Hoxe sábado, en segunda convocatoria, ás 20:30 no salón de actos da Casa do Mar tivo lugar a Asemblea de Amadores da Música que incluía, a máis da aprobación da acta anterior e rogos e preguntas, o estado de contas, informe de actividades desenvolvidas e o informe do director. 6 persoas na mesa e outras 17 nas butacas fumos a representación dos algo máis de 600 socios polos que debe andar a asociación.
Comezou o acto co agradecemento do Presidente, Chema Suárez, a concello e máis xente pola colaboración, e desculpando algún fallo como primerizo e asumindo a culpabilidade correspondente.
José Ángel Bolaño, o tesoureiro da asociaciación, desgranou as contas, que redondeando, se non tomei mal nota, céntranse nun superávit de 14 240 € a fin de ano, despois duns ingresos de 2000 € do concello, correspondentes a anos anteriores, uns 8000 € de cotas de socios e 7200 € por concertos. Pola beira dos gastos, 5000 € de incentivos, 1600 € de reparacións, 1550 da realización da páxina web e 4900 € de colaboracións con músicos. Total, 2000 € de superavit, e tendo que cobrar aínda diversas axudas, co que se pon o monto total de dispoñibilidade a estas datas nuns 24 000 €.
O informe do director, David Ballester, incluíu unha relación de diversas actuacións, citou novas incorporacións (2 + 4 en total no período) e lembrou que en poucos días é o 25 aniversario da presetnación da banda, co que este ano hai prevista unha exposición conmemorativa, un concerto ó que se invitará a participar a tódolos músicos que pasaron pola banda, e ensinou un logo que lucirá a cartelería en este ano conmemorativo, feito por Álvaro e consistente nun palco da música cun pentagrama sobreimpreso. A máis, deu conta da petición de colaboración por parte do FMCR para este 2017.
Xa en rogos e preguntas, Mari Luz Álvarez preguntou sobre unha entrevista que saiu na prensa, feita ó presidente de Amadores, e na que se falaba de falta de colaboración entre banda e escola. Comezou entón unha serie de intervencións de Mari Luz, concelleira encargada da Escola de Música, e Chema Suárez, na que interviron tamén outras persoas, principalemtne David Ballester. As declaracións foron tildadas de pouco afortunadas por Mari Luz, expúxose que foran revisadas polo director da escola, Hugo García (ausente da asemblea), xunto con Chema Suárez, lembrouse unha e outra vez a falta de xente para algún instrumento (non se citou, pero aí está o gasto citado de colaboracións musicais), saiu a relocer a separación actual (pero non a comezos de século) entre a dirección de banda e de escola, a existencia dun subdirector da banda (Rubén Solloso), que a pasada xunta directiva foi casa por casa dos nenos que podían entrar na banda para tentar de que así fora, que o RRI foi renovado en 2015, que a plantilla está en precario cara a este ano, que hai que poñer proxectos sobre a mesa e diversas variacións, que se leva traballado arreo para tentar superar a situación de falta de músicos, etc, incluído, nalgún momento, derivacións diversas. Entre outras persoas que falaron, eu propuxen unha xuntanza entre concelleira, presidente e os dous directores de banda e escola, con 3 propostas escritas, dentro de 15 días para ver os inconvintes, dificultades... Cousa da que se tomou nota e máis ou menos serviu para cambiar de tema.
Por último foi proposto por outro dos asistentes a realización de actividades extraescolares relacionadas coa músca nos colexios. Falouse brevemente da proposta, atopando falta de dispoñibilidade horaria nun primeiro momento, pero estimándoa.
Rematouse algo antes das dez da noite, coido que coa idea de todos os asistentes de que hai que tentar enfocar dun novo xeito algúns aspectos da actividade de Amadores, tentando artellar maior e mellor colaboración cara ós desafíos que ten a banda fronte a si.
Ningún comentario:
Publicar un comentario