A conta dunha queixa ó Valedor do Pobo sobre o mínimo do consumo de auga no concello de Barreiros, volve a estar visible o cobro de cantidades non consumidas.
Con diferentes xustificacións, atopamos pagos 'mínimos' en moitos servizos, dende telefonía a auga, pasando por electricidade ou gas canalizado. A xustificación soe estar relacionada con que o manter a dispoñibilidade do servizo, custa. Mais o que pasa é que se emprega ese mínimo de xeito recadatorio, esquecendo que unha vez feita a instalación, o mantemento correspondente é moito menos que recadado, usando os pagos para engrosar beneficios da compañía (e/ou, no caso de participación de institucións públicas, aumentar a recadación)
A denominación (como ocorre na factura de Viesgo que se amosa) é o de menos. O de máis é que pode existir unha mínima xustificación de cobro por mantemento, pero dispárase para 'equilibrar' ingresos das compañías e/ou institucións sen vir a conto, mesmo pasando a ser a parte principal do cobro, forzando un desinterese sobre o aforro (e sobre o consumo). No caso do recorredor ó Valedor do Pobo barreirense, segundo parece non había consumo, e houbo cobro. No caso das eléctricas, xa ten saído na prensa veces abondas casos semellantes, mesmo aparatocos , de cobro por subministro. Na factura que se presenta, hai máis cobro 'por potencia contratada' (é dicir, independente do consumo) que 'por enerxía consumida'. A factura pertence a unha zona como a nosa, con cortes abondantes no subministro eléctrico, que fai supoñer que o mantemento se realiza de xeito abondo deficiente, non garantindo a potencia contratada. Algo polo que, por certo, as grandes empresas pagan un canon extra (ver o caso de Alcoa) que polo que parece non chega e subvencionamos todos...
Voltando ó comezo, estamos pagar ás grandes empresas (quenes se encargan destes cobros son en xeral grandes empresas, mesmo que sexan por conta dos concellos por privatización do cobro) algo que non nos garantizan, e o estamos a facer a prezo de ouro. E, ademáis, usan ese 'canon' para dicir que os servizos son baratos, non contabilizándoo no custe do propio servizo... Mais, se non o contabilizan como custe de servicio, por que o cobran?
E, mentras non nos rebelemos, a cousa ha seguir así. Ou peor. E mentras, seguirán desincentivando o aforro e collendo, tamén por ese método, máis poder.
Ningún comentario:
Publicar un comentario