20160719

NON ESTAMOS ENTRE BALOCOS. Francisco José Campos Dorado

A ría de Ribadeo, recoñecida como tal, nunha das capas de Open Street Map ( Open Data Commons Open Database License (ODbL) da Fundación OpenStreetMap (OSMF) )

Fai só uns días vimos nas redes sociais, a noticia publicada o 27/05/2016 referida á resolución: “A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Galicia admitiu algunhas alegacións que presentou o Concello de Ribadeo solicitando a inclusión de determinados espazos no Catálogo de Paisaxes de Galicia que se está elaborando. Así, entran o miradoiro de Santa Cruz, O Cargadoiro, as antigas cetarias de Rinlo e o paseo de As Aceas, que figurarán como Lugares de Especial Interese Paisaxístico (LEIP). E engade que os Castros e Illa Pancha xa figuran directa ou indirectamente. Ademais, a Xunta xustifica a inclusión do topónimo Ría del Eo, que cuestionou o Concello nas súas alegacións: «O nome Ría do Eo non fai referencia á ría senón a un lugar xeolóxico de interese que o Instituto Geológico y Minero de España (IGME) nomeou así. Cambiouse o formato da lenda para evitar confusións...”
E preguntámonos nós: ¿Cómo é posible que uns individuos do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España que se dedican a clasificar balocos, cañós, croios e pedruscos varios, teñan competencia para cambiar ó libre albedrío o nome da toponimia local onde fan os estudos xeolóxicos? ¿Fan o mesmo nas covas de Altamira, na Ría de Bilbao, no cabo Peñas ou no Sistema Ibérico? ¿E quenes son os individuos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia para permitir tamaña falcatruada, en contra do establecido na resolución do Comisión Especializada de Nomes Xeográficos do Consello Superior Xeográfico de 19/Decembro/2007, onde di: “con total contundencia se recoñece o nome de Ría de Ribadeo, pois toda a cartografía hidrográfica así a denomina”? ¿Algún destes individuos asumíu o cargo por coñecementos e cultura na materia que exhiben ou simplemente chegaron onde están polo enchufe de Birlibirloque ou daquel outro?
¿Con que “rostro” se pode dicir: “O nome da Ría do Eo non fai referencia a ría... cambiándose para evitar confusións”? ¿Alguén coñece algún caso de semellante cinismo patolóxico? ¿Como se vai a denominar o nome da Ría de Ribadeo nos catálogos de Geo-Turismo que patrocinan estes Institutos? A problemática do ninguneo do nome de Ribadeo ven de vello, pois sempre desde o outro lado da Ría de Ribadeo, estiveron como raposos esperando a meter a patiña para roubarnos unha por unha tódalas galiñas. Primeiro ningunearon o nome das Terras de Ribadeo entre o Eo e o Navia, logo as Terras de Ribadeo e de Miranda polas terras do Eo, os Oscos e de Burón, torpísima denominación para algo tan inútil como a “Reserva da Biosfera” cuxo territorio predominante é espazo da Ría de Ribadeo; reescribiron coa denominación que lle dan ós “balocos”, os boletíns informativos de FEVE na liña Ferrol-Xixón ou do Transcantábrico; tódalas publicacións de Caza e Pesca, todas as revistas de Turismo... lista interminable de publicacións!. Debido a estas malas prácticas de acoso e derribo do nome de Ribadeo, ata nun programa como “Saber y Ganar” da TV2, a praia das Catedrais está en Lugo (14/xullo/2016), para non contar coa cantidade de necedades diarias coas que acostuman a regalarnos as web e periódicos de Asturias: A praia das Catedrais está ó lado de Castropol ou ó lado do concello de Castropol (Asturias), etc.
Seguramente todos estes individuos son universitarios, pero polo que se ve a única cultura que “pescaron” foron as tarascadas do tuno da pandereta, aquel que o facía para divertirnos, e que istes tomaron o de tarasquear como modelo para a súa vida profesional, e isto non é caso para dar a risa. Desde aquí rógolle ó Alcalde do Concello de Ribadeo, que esixa a dimisión de todos estes delincuentes que cobran sueldo do erario público, no que estou contribuíndo a pagarlles, pois esta xente incumpre no seu cargo a normativa vixente, por non falar da patrimonial histórica, da que teríamos que remontarnos a varios séculos da denominación: Ría de Ribadeo. Por outra banda todos estes “señores” son un mal exemplo para as novas e futuras xeracións, pois son tropa que converte as institucións públicas en covachas de zascandiles, o cal é intolerable. Por sempre, Ría de Ribadeo, topónimo marítimo que nada ten que ver cos termos empregados para os balocos e cañós
--
Anotación posterior: comentario de J.Mª Rodríguez Díaz que integro no post.
Moi bo o artigo de Campos. Aínda que é petar en ferro frío. É unha mágoa que o topónimo "Ría de Ribadeo" non apareza na diplomática da Alta Idade Media, pro iso é por unha razón moi sinxela. A palabra "ría" é de creación moi tardía, non aparece ata o século XV. Antes era chamada "Augas de Vigo, (pola localidade que había na súa ribeira, A Vilavella, chamada daquela Vigo."...ab aqua Vigo, usque ad aquam Masma...", como así aparece citada nun documento do Tumbo do mosteiro de Lourenzá.
Por outra banda, é lóxico que se chamara Ria de Ribadeo, pois todo ó que había desde o Navia ata Ribadeo eran chamado Terras de Ribadeo. Por exemplo, Castropol pertencía as Terras de Ribadeo. E isa é a razón pola que a autora dun libro que trata desa comarca asturiana, chámalle torticeiramente a Castropol, Ribadeo.

1 comentario:

José María Rodriguez dixo...

Moi bo o artigo de Campos. Aínda que é petar en fero frío. É unha mágoa que o topónimo "Ría de Ribadeo" non apareza na diplomática da Alta Idade Media, pro iso é por unha razón moi sinxela. A palabra "ría" é de creación moi tardía, non aparece ata o século XV. Antes era chamada "Augas de Vigo, (pola localidade que había na súa ribeira, A Vilavella, chamada daquela Vigo."...ab aqua Vigo, usque ad aquam Masma...", como así aparece citada nun documento do Tumbo do mosteiro de Lourenzá.
Por outra banda, é lóxico que se chamara Ria de Ribadeo, pois todo ó que había desde o Navia ata Ribadeo eran chamado Terras de Ribadeo. Por exemplo, Castropol pertencía as Terras de Ribadeo. E isa é a razón pola que a autora dun libro que trata desa comarca asturiana, chámalle torticeiramente a Castropol, Ribadeo.