Baixando desde a Praza de Abaixo pola Rúa Trinidad, o fondo, torcendo a man dereita para subir a capela, está a rúa da Atalaia. A primeira casa, a dereita, é a magnífica Casa Indiana de Dª Panchita Acevedo. Enfronte, pintada de cor marelo escuro está a casa onde vivía o noso ben recordado veciño Manolín de Peruxo, casa tamén brasonada da que falaremos nun próximo artigo, e un pouco máis arriba, pegada o atrio da capela, está a Casa de Prelo en cuxa fachada presenta a pedra armeira que hoxe nos atinxe (foto). Esta casona coñécese como dos Prelo, posiblemente por ser, ou por haber sido, dos familiares da Casa dos González de Prelo ou de D. Diego Suárez de Prelo (ano 1587) do concello de Boal.
A labra esta realizada sobre unha pedra cadrada de mármore branco e enmarcada por pedras de cantería rectangulares. Consta dunha bordura xeral onde malamente se poden ler algunhas letras da lenda, empezando por abaixo a esquerda: “ARMAS.(en punta); Y BLASON...(flanco destro); DE PEDRO GONCALEZ(?) (en xefe); DE ...COP..AIº.S” (flanco sinistro), o cal, fai difícil a identificación xenealóxica, e tampouco ten gravada unha data de execución que puidera ser esclarecedora.
No campo desta pedra armeira aparecen unha serie de adornos simétricos en forma de cinta adentada, que realzan as figuras dun brasón nobiliario: un cabaleiro montado a cabalo, cara a sinistra, con armadura e casco sen visera, tipo borgoñota con penacho, lanza en riste (baixo o brazo), alanceando un animal, que parece un cérvido femia esvelto e de longa cola. A escena ocorre fronte a unha árbore de copa arredondada (un teixo) e arrancada ou desenraizada (unha árbore á que se lle ven as raíces de fora).
Se por un intre nos remontamos a Mitoloxía Grega e Romana poderemos ver certas similitudes nos gravados dos seus mitos e lendas con algúns dos brasóns da baixa Idade Media. É lóxico pensar que para idear un brasón descritivo dun feito heroico ou dunha escena campestre, os artistas gravadores da Idade Media se inspiraran en deseños debuxados nos pergamiños dos mosteiros ou nos gravados das ánforas, urnas, conxios, cotilas ou calquera outro tipo de pote cerámico decorado, e trasladaran a idea ás escenas dos seus tempos. Neste caso, o brasón aseméllase as ilustracións do mito de Belerofonte, neto de Sísifo que matou á Quimera montado sobre o cabalo alado Pegaso, nacido da sangre de Medusa. Este comentario, sirva só de apunte do arte, pois puidera ser motivo de investigación e estudio aparte.
Segundo as figuras do campo parece ser un dos brasóns dos Valledor. En Ribadeo había tres casas brasonadas dos Valledor (hoxe quedan dúas), con tres escudos de armas distintos, de dous dos cales, nos ocupamos neste artigo, e do outro nun próximo.
Revisando os arquivos da Chancillería de Valladolid, cremos que esta casa da Rúa Atalaia, pertenceu a D. Pedro González Navia y Valledor do val de Allande (Asturias), ou a algún dos seus sucesores, pois este señor aparece no ano 1597 preiteando con D. Pedro Fernández, cura, como herdeiro de D. Juan de Llano de Caldevilla sobre uns bens que comprou a D. Sancho de Ron y Osorio, xunto coa xurisdición, vasallos e rendas de Caldevilla (Asturias). Así mesmo, aparece en 1715, preito de Dª. Ana Fernández de Boal contra outro D. Pedro González Navia, e nunha data máis próxima, en 1818, hai executoria do preito litigado por D. Pedro González Trelles y Valledor, veciño de Avilés, con D. Antonio Suera y Trelles sobre unha entrega de bens.
Esta antiga casona, pola magnífica situación sobre a paisaxe da Ría de Ribadeo, e pegada o atrio da Capela da Atalaia, ten tódalas trazas de ter sido a casa familiar dalgúns dos membros desta familia que seguramente se ocupaban nalgún negocio do Comercio Marítimo de Ribadeo, ou onde pasaban grandes tempadas da súa vida gozando a diario da ría: bañándose na praia de Cabanela, pescando, mariscando, velexando ou zaleando dun lado para outro.
É unha pena a desgraciada e mal cualificada restauración externa que, o noso entender, lle fixeron a esta preciosa casona, pois aquelas magníficas fiestras, balconadas e portalóns dos días de esplendor desapareceron. Non queremos nin pensar, que sería daqueles alongados salóns interiores, daquela larguísima mesa de comedor onde os faladoiros da sobremesa duraban horas, daquela amplísima cociña con escudo nobiliario sobre a cheminea...! En fin!
Outro antigo escudo de armas dos Valledor (debuxo, tomado do Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 108 en diante) desaparecido de Ribadeo a primeiros da década de 1970-80, cremos que o levaron para o Museo de Lugo cando se derrubou a casa de D. Xusto Barreiros que estaba na esquina da Praza de España, ó comezo da Rúa de Figueirúa, hoxe Rúa de Bos Aires.
Segundo a ilustración debuxada por D. Amando Suárez Couto, é un escudo cortado, ou así parece, aínda que pode ser un só campo cunha escena en perspectiva, timbrado cun casco de fidalgo mirando a destra. Consta das seguintes figuras e mobles: un castelo de pedra de tres torres, entre as cales, sobre o adarve, asoma a cabeza dun home que asexa o campo. Adestrado dun teixo e sinistrado dunha flor de lis superada dunha estrela de oito puntas (en campo de gules, un teixo de sinople flanqueado por unha lis de ouro superada dunha estrela de prata). Abaixo, fronte o castelo, aparece unha escena de caza similar a da foto; neste caso, o cabaleiro está mirando a destra en actitude de lanzar un venabre ou unha xavelina a un oso ao que acosan un can e dous homes armados de lanzas (monteiros). Á sinistra un home, armado de lanza está sentado no chan e contempla a escena do campo. Tras do cabaleiro, á sinistra, outro home porta unha caldeira coa man dereita e na esquerda debe ter(?) “unha culler de madeira para revolver o pote”. Na bordura pódese parcialmente ler, comezando por xefe e flanco sinistro: “EL SOLAR DEL BALLEDOR ES ANTIGVO DE GRAN BALOR CABALLEROS DESTE APELLIDO NO LO ECHEIS EN OLVIDO” (o lema borrado, completámolo na obra: Heráldica de los Apellidos Asturianos, D. Francisco Sarandeses, Oviedo 1994, páx.367)
As ramas xenealóxicas desta familia, emparentan cos Arias de Lugo, cos Pose de Betanzos, e cos Sotelo e cos González de Carvajal de Viveiro. A rama familiar deste escudo do Ribadeo Antiguo (debuxo) parece ser a de D. Pedro Fernández Valledor, casado con Dª María Pardo de Ulloa y Losada (hai un preito de 1656 litigado por Dª Maria, viúva) cuxo fillo, D. Xacinto Valledor y Lavega, capitán, casado con Dª Sabela de Lamas Vaamonde de Andrade e Montenegro, tiveron por fillo a D. García-Manuel Valledor Presno Llamas Montenegro (hai un preito de 1698), capitán tamén, casado con Dª Catalina Trelles e Villaamil, cuxo fillo D. Xacinto Valledor e Presno, capitán, estaba casado con Dª Mariana Raimúndez Pardo Osorio Miranda e Azcuedo, e o seu fillo, D. García-Francisco y Presno, señor de Montealegre, casou con Dª Melchora Queipo de Llano... (Blasones y Linajes de Galicia, D. Xosé Crespo del Pozo do Mosteiro de Poio, Tomo V)
¿Como é posible que se estea perdendo sistematicamente tanto patrimonio histórico de Ribadeo? ...os castros do concello, o xacemento de Louselas, os pecios afundidos na Ría de Ribadeo, a propia Ría colmatada de area a causa de tanta obra civil mal pensada... se permitan demoler casonas históricas de Ribadeo, como o Colexio S. Clemente, a Casa de Villamil no Xardín, a casa de Leopoldo Boado en Figueirúa....e se cambien por vulgaridades totalmente fora de todo entendemento patrimonial? Incluso lles apetece agora levarse por diante “aeternum” a Illa Pancha e o seu Faro a catro empresarios, pero... ¿a qué intereses espurios están vendidas as “nosas autoridades” que sen ruborizarse un centímetro da súa cara permiten e firman estas obras? ¿Non fomos capaces nin os ribadenses, nin os galegos de votar a ninguén con raciocinio dabondo como para non hipotecar con estas absurdas resolucións o nosa esencia de ser? Porque, non nos chamemos a engano, machacado o patrimonio e cegada como está a Ría e Porto de Ribadeo, para barcos de 5000 Tm a 10 000 Tm para abrirnos ó Comercio Marítimo transoceánico que foi desde sempre o motor de riqueza de Ribadeo ¿qué facer? ¿seguir emigrando de Ribadeo? ¿Non lles importa a estas “autoridades de traballo eventual” o futuro dos seus propios fillos? Traballar por e para eles, baixo as condicións que sexan, onde sexa e como sexa, para crialos e estudalos, para que logo teñan que atopar traballo en A Coruña, Bilbao, Madrid, Cáceres, Hamburgo, Londres ou Nova York e que veñan á casa só nas Festas do Nadal. ¿Toda unha vida dedicada a traballar, para ó final, votar ós fillos da casa...? ¡tendo Ribadeo tantísimo potencial económico de riqueza, desprezado e tirado pola borda un día tras doutro! ¡que pena! ¿non?.
Ningún comentario:
Publicar un comentario