20161227

Augas Santas. Artigo de Pablo Mosquera

(Trad. de A. Gregorio)
Hai moitos lugares no noso país, ermidas e santuarios, relacionadas con fontes e nacentes con augas que teñen -dalgún xeito- recoñecidas propiedades curativas. Podemos mesmo incorporar unha serie de elementos máxicos que conforman un totum revolutum con eses conxuntos, frecuentados por devotos, ofrecidos, fieis, crentes, etc., e que teñen moito que ver cos elementos: auga, aceite, campás, sinais en pedra, imaxes ...
Na raíz do misterio adivíñase o intento da traslación. A doenza desaparece na medida en que se transfire ó medio con propiedades sanadoras. Outras veces, trátase de acadar un desexo: amor non correspondido, descendencia fronte á esterilidade. Lembro como me explicaban en Burgos, no santuario de Santa Casilda, preto de Briviesca, que ó lanzar ó pozo dos desexos, texa ou pedra, lográbase unha nena ou neno para un matrimonio novo sen descendencia; do mesmo xeito que nese fermoso lugar, que recomendo visitar, de San Xoán de Gaztelugatxe ou o Santuario de Loyola. Logo, tendo logrado o propósito, o vástago soe ir cos seus padriños visitar o lugar. E é que tras a miña longa estancia por terra dos vascóns, non só aprendín mediciña e practiquei a saúde pública, tamén recollín costumes ancestrais propias do pobo vello, entre castaños e carballos, ou con acantilados onde o curlto 'pagán' foi creitianizado por ermidas.
Para comprender o que se percebe, se adiviña, se oculta, na nosa Galicia, hai que ler a obra do meu colega médico Jesús Rodríguez López. A primeira edición de 1895, onde nos explica como Feixoo e Sarmiento, ambos benedictinos, descreben as supersticións propias da nosa paisanaxe: "é sabido que moitas das cousas que hoxe consideramos como supersticións algún día non o eran, e, polo contrario, foron tidas como artigos de fe ou como verdades indiscutibles". "Grazas a que Deus apiadouse de España mandándolle ó apóstolo Santiago, foron morrendo pouco a pouco as superticións...". A obra é un magnífico tratado de cultos praticados polos nosos antepasados e presentes nesas xuntanzas, tan destas datas, en torno ó animal lume.
Se acoden a un vello caseirón de granito e pizarra, para despedir a noite de San Silvestre, proben interpretar o alarido do can asilvestrado, o chirrido da leña verde queimándose, procuren a sombra do vello carballo á luz da lúa, non lles neguen calor ás ánimas tiritando de frío. Pola miña parte, lavarei as miñas mans con augas santas que brotan de Santa María de Lieiro

Ningún comentario: