20160805

Volvendo sobre os discursos na investidura como cronista oficial

Embaixo deixo os discursos do novo cronista oficial, Eduardo Gutiérrez ('Lalo Ventura') e a presentación de Farruco Graña. Ambos poideron lerse xa na Comarca, mais coido que son unha testemuña relevante para Ribadeo, e aquí quedan reproducidos.
Discurso de Farruco Graña:
" Señor Alcalde, D. Fernando Suárez Barcia, prezado D. Eduardo Gutiérrez Fernández, señoras e señores concelleiros, veciños e veciñas de Ribadeo, amigos todos:
Hoxe, sábado 23 de xullo de 2016, reunímonos en sesión extraordinaria para render homenaxe a D. Eduardo Gutiérrez Fernández, que en sesión plenaria celebrada o día 30 de maio de 2016 foi nomeado CRONISTA OFICIAL DE RIBADEO, e para facerlle entrega neste acto público e solemne do correspondente título.
Camiñando cada vez con paso máis firme sobre o século XXI, cómprenos hoxe botar unha ollada retrospectiva cara ao último terzo do século XIX e comezos do XX para podermos comprender mellor a valía da persoa que hoxe nos convoca. E quero facelo lembrando a prensa local daquel entón. O 5 de maio de 1866 aparece en Ribadeo "La Cuenca del Eo", de periodicidade semanal. Foi fundada e dirixida, durante a súa curta vida, por Segundo Moreno Barcia e Benigno Pico Bermies. Nas súas páxinas poñíase en valor a actividade desenvolvida no conxunto do país, xa se tratara da inauguración do alumeado de luz eléctrica nas nosas cidades ou da entrada en funcionamento do primeiro cable trasatlántico. Como non podía ser menos, tamén se destacaba a ilusión de se incorporar Ribadeo ao tren do progreso querendo destacar a través da súa incipiente actividade xornalística os pequenos avances que se ían conquistando.
Tamén podemos lembrar "El Ciudadano", un xornal fundado en novembro de 1868 por Andrés de la Cavallería, con clara vocación de defensa das liberdades. "El Eo", sería fundado o mércores 4 de xuño de 1879, unha publicación bisemanal de intereses xerais, novas e anuncios, sendo o seu fundador Antonio Fernández Caro y Ruíz. Preocupaban aos redactores deste xornal os imprescindíbeis traballos de mellora do porto e do proxecto de construción dunha ponte que habería de unir Castropol e Ribadeo. Asemade, tamén debemos resaltar o seu ton reivindicativo a prol de Ribadeo ante as autoridades gobernativas. Con posterioridade, "Las Riberas del Eo" daralle o relevo. Este xornal aparecerá o 1 de xaneiro de 1881, e foi o seu fundador, propietario e director, José María Pérez Cancio. As súas páxinas darán cabida a temas de ámbito local, traballos de carácter histórico (por exemplo os "Apuntes sobre Ribadeo") e colaboracións de persoeiros da vila e de correspondentes tanto en Bos Aires como na Habana. O 30 de xaneiro de 1971 deixa de publicarse.
Chegados a este punto corresponde mencionarmos a aparición de "La Comarca", semanario popular e independente que botou a andar o 5 de outubro de 1919 da man de Francisco Lanza. Desde as súas páxinas defendéronse durante anos campañas a prol dos intereses da comarca, a loita contra o caciquismo e tamén a reivindicación de infraestruturas como os ferrocarrís Bierzo-Ribadeo e Ferrol-Xixón. Cando Francisco Lanza se foi para América en 1927, a defensa da comarca e os seus intereses económicos e culturais seguiron a ser recorrentes. O noso semanario, desde 1975 denominado "La Comarca del Eo", soubo dar saída a toda a enerxía creativa que agromaba no concello e bisbarra, a un e outro lado do río Eo e da ría de Ribadeo. Dionisio Gamallo Fierros, José Ameijide Martínez, Luis Romay G. Arias, Isidoro Asensio Amor, Gilberto Suárez Méndez ou o propio Eduardo Gutiérrez Fernández, entre outros moitos, colaboraron de forma destacada nas súas páxinas.
Este paseo pola prensa local xa nos permitiu evocar varias personalidades que foron dando forma ao pouso cultural inmenso que como colectividade imos acumulando cada ano, un lustro tras outro, de década en década, século a século. Así, é de obrigado cumprimento lembrar as figuras de Fernando Méndez Sanjulián e os seus "Apuntes de Ribadeo", Juan Luis Vega Prada, e os seus "Temas Ribadenses", Antonia Lazúrtegui Cuervo e as súas "40 historias de Ribadeo", ou a Francisco Lanza co seu "Ribadeo antiguo" ou co seu "Falan os de Ribadeo"; tamén debemos destacar a figura de Dionisio Gamallo Fierros, que coas moitas consultas realizadas no arquivo municipal e a súa intensa relación coa veciñanza, logrou reunir abondosa información sobre as nosas xentes, os seus hábitos e costumes e transmitírnolos. Tamén Daniel Cortezón ten dedicado tempo e esforzo á intrahistoria do noso Ribadeo. Todos eles sonlle ben familiares a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ e de seguro teñen ocupado moitas horas do seu prezado tempo e esforzo.
Velaí un elenco excelente para mirarmos ao noso pasado con clara intención de construírmos futuro: importante dinamismo social que se estende desde o século XIX. É certo que cada época xera a súa dinámica e a consabida escala de valores que hoxe poderiamos ver con certa distancia, pero non por iso podemos ignorar as achegas de cada momento. Sociedades como a de Fomento (“Sen instrución non hai liberdade”), a aínda presente Filantrópica-Dramática (que se propuxo promover e fomentar o bo gusto e a afección polo teatro e a declamación), o Círculo de Recreo (que xunto coa Filantrópica-Dramática xa citada fornecían de material á Banda de Música), foron todas elas deixando o seu pouso na nosa vila e contorna. Co século XX haberían de chegar as sociedades agrarias e círculos de obreiros, así como a Biblioteca Popular Circulante. En paralelo, desde o século XVI cónstanos a existencia de centros de ensino. Como non, vinculada á actividade do porto, desde o XIX, a Escola de Náutica e a de Comercio. No XX: a Pedro Murias e o Instituto de Segunda Ensinanza.
Como fomos destacando ao longo desta intervención, as mulleres e homes de Ribadeo téñense caracterizado, ao longo dos séculos, por desenvolver unha intensa actividade cultural acorde coa puxanza económica e comercial da nosa vila e parroquias. Temos destacado exemplos abondosos de ilustres persoeiros que nos souberon transmitir esas inquedanzas e actividades desenvolvidas polos nosos devanceiros. Este labor viuse especialmente proxectado a través da moi activa prensa local, de ilustres ribadenses (a quen xa lles foi recoñecido ese mérito publicamente) e dun tecido asociativo moi dinámico e comprometido que soubo proxectar cara a Galiza e o mundo enteiro o noso legado cultural.
Ao longo da segunda metade do século XX os homes e mulleres que devecían por un mundo mellor e máis xusto, un mundo libre que respectara a diversidade cultural, mergulláronse nun proceso de recuperación dos valores democráticos xunto cos nosos sinais de identidade. Nesa aposta xogaron un papel moi importante as agrupacións culturais que foron xurdindo ao longo de Galiza. Entre elas, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo. Alá polos últimos anos da ditadura franquista xente nova, con moitos folgos, xente non tan nova, pero máis que rexuvenecida ao abeiro da nova época que se albiscaba, e coa ilusión de recuperar a semente plantada nos anos 30, pouco a pouco todos xuntos lograron dar forma a actividades que enchían de contido eses soños de liberdade. Unha delas era a promoción da cultura, a difusión dos nosos valores literarios, o respecto polo noso patrimonio natural e paisaxístico, pola nosa maneira de producir, o amor pola nosa lingua. Velaí o esforzo realizado, entre outros, polas xentes de Francisco Lanza. Unha das persoas que máis colaborou na posta en valor dese legado histórico e cultural de Ribadeo foi a persoa en torno á cal hoxe nos reunimos.
D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ naceu en Ribadeo un 3 de febreiro de 1948. Ao longo da súa vida mantivo sempre compromisos culturais e políticos coa súa terra. Así, foi membro fundador da Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo e foi, desde 1978 e ata comezos do século XXI, o seu Presidente. Tamén foi director teatral, conferenciante e autor de varios artigos. A súa vida profesional desenvolveuse na Escola de Capacitación Agraria “Pedro Murias”, onde exerceu a docencia ata que se xubilou. Participou no proceso de creación da Federación de Asociacións Cuturais Galegas, da cal foi tamén o seu primeiro presidente; formou parte da directiva da AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) e pertence á Asociación Internacional de Estudios Galegos.
Polo que se refire ao seu labor político, desde 1983 foi concelleiro do BNG en Ribadeo, ocupando a alcaldía entre 1987 e 1995; ademais de concelleiro, do 95 ó 97 foi Deputado provincial e durante a V e VI Lexislatura foi Deputado no Parlamento de Galicia pola circunscrición electoral de Lugo. No anterior mandato municipal foi concelleiro polo PSdeG-PSOE, candidatura pola que se presentara como cabeza de lista e candidato á alcaldía.
Para alén de súa traxectoria política, podemos definir a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ como un ribadense que desde sempre destacou polo seu intenso labor cultural. Ademais da súa capacidade profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e á súa actividade produtiva agro-gandeira, D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ desenvolveu un traballo ensaístico máis que considerábel. Publicou tres ensaios: "A lingua é o noso escudo" (1978), "Introdución ao «Sempre en Galiza»” (1986), e "Alexandre Bóveda en «A Nosa Terra»” (1987); por este último traballo recibiu o Premio de Ensaio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, en 1987. Ademais disto, participou en publicacións colectivas e encargouse da edición, limiar e notas da obra de Francisco Lanza "Falan os de Ribadeo", publicada por Edicións do Castro en 1974. En Ribadeo somos coñecedores do seu "Do vello Ribadeo" editado pola A.C. Francisco Lanza. Varias das revistas editadas pola Agrupación Cultural Francisco Lanza, os Cadernos Ribadenses contan con colaboracións súas. A través das páxinas dun número especial dedicado ao décimo aniversario da Agrupación Cultural Francisco Lanza podemos comprobar a intensa actividade desenvolvida en Ribadeo durante os anos do tardofranquismo e a transición política. A intelectualidade galega do século XX ten visitado Ribadeo e proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara ao conxunto do país, grazas ao labor de persoas como D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ. Tamén debemos dicir que as súas investigacións permitíronnos recuperar e poñer de novo en valor para a nosa memoria colectiva aspectos senlleiros da nosa historia: o mesmo nos achegan ata a Porta da Vila e a Torre do Reloxo, como nos trasladan ata o aeródromo de Vilaframil; lévannos polas rilleiras de arriba e de abaixo, lémbrannos a puxanza das parroquias de Cedofeita, A Devesa ou Rinlo, ou nos brindan anécdotas acerca do comportamento a seguir nas nosas praias en tempos escuros. Lémbrannos as nosas corais de antano, ou repasamos con el algunhas noticias do "Círculo de Recreo" de Ribadeo e a "Filantrópica-Dramática". En fin: conectou o noso pasado xa case milenario da man de Francisco Lanza, co presente que lle tocou vivir ao longo da segunda metade do século XX, proxectándoo cara ao futuro de todos e todas nós.
Por todo iso, e pola súa moi acreditada valía intelectual, consideramos a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ merecedor do título honorífico de Cronista Oficial de Ribadeo.
"
Discurso de aceptación de Eduardo Gutiérrez:
 A lembrar que o acto de investidura foi tratado en Eduardo Gutiérrez, e diversas outras cousas relacionadas con el están agrupadas en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/Eduardo%20Guti%C3%A9rrez. Asemade, que premendo co rato sobre a imaxe pode lerse independente e cambiarse o seu tamaño.

Ningún comentario: