E mentras, preparación. Nesta campaña, polo momento, ten chegado menos propaganda á casa que noutras. No noso caso concreto, 1,27 m2 impresos nunha revista e 0,16 m2 nun cuadríptico, un total de 1,43 m2, do PP, e 0,90 m2 do BNG. En Marea, PSOE, C's... non meteron no buzón aínda ningún impreso. Papel (e cartos) aforrados en relación a outras edicións.
Claro que hoxe, o de 'chegar propaganda á casa' ten máis vertentes que o papel. As casas están inundadas de televisión, e en anuncio directo ou en tertulia aparente, hai moita moita propaganda. Ou nas redes sociais. De tal xeito que actos como os mítines están a caer en desuso, aínda que sirvan para saír nos xornais (que efecto senón procuraba o mítin de onte do PP en Ribadeo que o saír en papel ou noutro formato nun par de medios subvencionados?) e están sendo substituídos en parte por contactos entre os candidatos e o aparello dos partidos con algúns 'vectores sociais', como o que mantivo o venres o BNG con diversos grupos como a plataforma pro residencia en Ribadeo. Certamente, os mítins son arengas, e nun tempo de contacto contínuo e bidireccional como o noso, poderán ter difusión e resultar chamativos, pero non deixan de ter algo de anacrónico, sen participación efectiva (=con efecto) da xente. Os contactos son abono menos vistosos, mais poden resultar máis produtivos para o futuro, aínda que veñen adolecendo do mesmo mal que os mítines: non deixan de ser algo puntual, sen aspiración de continuidade e participación máis que a traverso da promesa de transmisión do voto delegado.
Por certo, un espazo para saber que papeletas nos imos atopar (se nos achegamos ás urnas) o próximo domingo 25:
- PPdeG: Francisco Conde
- PSdeG-PSOE: Luis M. Álvarez Martínez
- En Marea: Luis Villares
- BNG: Olalla Rodil
- C's: Isabel-Ángela Cendán
- PACMA
- CxG
- Converxencia Vinteún
- Partido Anticorrupción y Justicia
- Recortes Cero-Grupo Verde
- Ganemos Galicia
- Sí se Puede
Sei que de aquí ó día 25 este artigo debera actualizarse, e moi posiblemente así o faga. Mais por hoxe, antes de comezar a semana que remata coa visita (voluntaria) ás urnas, así queda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario