20161128

NOTA DE PRENSA DO COLECTIVO “POR NUESTRO FARO”

Onte o colectivo 'Por Nuestro Faro' emitiu unha nota de prensa, a raíz das novas que apareceron nos xornais a fin de semana (sábado). Á súa vez, ditas novas tiñan orixe na nota de prensa do concello de venres á tarde na que se daba cota dunha carta enviada polo concello á Autoridade Portuaria de Ferro-S. Cibrao, moi posiblemente impulsada pola insistencia de 'por Nuestro Faro' de que o contrato sobre a illa estipula que se hai hotel, só quen sexa cliente el terá acceso á illa, implicando unha discriminación e unha privatización encoberta. Así pois, para amosar toda a secuencia, deixo a continuación a nota de por nuestro faro, a nota do concello e a carta do concello á Autoridade Portuaria de Ferrol-S. Cibrao. A historia anterior, en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/Illa Pancha

1.-
NOTA DE PRENSA DO COLECTIVO “POR NUESTRO FARO”
A última declaración do Sr. Alcalde sobre a Illa Pancha non aporta nada novo ao que xa sabemos dende hai ano e medio. O seu apoio decidido a un hotel de duas suites quedou perfectamente reflectido nas declaración que fixo a un diario madrileño o día 22 de Abril de 2015. Caseque un ano antes de que a empresa concesionaria presentase o proxecto definitivo e sen nengún tipo de informe técnico nen económico o Sr Alcalde xa tiña tomada a decisión de apoiar este proxecto porque tal como declarou era “un premio para Ribadeo”. Deixémonos de lerias, foi unha decisión política, como o foi a de rexeitar o galpón no porto de Figueirúa e mesmo levalo a pleno sen ter nengún proxecto nen informe técnico. Como ben se sabía que habería espertar unha forte rexeita social mantívose en segredo. Despois veu a tramitación das licencias, primeiro de un proxecto, despois de dous, sen explicación alguna polo concello nen pola Autoridade Portuaria. Sen informe de afección á Rede Natura 2000, sen informe económico nen criterios de sostibilidade que exixen a lei de Portos, a de Costas e a Reserva da Biosfera. Despois de que a propia Dirección Xeral de Medio Ambiente recoñecese –negro sobre branco- que non recibiu o expediente, e polo tanto que so podía informar sobre a obra interior do faro, cousa polo demais allea a suas competencias. Este é o cenario cando nos avisan de que non se daría a licencia de apertura en función dos informes técnicos senon da decisión persoal do señor alcalde, ou sexa o contrario de que se ven declarando dende hai moitos meses. En realidade o que se está buscando son disculpas para resolver favorablemente o recurso presentado pola empresa concesionaria por aprobarle a cafetería e darlle argumentos para un eventual contencioso.
Polo demais abonda un exemplo que tódolos días escoitamos comentar nas ruas ¿Por qué os prantexamento que se propoñen para as catedrais non valen para a Illa Pancha?. Se a cafetería das Catedrais debe estar mais afastada da costa ¿porqué se tolera e se apoia un hotel no medio da Illa Pancha?. En proporción o coherente sería poñer un hotel de sete plantas nas Catedrais. Se propoñemos un aparcamento a varios centos de metros das catedrais ¿porque defendemos un aparcamento no medio e medio da Illa Pancha?. Falemos claro ¿hai un criterio ambental distinto en casa caso ou hai intereses políticos e personais inconfesabeis?.
Ribadeo, 27 de Novembro de 2016
2.-

BARCIA DI QUE "ISTO NON É GRECIA, ONDE SE PRIVATIZAN AS ILLAS"-
Acceso á Illa Pancha-
25/11/2016-
O alcalde, Fernando Suárez, ven de dirixirlle unha carta á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao na que lle solicita que se manteña o acceso público á Illa Pancha. No escrito sinálase que o Concello esixirá, á hora de tramitar a licenza de actividade ao hotel que albergará o vello faro, que por parte do titular se manteña o devandito acceso a ese espazo.-
O rexedor explicou que "este documento que acabamos de enviar á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, como titular da Illa Pancha e de todo o que alí contén, ten que ver con estas obras que contan coa súa preceptiva licenza para a construción dun hotel, e que no seu momento deberase garantir o acceso público a toda a Illa para que o Concello poida dar a licenza de actividade".-
Suárez Barcia sinalou que "hai que ter en conta que a Autoridade Portuaria só concesionou unha parte da Illa, non toda. E si ben é certo que nestes últimos decenios a Illa estivo pechada ao uso público xeral por tratarse dun uso de interese xeral como era un faro, e podía ser comprensible esa actitude, agora non se entendería, agora que se privatiza a través dunha concesión que soamente quede restrinxida para uns poucos afortunados". O rexedor lembra que "a lei de Costas e toda a normativa que dela deriva é moi clara ao respecto. Toda a Illa ten a catalogación xurídica de dominio público marítimo terrestre polo que corresponde unha utilización libre, pública e gratuíta para os usos comúns, tales como pasear, estar, etc… tanto para os que sexan clientes ou para os que non o sexan".-
O alcalde ribadense dixo que "isto non é Grecia, onde se privatizan as illas. Polo tanto, e aínda que cumpre con todas as autorizacións a conversión dese edificio en hotel, desde logo deberán ter o acceso aberto para todo o público por parte do Concello, senón o Concello non poderá dar a licenza de actividade necesaria para poder operar"
3.-
Coido que agora, quen poda xulgar, terá algún dato máis que as notas aparecidas nos xornais.

Ningún comentario: