20160808

ESCUDO DE RIBADEO (I). Francisco José Campos Dorado

A versión tradicional do escudo condal de Ribadeo (que xa era antigo no ano 1699 segundo di Francisco Lanza, Ribadeo Antiguo, páx. 5) é o da fig. 1: en campo de azur unha chave de ouro posta en pau (vertical, que por “imperativo estético” se determinou colocar en barra, pois non afecta ó simbolismo heráldico e harmoniza perfectamente a distribución no campo) superada por unha estrela de prata de cinco puntas en xefe, e en punta augas de azur e prata. A estrela representa o Norte, a chave ser Porta de Galiza e as ondas ser porto á beira do mar océano. Timbrada a armería por coroa condal, ou sexa, un círculo de ouro, fornecido de pedrería, sobre o que descansan dezaoito perlas grosas, visibles nove (en recordo dos Condes de Ribadeo: 1º) Pierre de Villaines de Normandía en 1369; 2º) o “Bo Condestable” D. Rui López Dávalos que o comprou por cen mil maravedises en 1397; 3º) D. Rodrigo de Villandrando cuxo morgado data de 1431, etc.). Esta forma do escudo (fig.1) foi referendada o 5 de Marzo de 1959 polo Ministerio de Gobernación e pola Real Academia da Historia que emitiu o imprescindible ditame. Ribadeo estaba apoiado pola longa tradición de máis de 200 anos de uso destas figuras, pero faltaba o “espaldarazo” dado polos organismos competentes, para crear a Medalla da Vila de Ribadeo (D. Juan Suárez Acevedo, La Comarca 20/09/59).

Dado que me interesa o bo nome e reputación do meu pobo, como ó que máis, e que é un pobo culto e Vila Excelentísima, voume permitir algunhas observacións respecto dos escudos de armas de Ribadeo que contemplamos pola nosa vila.

Hoxe en día, a coroa condal substituíuse nos selos e logotipos oficiais do Concello por unha coroa real, quizais seguindo a “moda” doutros concellos que non tiñan escudo de armas e baixo o actual Reino de España o fixeron. Cremos que este disparate da “moda da xeneralización e da globalización” é un erro contra da ilustración e cultura do noso pobo, pois aquilo de “café para todos” afecta a nobreza antiga do señorío de Ribadeo pois tira pola borda e agocha no esquecemento a xurisdición de seis séculos do Condado de Ribadeo do alto medieval Reino de Galicia, moito máis antigo co baixo medieval Reino de España, e por suposto, un esquecemento de máis oito séculos si nos remontamos os tempos da xurisdición do conde Velez Montenegro.

O escudo de armas máis antigo que se conserva de Ribadeo é o da Capela da Virxe do Camín (foto 2), situado sobre a fiestra do Levante de dita capela e labrado nunha pedra de cantería de grao groso onde pouco a pouco se van esvaecendo as figuras: sobre ondas unha chave en pau (vertical) co paletón de gardas arriba mirando a destra. Na parte sinistra, vemos parte da bordura vertical do escudo cuadrilongo, separada do canto da pedra, cousa que no lado esquerdo confúndese. Desde sempre, temos oído e lido, que as ondas representan a condición do pobo de Ribadeo de ser vila mariñeira e porto de mar, e a chave por ser porta de Galiza, debido precisamente a esta condición de ser porto de mar, e non como se di agora, por estar na “fronteira” con Asturias, cousa que só ocorre desde os tempos de Carlos I (1517-1556) época na que se allearon, en venta do ano 1555, as terras da Pobra de Navia ou Terras de Ribadeo entre os ríos Eo e Navia, que pasan a ser de Oviedo, cando estaba de Conde de Ribadeo o Conde de Salinas. Como convento xurídico, polas Terras de Ribadeo do Concello de Roboredo, orixe do de Castropol, xa houbera discordia entre o bispo de Lugo e o de Oviedo en 1104, onde tivo que intervir Afonso VI (Ribadeo Antiguo, páx.64), pero o Condado de Ribadeo aínda chegaba o río Frexulfe de Navia en 1555, cando se fixo a venta de ditas terras (ibidem. páx.44)
Pois ben. Referente as ondas non cabe dubida do seu significado de porto de mar, pero en cambio, da figura da chave, cremos que existe outra interpretación tamén lóxica, e máis en consonancia cos privilexios que representan os brasóns heráldicos, que son descrición detallada da historia dos edificios e das institucións, así como, figuras que recordan feitos heroicos que algún guerreiro fixo para gañalos.

A capela da Virxe do Camín, ten unha cruz de Malta pometeada (con pomas ou círculos cheos nas puntas) (foto 3) no hastial (na parte triangular superior) da fachada de Poñente, a cal, parece estar dando noticia da presenza dos templarios en Ribadeo (ver artigo de José Mª Rodríguez, “Templarios en A Vilavella", tamén en La Comarca del Eo, 16-Xullo-2016). Se a capela, data da época dos templarios estamos datándoa no século XII ou no XIII polo que o seu escudo, tamén datará de entros anos 1100 ó 1300, polo tanto, moi anterior o reinado de Carlos I e ó antedito sobre a “fronteira”.
En 1128 no reinado de Afonso VII, Ribadeo era moi importante para o comercio da época pois contaba con 21 parroquias, e había unha densidade demográfica considerable. Fernando II, en 1183, eleva o rango de Ribadeo a Vila Real e outórgalle carta de Foro, quedando protexido da usura do señor feudal e ten privilexio de Carga/Descarga no porto comercial (ata o século XVI), así como, concédelle a posibilidade de organizar un mercado. Esta pode ser a razón primixenia pola que se di que o pobo de Ribadeo é Porta de Galiza, pola condición por aqueles tempos, de ser o porto natural marítimo comercial máis o Norte de Galiza e non por ser fronteira con Asturias.
Pero, por outra banda, o escudo de armas cuadrilongo da Virxe do Camín, está sobre unha das fachadas da capela, un edificio eclesiástico, e non sobre unha fachada dun edificio civil ou militar, cuxas armas serían sinais propias do cargo e carácter da dignidade civil ou militar da xurisdición.
Por tanto, a chave en pau (vertical) na fachada da igrexa, pode ser o brasón de dignidade que representa a Xurisdición dun prelado ou dun bispo con prebendas en rendas reais, cuxa sede mindoniense, por aqueles tempos, tamén estivo en Ribadeo (1199-1218). As chaves en pau, na simboloxía heráldica, son brasón de cabaleiros que teñen xurisdición como superintendentes de rendas reais (dúas chaves en pau coas gardas de costas, son armas de Ministro de Facenda, cos aneis rematados con coroa real). No caso de Ribadeo, Vila Real, quen exercía a xurisdición do reino era o bispo, pois era “señorío de abadengo”, ou sexa, porción de señorío e xurisdición real da que os monarcas se desprendían a favor de igrexas, mosteiros e prelados (ibidem páx.36) polo que supoñemos, o Bispo era quen cobraba as alcabalas (imposto sobre permutas e ventas) en vez dun Conde, que daquela aínda non tiña título de Conde de Ribadeo (Velez Montenegro?), senón que era “simplemente” o conde do distrito feudal que ¿viviría das rendas adquiridas das súas propias propiedades e non das do reino?. Así, polo tanto, a chave representa a dignidade do que ten potestade sobre a facenda ou dito en “roman palatino” sobre a “caixa dos cartos” da recadación da renda. Para apoiar esta hipóteses, da chave en pau como cargo real de xurisdición, hoxe cargo con dignidade civil en Facenda, vemos en Ribadeo, dúas chaves en pau e coas gardas de costas, nas armas dos Quirós, no primeiro cuartel do escudo esquerdo da fachada da Casa dos Miranda de Ribadeo, iguais, pois son parentes, que a segunda partición do escudo do Marques de Camposagrado do Pazo das Alas de Avilés, D. Gutierre Bernaldo de Quirós de las Alas y Carreño (ano 1590), alguacil maior de Oviedo con vara de rexedor... correxedor de Burgos e de Madrid, etc.
Pero como podemos ver, a chave está sobre ondas do mar, polo que o escudo de armas da Virxe do Camín, á nosa forma de interpretalo, é como un “sello” que representaba a alta distinción de XURISDICIÓN MARÍTIMA DO PORTO DE RIBADEO, cuxa facenda e alfándega era recadada e rexentada por un prelado ou dignidade eclesiástica que dependía do bispo mindoniense nos séculos XII, XIII e parte do XIV.
¿Hai outros indicios tan antigos, ou máis recentes, desta dignidade eclesiástica en Ribadeo? A resposta é afirmativa: Si, hainos. ¿E cómo chegou esta pedra armeira a ser o escudo de armas de Ribadeo? ¡Iso é outro anaquiño da nosa historia!

Ningún comentario: