Na tarde de hoxe domingo, como estaba previsto, o grupo 'Por nuestro faro' desenvolveu unha acción de limpeza en puntos diversos do paseo do faro entre a capela de San Miguel e a illa Pancha.
Ó chegar a San Miguel, punto de reunión, constatamos que un desbroce fixo que boa parte do lixo máis visible quedara destrozado, oculto ou retirado polo vento despois de facerse anacos máis pequenos. De alí partiuse e os voluntarios actuaron na zona de acceso á illa Pancha dende a desviación á praia de Rochas Brancas, onde se recolleu a maior cantidade de lixo, e tamén na zona da plataforma fronte a butano, a máis do xa dito da zona da capela de San Miguel.
A actuación durou unha hora, durante a que se recolleron abondas bolsas de lixo, ó tempo que se viu a conveniencia de repetila, tanto para limpar outras zonas do paseo do faro como próximas a el, así como para manter limpas as zonas anteditas.
De xeito simultáneo ás limpezas, púxose unha mesa de petición de sinaturas no templete fronte á illa, máis que para a propia recollida de sinaturas, para informar ós visitantes que se achegan ó entorno da illa Pancha en cantidade aínda nunha tarde como a de hoxe, con sol que invitaba a ir á praia.
Como curiosidade, a máis de dicir que a maioría do lixo eran cousas pequenas por mor do desbroce, a meirande parte do recollido eran colillas, panos de papel e envases varios, se ben tamén se retiraron os restos dunha tina de cinc ou anacos de fío de desbrozadora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario