A illa Pancha, desaloxada... Noticia!
O domingo, un xornal daba a nova de que a illa Pancha foi 'desaloxada' de xente polo concesionario. Precisamente o día de reis, con máis visitantes e máis potencial de noticia. Coidamos que se deben aclarar algunhas cousas sobre o feito.
1.A
oposición de 'Por nuestro faro' é ben anterior a calquera oposición do
concello. Coido que é importante aclaralo porque significa que os veciños, o común, se puxo en marcha reclamando os dereitos de todos e nun sentido amplo antes que calquera institución comezara a defender parcialmente algún deses dereitos. O sentido é ben diferente á redacción que presenta a nova, na que se invirte a orde e parece limitar a intervención veciñal.
2.Se o concello en algún momento se opón a como van indo as
cousas débese á oposición do pobo a traverso de 'Por nuestro faro'. Oposición que, e non é a primeira vez que se di, tivo que comezar por cousas aparentemente tan sinxelas como procurar información de que e como se estaba a facer, ou concienciar á xente de que a illa é de todos, un ben común.
3.É de recalcar que non é a primeira
vez que sucede que a porta quede aberta, nin que xente non autorizada visita a illa de mans do
promotor. Sorprende que esta vez se lle dera cabida como nova, cando nos consta de que non é unha primeira vez, nin tampouco o sería que a illa teña visitantes ós que se lle abriu a porta. E chama a atención tamén porque a responsabilidade parece diluírse: a verxa 'quedou aberta', como se fora un acto voluntario da propia verxa. Se ocorre un accidente, a responsabilidade tamén será "da verxa"?
4.O coidado da illa Pancha queda patente por novas coma esta. Polo escavado do entorno, que non está permitido en ningún papel. Pola
vulneración continuada do contrato en temas facilmente demostrables como
os prazos. Polas mentiras en medios diversos como as fotos de xa hai un
ano de dentro dun hotel, 'aberto e cunha magnífica adega', etc.
E
seguimos.
Seguimos porque se poderían dicir moitas cousas máis, e porque é necesario ir dicíndoas para que se comprenda a situación. E si, queda moito: cando se escavou arredor do edificio, que pasou? Nada. Feita a 'intervención', xa non se ve nada (ao menos, dende fronte á illa, que as limitacións de entrada son as que son) e a vida segue sen que a Pancha se entere de que hai unha protección sobre ela.
Agora ben, xa máis aló de que a illa é un ben común, con todo o que iso implica e os dereitos e deberes asociados, quen pode confiar no seu coidado cando se comeza polo incumprimento de cuestións nimias (e non tan nimias) ben antes de que entre en funcionamento o hotel? Mesmo ben antes de que 'La Alacena Roja' publicara en papel de calidade e con anuncios de chiringuitos oficiais as fotos dun teórico hotel aberto xa en xaneiro de 2016 na illa, cunha magnífica adega. Ou, quen pode confiar nun Puertos do estado que leva xa anunciado en diferentes lugares un hotel de nonseicantas estrelas no faro, como se a institución fora o empresario, co hotel xa aberto?
Ningún comentario:
Publicar un comentario