20161114

CASA BRASONADA DAS CATRO-CALLES. Francisco José Campos Dorado


No centro das Catro-Calles (nome popular co que se coñece en Ribadeo o cruce das rúas Reinante, Viejo Pancho, Vilafranca do Bierzo e Rodríguez Murias) atopamos unha casa brasonada que fai esquina coa rúa Viejo Pancho e Vilafranca do Bierzo. Na súa fachada, entre os dous balcóns do segundo andar, podemos ver un escudo español de impecable factura e conservación, gravado nunha pedra marmórea que destaca polo seu aspecto de cor branco marfileño. Está timbrado cunha celada bruñida colocada de perfil mirando a destra, en cuxa visera baixada non se distingue ben de cantas grilletas consta, que en número de sete, usaban os Condes e os Baróns, e en número de cinco os Señores e os Fidalgos.
A parte inferior do casco adórnase cunha elegante gola de chapa con raias que simulan as varias pezas solapadas que a forman, e que servían para cubrir e protexer o pescozo e clavículas do cabaleiro. Na parte sinistra, máis que verse, intúese un pequeno burulete, ou tocado de seda de varias voltas torcidas, suxeito ó casco, onde leva cosido un profuso penacho de plumas que lle serve de adorno.
O escudo adórnase sobre un prego de pergamiño cortado a tramos simétricos que se enrolan, e cuxos rolos lle serven de soportes e sostén. Este pergamiño emula, nalgúns casos, as pezas de tela chamadas lambrequines, que o cabaleiro usaba sobre o casco para evitar que o ardor do sol quentara o aceiro, e como se sole dicir, lle “asara a cabeza” ou lle fixera “ferver os miolos” mentres estaba parado e aprestado para o combate. Outras veces en vez de lambrequines, usaba unha veleta ou volante, ou un mantelete que suxeito a celada, cubríao por enteiro incluídas as costas. Cantos máis cortes tiveran os lambrequines, máis honra lle facían o cabaleiro pois eran sinal de bravura, xa que quería dicir que estivera metido no máis difícil da batalla e recibira moitos golpes de espada e de brosa. Estes símbolos de honor sufriron tódolos caprichos das modas, variando as formas segundo lles parecía os artistas que os debuxaron e gravaron.
O campo do escudo está cuartelado en cruz ou en catro cuarteis. No primeiro cuartel: unha torre donjonada (con outra torre encima), sobre ondas de auga. Parecen armas dos Villamil, similares as do cuarto cuartel do escudo da Casa dos Cuatro Hermanos, antigo Comercio de Maseda e as do cuarto cuartel do escudo do Patín, pero falta un elemento: a pequena torre ou igrexa adestrada a torre donjonada, polo que tamén puidera interpretarse como un castelo sobre ondas, armas dos Castrillón de Casielles de Luarca (un castelo de prata sobre ondas de azur e prata), ou das armas dos Couto (en campo de gules un castelo de prata sobre ondas de azur e prata) (dato facilitado por A. Taboada Roca a D. José Santiago Crespo del Pozo, Historia de Galicia Vol.XIX) ou dos Suárez ou dos Suárez de Deza procedentes da comarca da Galiza do Deza e Trasdeza, cuxos apelidos son familiares en Ribadeo.
No segundo cuartel, tres faixas horizontais sobre ondas de auga. Son armas que semellan as do cuarto cuartel do escudo da Casa de Vior da rúa Bispo Veres. En campo de ouro tres faixas de azur, das armas dos Messía, que como xa dixemos naquel escudo, posiblemente sexa unha rama familiar dos Messia de la Cerda establecidos en Ferrol, mariños de alto rango da Armada en liñaxe cos Marqueses de Acapulco. Pero as ondas do mar, colocadas nesta posición, baixo as faixas, poden representar al liñaxes dun matrimonio entre un Messía de la Cerda e unha Magariños, posiblemente da comarca de Ferrol, ou dun Messía ou dun Ribera ou Rivera, cuxas armas tamén son tres faixas, cunha Mariño ou Mariña, ou cunha Páez, apelidos de familias establecidas de moi antigo no Concello de Ribadeo. No terceiro cuartel, un crecente montante (coas puntas da lúa cara o xefe ou cara arriba) entre tres e tres estrelas de seis puntas. Parecen armas dos Luaces, pero o crecente dos Luaces é ranversado (as puntas da lúa miran cara abaixo) como podemos ver no cuarto cuartel do escudo sinistro da Casa dos Miranda. Neste caso, puideran ser armas dos Valledor emparentados cos Sotelo e cos González de Carvajal de Viveiro, onde existe un escudo con estas mesmas armas na Casa de D. Tomás Galdo na Praza Maior de Viveiro, cunha estrela menos en punta ou abaixo.
No cuarto cuartel, unha árbore e dous animais empinados no tronco, poden ser armas dos Gomez Acevedo, dos González Acevedo ou dos Pardo Acevedo. No seu conxunto parece ser o escudo familiar dun descendente de Páez Suárez de Acevedo, na cal seu tataraneto D. Diego González de Acevedo loitou o lado do rei D. Xan II de Castela, que mira por onde, foi o rei que lle deu o título de Conde de Ribadeo a D. Rodrigo de Villandrando por privilexio de 22 de Abril de 1435. ¿Coincidirían batallando codo con codo este fidalgo e Villandrando?. Por outra banda este cabaleiro, cuxo liñaxe procede de Arnaldo de Bayán, gascón, que fundou casa en Galicia no século X, no lugar de Acevedo en Vilar de Frades en Orense, parece ser descendente na liña dos Condes de Monterrey, pois a casa troncal está emparentada coa casa de D. Sancho Sánchez de Ulloa, señor de Vilamaior de Ulloa, a uns 20 km de Lugo, a quen por privilexio de 10 de Maio de 1476, os reis Católicos o fixeron I Conde de Monterrey.
A casa onde se atopa o escudo pertenceu a Dª. Elisa Rodríguez Malvares, benfeitora na construción do Colexio vello das Monxas da Caridade, como reseñamos nun artigo anterior cando nos referimos o Escudo de armas da Rúa Trinidad. Non sabemos si Dª Elisa era descendente deste cabaleiro a quen pertence o escudo.
É evidente que a afición de descifrar os enigmas históricos escondidos durante séculos na heráldica non deixa de ser, neste caso, un traballo interpretativo de aproximación, pois tendo en conta que interpretar un cuartel sen a documentación xenealóxica do fidalgo ao que pertencía o escudo, é soamente un intento de expoñer, co maior rigor que nos é posible, outra das riquezas patrimoniais do noso pobo, pero, as veces, as pezas ou mobles dos cabaleiros non están completos, ou carecen de tal ou cal elemento debido a que o escultor non tiña o esquema ou o debuxo das Armas, supervisado por un Rei de Armas, correspondentes a ese preciso cabaleiro. Por outro lado está o carácter artístico “caprichoso” co que se gravou, e outro elemento esencial son os esmaltes ou cores e metais cos que se pintan e esculpen os escudos, elemento que falta en tódolos escudos exteriores expostos ata o de agora. Pero, incluso así, non deixo de sentir esa compartida e profunda satisfacción de ver como “falan as pedras” dos seus antigos donos...

Ningún comentario: