20160904

Visitantes por milleiros

Onte sábado a 'heroican race' encheu Ribadeo. 1000 participantes, a grande maioría de fóra, que viñeron acompañados nun día de sol en plenas festas. Un día máis de cheo total na nosa vila, algo que se está a converter en normal boa parte do ano. E non só son anuncios triunfalistas das notas do concello, que cualifican o verán como 'histórico', senón o saír á rúa calquera día ou a comparación co que pasa noutros lugares. Así, onte mesmo, un xornal atribuía 62 000 atendidos polas oficinas de turismo de Ribadeo, fronte a 27 000 pola de Viveiro. Ou sexa, en números redondos, Ribadeo atendeu nas súas oficinas de turismo o 220% de turistas en relación a Viveiro. Por suposto, as cifras de visitantes son superiores.

E a cousa non remata aquí: a catro de setembro, quedan momentos clave das festas, e xa están programados outros eventos -aí está a xuntanza de drones en dúas semanas- para seguir coa enchente de xente. Outro día podemos falar de contrapesar beneficios e fartazgo, do mesmo xeito que xa ten comezado a pasar noutros lugares, ou da xentrificación que supón a acción sobre o centro de Ribadeo (polo turismo e xestión de servizos tanto como pola xentrificación común) ou dos comentarios como 'fuxir do centro' ou 'eu non vou ás terrazas do centro, agóbiome', que escoitei esta mesma mañá.

Ningún comentario: