A máis das alegacións basadas en feitos reais que o grupo 'Por nuestro faro' está a facer en relación á posibilidade de uso como hotel e cafetería da illa Pancha, hai outros feitos que se poden cualificar como rocambolescos se non se queren tildar de mentira e embaucamento xeral. Nesta categoría entra algo que xa hai máis de nove meses publicou unha revista 'especializada' en hostalería e de distribución gratuíta entre locais de restauración.
'La Alacena Roja', revista patrocinada por entidades oficiais como Galicia Calidade, no seu número de xaneiro-febreiro deste ano fala dun feito consumado, con fotos incluídas das súas habitacións de alto standing e referencia á súa magnífica adega de prestosos caldos e á súa cociña realizada con produtos da terra. De que está a falar? Do complexo hostaleiro que xa hai máis de nove meses estaría funcionando na illa Pancha. Un embarazo para un artigo cando menos embarazoso...Vaia por diante que o artigo non vai asinado, sendo por tanto atribuíble a redacción á propia revista.
Unha revista que se repartiu no seu momento en Ribadeo, claro, e que seguiu a estela da difusión de informacións equivalentes anteriores nas redes sociais.
Quizáis caiba lembrar neste punto que segundo informaron no seu momento os xornais estaba previsto que abrira hai preto dun ano, e que na actualidade, 16 meses despois de comezado o contrato (e máis de 20 000 € debidos ou pagados a Puertos del Estado despois) aínda non se comezaron as obras de acondicionamento do hotel, que da cafetería non hai permiso e polo tanto, non poden realizarse. Isto, tamén despois de colocar na porta da ponte á illa o cartel regulamentario que indica o prazo de obras a desenvolver a partir de xullo deste ano e de dar as novas a cousa como xa feita.
A illa segue pechada e o faro parece secuestrado.
Dúas capturas de onte mesmo: a primeira, do Facebook, coa portada do número da revista onde aparece o fraudulento artigo comentado.
A segunda, da web correspondente http://www.laalacenaroja.com , que onte (nin hoxe) non tiña contido accesible en ningunha das súas seccións.
... e unha toma do artigo citado, onde a revista se desfai en eloxios do 'hotel que xa funcionaba hai máis de nove meses':
Pregúntome se haberá algún artigo verdadeiro na revista, se será cousa xeralizada o das as invencións, ou se só neste caso, por algunha razón, a mentira quedou plasmada en papel e repartida ó largo da terra...
Ningún comentario:
Publicar un comentario