Reconstruír o pasado dende o presente, utilizando materiais conservados e ditos da tradición popular é unha empresa ousada, pois non temos a seguridade de que as costumes permanecesen inmutables o longo do tempo. Pero tamén é certo que non podemos negar que existen crenzas que perduran no tempo, conservando trazas verídicas do pasado, que ben contextualizadas poden ser un elemento útil de investigación. En todo caso a análise meticulosa das nosas tradicións, achegará gran coñecemento sobre a nosa cultura. Para seguir coa análise do significado do Escudo de Ribadeo (I), temos outro indicio, tan antigo como o escudo da fachada do Levante da capela da Virxe do Camín, de que quen exercía a Xurisdición Marítima do porto de Ribadeo era unha dignidade eclesiástica, e está na tradición, por tódolos ribadenses coñecida, de chamar “Pazo ou Casa do Obispo” a unhas ruínas situadas en Cabanela (foto 1)
Examinemos a cuestión. ¿Onde está situada a “Casa do Obispo”?. Nada menos que está na “primeira liña da praia” de Cabanela, que era o lugar onde se embarcaba e desembarcaba a maior parte das mercancías de importación e exportación do Porto de Ribadeo, mesmo coas calas de Porcillán e Guimarán, medio protexidas do embate e das vagas de mar pola Illa de Guimarán, hoxe desaparecida (Carta de navegación da Ría de Ribadeo de 1776, cota 43). E preguntámonos ¿alguén imaxina o bispo vivindo no peirao de carga/descarga do porto, pois para iso servía a praia de Cabanela? ou ¿alguén viu en algún sitio un pazo bispal fora do recinto da catedral ou nun paraxe moi alongado dela? Non, non é normal que isto ocorra e por aqueles tempos a igrexa principal de Ribadeo era a Real Colexiata do bispo Pelayo Cebeyra e estaba no campo (Santa María do Campo) e anteriormente a Igrexa de Santiago de Vigo, na Vilavella.
Restos en Cabanela, co actual auditorio ó aire libre ao pé. |
¿Entón por qué, en Ribadeo, chamamos Casa do Bispo a un edificio, en ruína total desde tempo inmemorial, situado preto da praia de Cabanela? Mesmo Francisco Lanza di que puidera ser onde estaba a Torre das Cabanas (Ribadeo Antiguo, páx.145). Pois ben, nós cremos que era a Casa da Alfándega cuxa administración rexentaba un prelado, ou outro encargado, ás ordes do bispo que era quen tiña a Xurisdición Marítima do Porto de Ribadeo e os beneficios que iso reportaba. Nótese que esta Casa da Alfándega deberá datar de antes de 1369 (data en que se fai cargo o Conde de Ribadeo de cobrar os impostos) polo que as ruínas de Cabanela, son ruínas posiblemente do século XII-XIII, as máis antigas dun edificio de Ribadeo, e que deberan estar máis protexidas por Patrimonio, pois están desfacéndose, como case todo o patrimonio antigo de Galiza, e non falemos da barbarie que se está cometendo cos castros abandonados no medio das plantacións de eucaliptos...!!!
A capela da Virxe do Camín é de arquitectura románica con arcos nalgunhas das fiestras de medio punto abucinados, propios do século XI, XII e XIII, e con posibles reformas do século XVI. Na Casa do Bispo, os arcos da porta e da fiestra que quedan en pé, son arcos escarzanos, os cales tamén eran usados no estilo románico. Se esta casa era naquel tempo o edificio da “alfándega” do Bispo, tamén datará esta parede dun daqueles séculos sinalados, e moi posiblemente sexa, a máis antiga alfándega do Norte da Península Ibérica.
O nome de Casa do Bispo, é fácil de entender que sexa unha forma popular de chamar as cousas por quen as fixo, ou por quen lles saca algún proveito, o mesmo que ocorre, por exemplo, coa Torre dos Moreno, que é unha casa onde non viviron nunca os irmáns Moreno, senón un edificio feito e explotado por eles en apartamentos e pisos en renda.
¿Cómo esta distinción da administrativa marítima chega a ser o Escudo de Armas de Ribadeo? Pois ben. Cando o rei Henrique II de Trastamara, lle concede o Condado de Ribadeo a Pierre de Villaines en 1369, concédelle tódalas rendas do Condado: “almojarifadgos, yantares, alfándegas, escribanías, diezmos e alfolís” (Ribadeo Antiguo, páx.44). Isto quer dicir que aquela prebenda da Xurisdición Marítima da alfándega que antes tiña o bispado, pasou a ser privilexio do Conde de Ribadeo.
Algún dos condes, non sabemos cal, mandou gravar na fortaleza estas armas da Xurisdición Marítima, a chave en pau sobre ondas do mar, e quizais fora, Rui Davalos o Bo Condestable, que comprou o condado seguramente para sacarlle proveito, e a alfándega marítima era unha das proveitosas rendas que lle correspondían ó cargo. Sabemos de certo que estas armas estaban ciceladas na fortaleza en 1722, polo preito que houbo entre o Concello, a Cofradía da Santísima Trinidade e o Bispado, cando se renovou a pedra do escudo da capela da Atalaia, que o “brasón dunha chave sobre ondas do mar”, estaba “non solo no escudo da Atalaia, senón tamén sobre unha porta falsa da fortaleza e torre da vila, e no frontis e sobre a porta principal de esta dita vila e torre do campanario” (ibidem, páx.6). Aquel brasón gravado na Virxe do Camín, xa pasara en 1699 (ibidem, páx.5) a ser asumido polas autoridades locais como as armas do Concello. Pero obsérvese, que na fortaleza estaba gravado sobre a “porta falsa”, isto tamén quer dicir que o escudo estaba sobre unha porta accesoria que daba seguramente a un recinto interior da fortaleza, e estaba gravada como un dos privilexios dos condes, non como escudo de armas deles, que como todos sabemos os Davalos, os Villandrando, os Hijar ou os Alba teñen outras armas de liñaxe.
Pero o Concello de Ribadeo, aínda que xa condado en 1369, non por isto perdeu o apego á xurisdición eclesiástica posto que dende o século XIII Ribadeo ía adquirindo elementos de ámbito relixioso monástico que o seguirán caracterizando ata o día de hoxe: os conventos de Santa Clara e o de San Francisco dan crédito disto, pero sobre todo, coa construción da Colexiata Real en 1270 coa que mantivo altos honores e privilexios, aínda despois de mudar a sede episcopal, en 1233, para Vilamaior de Vallibria, o actual Mondoñedo. Foi unha gran perda para Ribadeo o ver arruinar o edificio da Colexiata de Santa María do Campo e non habela restaurado en 1852 cando o Concello se dirixiu a reina Sabela II, cuxa petición foi ignorada absolutamente, e volvéuselle a pedir a Afonso XIII, e en 1903 o proxecto foi esquecido definitivamente (La Colegiata de Ribadeo, José Mª Rdguez. Díaz, pax. 53). Como di o dito, “temos que acordarnos da nosa historia, senón estaremos condenados a repetila”. Tamén queremos facer mención a outro dos máis antigos escudos de Ribadeo que aparece nos Nobiliarios (figura 2),
pero do que non se sabe dun gravado de pedra armeira semellante en Ribadeo: en campo de gules seis caldeiros de ouro. Non se coñece data deste escudo.
Segundo relata D. Modesto Costa y Turell na Ciencia do Brasón de 1858: “a palabra “gules” en heráldica e a cor vermella, parece ser que foi traída polos cruzados de Terra Santa. “Ghiul” en turco, significa “rosa”, xenérico de todo o que é encarnado, e os que traen esta cor no campo do brasón, están obrigados a socorrer os que están "oprimidos por inxustiza”. ¡Non che digo... hospitalidade, socorro e cultura reborda Ribadeo: Santa Clara, San Francisco, San Lázaro, San Roque, San Miguel, San Clemente, San Luís...! Por outra banda, os caldeiros eran antigamente marca dos rico-homes, que daban os reis por insignias ós cabaleiros os que facían Grandes do reino. Posiblemente este escudo fora concedido por Fernando II, en 1183, cando eleva o rango de Ribadeo a Vila Real. Pero quizais os caldeiros tamén poden interpretarse co significado a inversa: “a entrada de rendas polo porto de Ribadeo que facían grande o reino”, polo que, Afonso IX (1188-1230) ou Fernando III “O Santo" (1217-1230) lle concede tal distinción a Ribadeo. O cal, tampouco sería de estrañar, dado que o transporte terrestre era moi penoso e lento e a chegada dun barco a porto con mercadoría diversa, debía de ser como a chegada dos “reis magos”, pois daba traballo de varios días, a veces de semanas, a todo o pobo. Logo distribuír a mercadoría daba traballo a moitos veciños do contorno e ós negocios da comarca. Actualmente, Ribadeo ten un movemento portuario de un millón de tonelada ano, cuxa mercancía é toda de exportación, non hai ningunha importación, polo que o porto ten unha economía “terceiromundista”: só exporta, nada recibe. E algúns xerifaltes da administración portuaria de Galiza están encantados e dando as grazas, pola boa xestión que están facendo ¡manda truco ver a que chegamos! ¿Non haberá cursiños de Administración Marítima en Róterdam para que vaian estes señores aprender algo do que significa Tráfico Marítimo e Rendemento Portuario con Beneficio?. ¡Qué cruz temos...! ¿Non? ¿Hai máis escudos de armas de Ribadeo que asemellen dignidade eclesiástica?. Si por certo.
--
Continúa en ESCUDO de Ribadeo (III)
Ningún comentario:
Publicar un comentario