20161110

'Pleno, antonte'

'Din que hai dous días se celebrou un pleno...' Coido que é unha boa forma de comezar: falando de oídas. Onte, a auga pasada de xeito forzado, fixen un comentario no blog sobre o pleno de 20161108 do que isto ven a ser unha segunda parte anunciada. Xa saiu a anunciada (por min) nota de prensa do concello (que reproduzo ó final)
e, claro, tamén saíron as novas correspondentes nos medios. Por certo, que a orientación da nota de prensa variou algo en relación ó 'aviso' de pleno: No medio, os dous medios con edición comarcal trataban o tema do botellón (os dous ó tempo, si) e había que ir coa maioría.  Polo demais, coido que a nova é que non hai nova: o resultado do pleno de onte estaba descontado antes de celebrarse, e non só pola maioría absoluta do BNG, como pode verse polo título da nota de prensa: 'aprobados por consenso'. O resalte dun só tema na nota de prensa ven explicado nela: alén Ribadeo, unha morte. Cabería dicir, non se entra no que representa o botellón, senón en evitar responsabilidades. e si, tratáronse máis cousas, mais iso, que non era dos puntos de convocatoria,-parece ser- iso é o empregado como resume do pleno. Pois iso.
Por certo, na nota de prensa corrixo unha cousa: a separación de decimais, neste país (considérese España ou Galicia), visualízase cunha coma.
"
OS ASUNTOS DA ORDE DO DÍA FORON APROBADOS CON CONSENSO

Botellón

09/11/2016
No pleno celebrado onte no Concello ribadense falouse do botellón e da preocupación existente na sociedade pola presenza de menores que inxiren alcol. O alcalde, Fernando Suárez, fixo unha chamada ao sistema educativo e aos pais e nais dos rapaces para evitar que estas situacións se produzan e indicou que a Policía Local denunciará a aqueles menores que atope nesta situación diante da autoridade competente.
O rexedor contou que "neste pleno ordinario que celebramos onte a noite saíron todos os puntos aprobados, eu creo que na maioría dos casos con unanimidade. A verdade é que practicamente todos eles tiñan un aspecto económico ben para amortizar préstamos pendentes, ben para dar conta dos períodos medios de pagamento aos provedores que estamos aproximadamente nun mes, en 31,91 días exactamente, tamén para amortizar un dos préstamos que tíñamos vivos desde hai uns anos grazas ao superávit na liquidación do ano pasado, do exercicio económico anterior, así como tamén aprobamos as obrigas pendentes de pago sobre todo coas facturas de Sogama, da entidade pública que nos recolle o lixo".
Suárez Barcia relatou que "aprobamos tamén esas modificacións para o IBI, bonificacións para familias numerosas e para aquelas persoas que teñan propiedades no ámbito rural que estean vinculadas á explotación agrícola gandeira, coa excepción da vivenda habitual. Tamén modificamos a ordenanza de artesanía para adaptar o mercado de rúa ás necesidades dos seus vendedores".
O alcalde dixo: "pero tamén nos plenos ordinarios existe o capítulo de rogos e preguntas, onde se establece un debate de suxestións ou preguntas ao goberno municipal por parte de todos os grupos da Corporación, e aínda que hai algúns que son máis interesantes que outros… non considero interesante pedir que para o seguinte pleno se poña a calefacción un pouco antes ou tampouco considero digno de mención que se volve o exército a Ribadeo non se lle cobre, pois se volve o exército ou quen queira se lle cobrará polos gastos que ocasionen e non hai máis que falar nese aspecto".
Fernando Suárez indicou que "houbo outra serie de debates agradables sobre situacións que todos compartimos en maior ou menor medida, a veces penso que a oposición normalmente ten que facer o seu traballo, pero o goberno debe tamén enfocar e contrastar a realidade tal e como é. Estoume referindo ao asunto do botellón, que está de actualidade nestes tempos, non soamente en Ribadeo senón a nivel galego e de todo o estado sobre todo porque unha rapaciña, desgraciadamente, faleceu hai poucos días por mor dunha inxesta indebida de alcol. Con todo este debate de fondo trasladei o que falo habitualmente coa Policía Local no ámbito das nosas competencias, nosoutros non temos as competencias nin da Policía Autonómica nin da Garda Civil, nós temos as competencias na Policía Local e transmíteme que ela está tamén preocupada e que intenta nos botellóns desde hai anos identificar a algún responsable deses grupos que se poidan ir establecendo por aí para pedirlles, non soamente que non consuman alcohol os menores de idade, senón para que deixen todo recollido e non ocasionen desperfectos. Á vista está que algúns fan caso e outros non. Tamén é certo que coa lei de seguridade cidadá vixente a unha persoa porque sexa menor de idade non se lle pode denunciar porque estea nun corro con outros rapaces ou rapazas se non está bebendo, e a Policía non ten o don de estar escondida en cada esquina detrás dun grupo de nenos ou de rapaces".
O alcalde ribadense manifestou que "aínda que a Policía ten que facer o seu traballo e se desde logo colle a algún menor de idade nun espazo público bebendo, que saiba ese menor de idade que vai ser denunciado, non diante dos pais, senón diante da autoridade competente, a Subdelegación do Goberno, a Fiscalía ou a quen proceda. Pero máis aló disto que pode soar un pouco forte, tamén onte falamos entre todos e compartimos entre todos con independencia dos diferentes grupos que somos, que estas tarefas tamén corresponden moito á sociedade, especialmente ás familias, é dicir, se hai un neno ou unha nena menor de idade a unha hora intempestiva pola rúa tampouco vai ser culpa da Policía Local, será culpa dos seus pais por mantelo a esa hora nese lugar. Trátase dunha cuestión integral de todos, da escola, da educación, das familias, da Policía Local na parte que lle toque e eu o que quero expresar á cidadanía é que na Corporación estamos de acordo en que é nun tema que nos preocupa, que temos no ámbito das nosas competencias facer todo o que estea na nosa man e estámolo facendo e redobrarémolo en todo o que faga falta, pero tampouco podemos tapar cun dedo a lúa".
O rexedor contou que "no pleno de onte púxenlles un exemplo, hai poucas semanas a Policía Local denunciou a uns rapaces por estar mexando nunha parede do Concello. Esa denuncia tramitouse á Subdelegación do Goberno e devolveuna entendendo que iso non cabe na lexislación porque non é un deslucimento continuado, é dicir se houbera unha pintada ou unha rotura dunha papeleira podería ser, pero como unha mexada non é un deslucimento continuado pois non ten potestade sancionadora segundo a lei actual. Moitas veces tamén se resta de competencias ou de facultades aos axentes que inicialmente denuncian, pero algunhas delas non poden ir para adiante. Polo tanto é unha situación moi complicada en espazos abertos, se fora nun local pechado a lexislación é moito máis restritiva para o dono dese establecemento, pero en ámbitos abertos se non se colle a alguén in fraganti bebendo pois dificilmente se lle pode facer nada".
Fernando Suárez apelou "ao sistema educativo e aos pais e ás nais de maneira moi importante, sobre todo pensando nos menores de idade".
"

Ningún comentario: