20161224

Agasallo de Nadal: cesión da Casa do Mar

Días pasados o concello de Ribadeo emitiu unha nota na que daba conta dun convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social pola que pasará a usar unha parte maior da Casa do Mar, antiga cárcere que na actualidade dá acubillo á Escola Municipal de Música (planta baixa e planta alta, incluída a antiga cociña), Asoc. de Amas de Casa (planta baixa), Amadores da Música (baixa), Coral Polifónica (baixa), e Instituto Social da Marina (alta), a máis de, na planta alta, o Salón de actos e un local baleiro, que pasou por bar e por Capitanía Marítima, esta última parte, fundamentalmente o que se cede. Deixo un plano da situación da antiga cafetería nunha foto do Sigpac da zona (fronte ó Hospital-Residencia, r/Clemente Martínez Pasarón por medio), unha foto de situación interna e a nota de prensa do concello.


HABERÁ MÁIS ESPAZO PARA O ALUMNADO DA EMMeD
Casa do Mar
20/12/2016
O Concello ven de asinar un convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social para ampliar a superficie de uso da Casa do Mar. Grazas a este acordo serán 200 metros cadrados máis os que poida empregar a Escola Municipal de Música e Danza, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor explicou que "finalmente despois de bastante tempo de trámite, por fin podemos asinar un convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social de ampliación da superficie de cesión e de uso que ten o Concello na Casa do Mar de Ribadeo".
Suárez Barcia lembrou que "é un lugar onde actualmente se atopa a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, así como outras asociacións culturais e musicais. De aí que lle pedimos á Tesourería Xeral da Seguridade Social hai tempo, que nos permitiran ocupar para a Escola de Música unhas dependencias que agora mesmo están valeiras, desde que a Capitanía Marítima saíu de aí, no seu primeiro andar".
O alcalde de Ribadeo contou que "é unha superficie de practicamente 200 metros cadrados que vai vir moi ben para aliviar un pouco esta situación que temos de tanta xente, tantos alumnos e tantas alumnas no apartado de música e de danza, para que poida ser un pouco máis agradable gozar de máis espazo. En definitiva é para que os nenos e nenas de Ribadeo, en número de practicamente 300, que son os que ten a Escola de Música, poidan levar día a día o seu traballo e a súa formación moito mellor".
O rexedor ribadense subliñou que "lle damos o agradecemento aos responsables de toda esta tramitación da Tesourería Xeral da Seguridade Social por facer posible este convenio que acabamos de asinar agora".

Ningún comentario: