20161106

Ribadeo e a competencia

Dende hai un par de décadas a competencia hostaleira de Ribadeo ten mellorado moito. Non só tivo lugar un aumento de prazas de hostalería e unha mellora media, senón que se materializou unha causa, tivo lugar a eclosión dun produto estrela, a praia das Catedrais, que se complementou cunha miriada doutras oportunidades de desfrute turístico, dende a illa Pancha a Santa Cruz, con base na ría ou nas praias. Así, hoxe, hai conciencia de que a competencia no sector hostaleiro pasa tanto ou máis por coidar o patrimonio natural que por coidar hoteis ou cafeterías.
Estes días pasados tense falado abondo (nos medios, vía novas e propaganda) da competencia comercial, coa apertura dun novo centro comercial na zona do Vilar, Mercadona, e a restruturación total do xa existente Eroski (agora propiedade de Vegalsa). Mesmo o alcalde recalca que é un realce de Ribadeo como capital comercial. E si, hoxe os centros comerciais son unha base forte de competencia comercial. Mais coido que a situación ten máis caras.
Unha delas lévanos á comunicación pobo-área comercial do Vilar, onde se desenvolve o aumento de oferta. Na práctica, e a pesar de chamamentos diversos (entre eles, diversos artigos neste blog), o único xeito de comunicación entre ambas zonas é en coche. E iso implica que a competencia de Ribadeo-pobo non se vexa mellorada polo aumento de competencia nas superficies comerciais. Cando alguén de fóra colle o coche e se achega ó Vilar, sae de novo do Vilar en coche, e ten que desviarse para entrar en Ribadeo. Mais que o que ten que facer para entrar na autovía ou para coller as estradas para as poboacións máis preto.
Mentres, o comercio de Ribadeo segue a abrir e pechar locais a un ritmo regular en ambos casos, e se hai máis xente en Ribadeo para mercar non é polo Vilar, senón pola atracción de ambiente do propio pobo ou o aumento do turismo. Afecta nisto de xeito poisitvo ou negativo o Vilar?
Ben, é competitivo un comercio que fomenta o uso do coche? Coido que a medio prazo, non. Pode ser competitivo en custe monetario, pero por outros motivos, como os soldos dos empregados. Nunca e custes totais, enchendo de aparcamento  un terreo cando se ve un cambio de modo de transporte cara ó futuro inmediato. De calquera xeito, para Ribadeo en conxunto, quen e como se beneficia desa competitividade anunciada?
Dende que comecei a escribir o artigo, hai varios días, a falta de tempo fixo que se escorreran polas beiras varias puntualizacións que despois dos anuncios e artigos de prensa últimos posiblemente serían mal comprendidas. Nun tema que coido que se encaixonado entre catro paredes feitas con cartos e sen vistas á xente. E tamén algún accidente, que si é comprendido como algo 'ás aforas', cando un recente artigo (A Voz, hoxe domingo) aínda tentaba facer o camiño inverso: O Vilar como novo eixe urbano. Un eixe onde agora mesmo hai unha cafetería, mais que pode rematar con varias, desprazando aínda máis a importacia do comercio da zona. E si, mira por onde, o accidente xa se foi tamén do foco e haberá que esperar a que haxa máis para ter conta e poñer solución a unha situación que se prolonga.
Mais, mentras, non nos enganemos. Se o que se procura é poñer Ribadeo nos focos por calquera medio, entón, adiante. Se o que procuramos é achegar o comercio á xente, coido que non é o camiño, aínda que se poña máis cerca para o pobo de Ribadeo que se fora en Luarca, poñamos por caso. No medio, e ás beiras, consideracións de medio ambiente ou tipo de sociedade. Cousas que quizáis nos caen moi grandes a cada un de xeito indepndente (menos grandes ó concello en conxunto) pero que non por iso podemos deixalas de xeito voluntario a un lado, porque alguén ten que facerse cargo. E ese alguén inclúenos a todos.

Ningún comentario: