iso sexa así tal vez Ribadeo deberá repensar o sistema de circulación”. E anunciou que “de momento podemos ir facendo pouco a pouco cambios, xa anticipamos que dentro de pouco teremos que facer algún na rúa Alfredo Deaño por mor das obras arredor da residencia que estamos construíndo con beirarrúas máis anchas e que seguramente impedirán o dobre sentido en Alfredo Deaño. Insisto son cuestións pormenorizadas por sectores concretos que temos que ir avanzando tamén co concurso de todos, pero agora non é o momento de facer un plan de tráfico global". 
Excrementos dos cans 
Na sesión plenaria houbo tamén rogos e preguntas: "houbo unha serie de críticas razoadas e razoables sobre as cagadas dos cans, confesando ás veces a nosa imposibilidade dado que o problema non son os cans senón que son os donos dos cans que algúns deles non teñen unha conciencia cívica e ningunha educación e permiten que os cans fagan as súas necesidades na rúa e non se preocupen de recollelas". 
O rexedor ribadense subliñou que "a Policía Local está con iso e eu falei con eles esta mesma mañá para pedirlles que redobren o esforzo, aínda que admito que é complicado que a Policía poida nun momento concreto localizar ao can e ao dono. Tampouco temos unha plantilla de cen policías apostados en cada esquina de cada rúa para ver cando iso se produce". 
E pediulle á veciñanza: "eu o que quero é de boa fe pedirlle sentidiño e responsabilidade aos propietarios dos cans que non teñen a culpa porque non teñen conciencia cívica, aínda que algúns deles ás veces son máis educados que os propios donos, para evitar que se produzan estas circunstancias. Hai avenidas e rúas como Rosalía de Castro, Rafael Fernández Cardoso ou Irmáns Moreno Ulloa que están cheas de cagadas de cans habitualmente. Por moito que a brigada de limpeza pase tampouco non pode estar pasando cada media hora porque iso non pasa en ningún lugar do mundo civilizado"."
Ou sexa, destaca que parte dos orzamentos destinaranse ó que quera a participación cidadá, pero de novo a participación queda fóra. E non o digo tanto pola negativa ó proxecto do PSOE (que, que saiba, non contempla toda a historia anterior de loita por un documento de participación cidadá decente en Ribadeo) como polo aprazamento dun debate sobre o tema coa menor excusa (neste caso, variacións legais xa sucedidas o ano pasado, 'máis ambiciosas que a proposta'). Ou sexa, como a lexislación actual é máis avanzada que a proposta, non se trata a proposta e xa se verá cando se trata o desenvolvemento desa lexislación. E, como di o alcalde que a meirande parte das cousas xa se aplica (coido que falta algo de concreción...), pois, para que máis?
Iso si, os excrementos dos cans lévanse 1/4 do espazo da nota (claro, están sen solucionar por anos e anos).
Coido que se podían comentar abondas cousas máis sobre o pleno a traverso da mesma nota de prensa do concello. Vou contentarme cunha precisión máis. Fala o alcalde de transparencia e presume, para elo, de páxina web: "en canto a transparencia, temos un portal onde se colgan todos os acordos, calquera interesado pode acceder a calquera documento que estime conveniente, o dereito de audiencia sempre se deu, é algo legal non é algo que teña que estar en ningunha ordenanza". Resulta curioso que hoxe, 28 de xullo, non haxa colgado nas actas ningún documento correspondente a este ano. Ou que siga faltando o de xaneiro de 2015. Ou a de novembro. Ou que os documentos, a máis dalgunha normativa municipal, se reduzan a actas de plenos. Por certo, sen índice de ningún tipo! (proba a ler un pleno enteiro...)

Ningún comentario: