Liamos estes días pasados, e non é a primeira vez que o facemos, unha sorprendente manifestación da cúpula do PP da Mariña lucense manifestando que a lexislatura actual do Sr. Feijoo foi “moi proveitosa para a Mariña lucense”. Unha manifestación que os seus autores apoiaban con varios exemplos dos grandes investimentos feitos polo seu goberno nesta comarca.
Valorar esta afirmación do grupo dirixente do PP como falsa sería unha temeridade pola miña banda, se excluímos a Ribadeo do seu concepto territorial sobre A Mariña. Incluír neste paquete a Ribadeo, como o PP pretende, non é máis que unha auténtica felonía e cinismo, propio do período electoral galego no que nos atopamos.
Saben dabondo os ribadenses a nula colaboración económica do goberno do PP do Sr. Feijoo co concello de Ribadeo ó que só lle adicou portazos e desprezos. Exemplo paradigmático desta realidade é a colaboración económica da Xunta de Galicia no ambicioso e necesario proxecto da nova residencia de Ribadeo. Unha actitude ofensiva para un goberno que ten asumidas as responsabilidades da atención á terceira idade, é dicir, do coidado dos anciáns e que abandonou a Ribadeo e ós seus vellos a súa sorte.
A propaganda electoral non debería dar cabida ás mentiras, ós enganos e ás falsidades. Os ribadenses, excluídos da súa pertenza á Mariña polo grupo dirixente do PP mariñán, saberán preguntarse, unha vez máis, que lle deben ao PP da Xunta e obrar en consecuencia cando veñan pedirlles o voto para o Sr. Feijoo.
Como escribín fai máis dun ano, nun artigo titulado “Remata Galicia no Masma?”, dirixido ós ribadenses: “mans que non dades, que esperades”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario