20160825

Dirixindo a atención

Quen estaría en desacordo en discutir un tema que domina, lle gusta e lle favorece? Xa o propuxo dende hai moito tempo Tsun-tzu na Arte da guerra: Escoller o campo de batalla é unha avantaxe grande para o desenrolo da mesma.
No actual desenvolvemento dos gabinetes de prensa hai unha razón de propaganda como anuncio dunha versión interesada, si, pero pode ser aomenos tan interesante a proposta mesma de tema a propagar e debatir. Ocorre cos gabinetes dos ministerios, da xunta ou das grandes empresas tanto como nas propostas de novas dos concellos. Velaí as últimas novas que aparecen na web do concello de Ribadeo, por tomar un exemplo achegado no tempo e no espazo.
A máis afastada no tempo leva por título 'Débeda con Ribadeo' e centra o debate de financiamento de xestión pública por parte da Xunta en Ribadeo na falta de apoio á residencia de maiores. Estase pois a propoñer o debate sobre o finanzamento en algo que se sabe certo, que ó tempo favorece a unha determinada formación política na súa loita polo poder, e centra aí e non noutro posible lugar a discusión. Difícil é opoñerse, unha vez tomado ese tema enfocado.
A seguinte máis próxima no tempo é 'Lavado de contedores'. Anuncio de actividade e... alguén se opón?
Un pouco máis achegado, 'Volta ciclista'. Outro anuncio, con instrucións para unha actividade festiva. A destacar no segundo parágrafo 'quixemos'. Un verbo ó que non hai nada que obxectar pero que carga implícitamente a posible discusión sobre a vontade de bo facer dos gobernantes.
Xa máis próximo, 'Pediatra, un día á semana' pon o dedo na chaga dunha lacra a combatir como pobo: a falta de cobertura médica. Non é un combate para construír entre todos sen máis, senón para agruparse contra quen non está facendo as cousas ben para Ribadeo. De novo, algo que obxectar?
A máis achegada no tempo, 'Éxito de Mariñarte',  defínese polo seu título: a posible discusión está zanxada antes de comezar a partir dos datos aportados e actividades realizadas.
Evidentemente, haberá quen poida discutir a 'postura oficial' en todas estas novas, mais, de partida, leva todas as de perder.
Máis aínda cando hai unha difusión centrada en dous diarios en papel e dixital, un só dixital e unha emisora de radio, todos coa mesma fonte, e as redes sociais que, aínda que podan producir outras novas e interaccións, teñen unha parte importante do seu funcionamento como caixas de resoancia de novas previamente enlatadas.
No medio, o sempre escaso tempo dos periodistas para cubrir as novas e cunha fontes que lles vai surtindo ó ritmo que quere.
Teño que recoñecer que o artigo rematou de virme á cabeza ó ler un interesante texto que me propuxeron onte (a min e moita outra xente a traverso dunha rede social), 'Como la tecnología altera la verdad', aínda que neste caso que propoño o aspecto tecnolóxico é algo en certo xeito secundario e non se trata de alterar a verdade, senón de construíla (que tamén no artigo de referencia).
Ilustro o artigo cunha imaxe: o ceo de Ribadeo con nubes ó amencer. E é que o recurso á temperie foi sempre unha saída para conversas de éxito máis ou menos asegurado.

Ningún comentario: