20160912

ESCUDOS DO PAZO DO XULGADO. Francisco José Campos Dorado

Estes tres escudos están situados na Praza da Constitución de 1812, hoxe Praza de Abaixo, sobre a fachada do antigo Pazo do ex-Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo, case facendo esquina coa rúa Amando Pérez.

 O escudo central é o escudo tal do Xulgado, que como xa dixemos do escudo de armas do Concello de Ribadeo, ten forma elíptica ou ovalada, como o das dignidades eclesiásticas, aínda que a partir do século XVIII algúns países suramericanos adoptaron para o seu escudo nacional esta forma ¿por qué?. Esta forma ovalada e bastante utilizada en medallas e condecoracións persoais de carácter militar e civil.
 O escudo está timbrado cunha “coroa mural de vila” ou coroa de torres, á vista cinco, propia desde a antigüidade da deusa Cibeles. Carece de adorno exterior ao campo e está gravado en pedra de cantería de grao medio, mantendo moi bo grado de conservación. Cibeles é a deusa da Madre Terra que personifica a terra fértil, deusa das cavernas, montañas, murallas e fortalezas da natureza, de aí que se represente cunha coroa en forma de muralla, e a súa imaxe porta unhas chaves que dan acceso as riquezas da terra. Cibeles asóciase coa fertilidade, coa curación de enfermidades e coa protección do seu pobo durante a guerra.
O escudo está cuartelado en catro, cuxo primeiro e cuarto cuartel son castelos e segundo e terceiro son leóns rampantes, figuras que representan os reinos de Castela-León. No escusón sobre o todo do abismo, ou peza que ocupa o centro ou corazón do campo, está o Escudo de Ribadeo: en campo de azur unha chave de ouro posta en barra, coas gardas cara abaixo e a destra, surmontada por unha estrela de prata de cinco puntas a sinistra en xefe, e en punta augas de azur e prata.
 Nos escudos elípticos da fachada do Xulgado, un a cada lado do principal, hai unhas “estrañas estrelas” (fotos dereita) que son, di Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, páxina 7: “porque el escultor incurriendo en una confusión frecuente en Heráldica, labró en lugar de aquella (estrela), un hermoso rodete de espuela, que también podía ser un símbolo...” Efectivamente, a estrela de cinco puntas en xefe que significa o Norte, a Estrela Polar, do escudo de Ribadeo, foi substituída por un rodete de espola, que xeralmente póñano nos seus brasóns os cabaleiros, ou incluso espolas enteiras (como as armas dos Puga) cando gañaban un combate e recollían do campo de batalla, como trofeo, as espolas dos seus inimigos da cabalería mortos, e que servían como “recordo escrito”, igual que ocorría con bandeiras, pendóns, etc, para quedar lembranza da fazaña.
 Non solo hai este erro na composición dos escudos laterais, senón que, para que os escudos luciran “máis estéticos e simétricos”, un fixérono de dereitas e outro de esquerdas. Ou sexa, fixeron do escudo de armas de Ribadeo o que lles veu en gana, así, unha chave está en banda cara a sinistra (primeiro da dereita), e outra está en barra e mira a destra (último da dereita). Como din agora os rapaces, na linguaxe da rúa ¡están petaos! pero nada que ver coa normativa heráldica que lles corresponde.
Xa vimos anteriormente que hai versións do escudo de Ribadeo para tódolos gustos, pero a que máis se cinguía a forma heráldica normalizada, das armas de Ribadeo, era ó que estaba pintado nas carrozas dos Reis Magos: un escudo español, cuadrilongo redondeado en punta, timbrado coa coroa condal: un círculo de ouro, fornecido de pedrería, sobre o que descansan dezaoito perlas grosas, visibles nove, e en campo de azur unha chave de ouro posta en barra, superada por unha estrela de prata de cinco puntas no centro en xefe, en punta augas de azur e prata en tres reas niveladas.
 Pero ás carrozas dos Reis Magos de Ribadeo, tamén chegou a globalización, e nestes últimos anos se lles desvirtuou o escudo ó timbralo coa coroa real, debido a ridícula moda do “café para todos”. Menos mal que os camelos seguen bebendo auga e non alcohol ou gasolina. ¿Por qué será que o natural nunca cambia? Di Xesús Taboada na súa Etnografía Galega (Galaxia, 1972), recordando a Sahagún: “para coñecer a alma dun pobo é preciso pescudar as súas crenzas, relixión e linguaxe”, e eu engadiría: “e a súa Historia real”.
 Recordemos, entón, algo da historia do antigo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo. O último Xuíz foi D. Antonio Gutiérrez Población, a quen se lle impuxo a Cruz de Segunda Clase de San Raimundo de Peñafort o 2-Xuño-1963, por man do Xuíz Comarcal de Ribadeo, D. José Manuel Muiña Fernández, en nome do Ministro de Xustiza. No homenaxe pronunciou un moi afectuoso discurso o secretario do noso Xulgado D. Emilio Calvo Juárez (La Comarca 9-Xuño-1963).
O Xulgado pasou a ser de Paz en 1965, pois queda vacante o Partido Xudicial de Ribadeo “por falta de xuíces ou aspirantes a servilo” (B.O.E. 26-Novembro-1965), e quedaron Ribadeo e Viveiro, incorporados o Xulgado de Mondoñedo. Unha vez restaurado o Xulgado de Viveiro, e continuar exercitando a súa función o de Mondoñedo, hoxe ámbolos dous contan con dous xulgados cada un, e a Ribadeo polo “arte de Birlibirloque” non se lle devolveu o seu. A expresión infantil non se cingue a Dereito pero expresa perfectamente o arte de facer desaparecer as cousas sen saber moi ben o como e o por qué, aínda que xa había antecedentes polémicos en 1872 (El Eco de Galicia, 17-Agosto-1872, ano I, Nº8) de que “o escribano de Mondoñedo” xa quería deixar sen Xulgado a Ribadeo.
 Hoxe Ribadeo desapareceu da escena xudicial, incluso cando a día de hoxe o Poder Xudicial, está pedindo que se abran máis xulgados en Galicia, posto que non hai dabondo, pero simplemente pola desidia, esquecemento, e desinterese administrativo de tódolos rexedores dos partidos políticos do noso pobo, que non loitaron nin loitan nada, pero nada en absoluto, pola volta do noso Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, estamos sen el, e desto podemos dar fe os membros da antiga directiva de “O Tesón” que xa o 31-Decembro-2010 reunimos 1376 firmas dos veciños, e se mandaron o Sr. Ministro de Xustiza, D. Francisco Caamaño, xunto coa firma dos representantes dos partidos políticos daquela Corporación Municipal: BNG, PP, PSOE e UPRI. Na directiva de “O Tesón” esperamos todo o ano 2011 pola contestación deste Ministro, e nunca nos contestou. Foi ano de eleccións.
 Logo, dende “O Tesón”, continuamos coa loita de conseguir o Xulgado para Ribadeo, e fomos ao propio Ministerio de Xustiza de Madrid, onde expuxemos por escrito do 24-Febreiro-2012, a nosa reiterada petición. Contestounos rápido e moi amablemente o 6-Marzo-2012 a Sra.Dª Cristina Coto del Valle, Directora do Gabinete do Ministro Sr. Ruiz Gallardón, que trasladou a cuestión presentada a Secretaría do Estado.
A Sra. Dª Isabel Tarazona Lafarga, Subdirectora Xeral de Organización e Coordinación Territorial da Administración de Xustiza, a quen lle agradecemos profundamente a súa pronta contestación, por carta de 23-Marzo-2012, dicindo que: “o Goberno tiña como obxectivo prioritario acometer a reforma xeral da demarcación e da planta xudicial... pois a actual estrutura organizativa e territorial non é a máis adecuada a realidade actual, tratando agora de dotala de outra máis flexible, inspirada en criterios de racionalidade e eficiencia”.
 Contestamos en 11 de Abril de 2012, aportando documentación antiga para acreditar o dereito histórico de Ribadeo, que desde 1832-34 xa estaba implantado como Partido Xudicial no Reino de España. Axuntouse documentación de Expurgos Ordinarios e Extraordinarios que se levaron a cabo nos Xulgados de Primeira Instancia Municipais e Comarcais desde 29-Maio-1911 ata 1932, polo que só restaban cartafoles desde 1933 ata 1965 do Xulgado de Ribadeo, no Arquivo do Xulgado de Mondoñedo, en perfecto orden cronolóxico. (Nota: os Expurgos consistiron en levar todo canto legajo de papel había nos arquivos dos xulgados, entre certas datas, para reciclar o papel para publicacións do Ministerio de Xustiza. O 2-Xullo-1963 cargábanse en Lugo 3808 kg destes papeis. Non é de estrañar, por tanto, que en Galiza, ou en Ribadeo, esteamos tan escasos de documentación histórica. Fana desaparecer). Nós desde “O Tesón”, para acreditar a antigüidade do noso Xulgado, mandamos fotocopia do Folio 59 do Libro I, da Lista de Barcos e Embarcacións da Axudantía ou Capitanía Marítima de Ribadeo, correspondente a Fragata Casas, onde consta que en 1861 e 1869, se fixeron dilixencias e tramitacións xurídicas para o armador deste barco, desde o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo.
 Dª Isabel Tarazona Lafarga, contestounos o acuse de recibo a 8-Maio-2012, e dicíanos o respecto que “1) A implantación do Xulgado implicaría a creación, mediante lei, dun novo Partido Xudicial. 2) O Goberno pretende unha reforma xeral da organización da xustiza a fin de que sexa máis racional e eficiente. Para levar a cabo dita reforma o Consello de Ministros nomeou unha Comisión Institucional constituída por membros destacados dos distintos colectivos que colaboran coa administración de xustiza. 3) O tema proposto ha de ser estudado e valorado de acordo os criterios da mencionada Comisión”.
  Desde “O Tesón” contestamos o 23-Maio-2012 a Dª Isabel Tarazona dándolle as máis expresivas grazas polas súas dilixencias, e demos copia do tramitado a tódolos partidos políticos da Corporación Municipal e quedamos a espera da resolución da antedita Comisión. Para rematar, non debemos esquecer que o Partido Xudicial e moi importante para Ribadeo pois determina a sede e a demarcación dos xulgados, así como tamén, antigamente foron, os que determinaban aos Deputados Provinciais e moitas outras entidades e asociacións, distritos electorais ou demarcacións de contribucións e servizos. A día de hoxe a Asociación de Veciños “O Tesón” está desaparecida, e polo que parece para este asunto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadeo, a Corporación Municipal tamén está desaparecida. Como se sole dicir: “¡veciños, éche o que hai!”, pero se non se pelexa polos dereitos que temos, ninguén nos los vai traer a casa.

Ningún comentario: