20170104

Un ano de temperie en Ribadeo 2016. III.-Vento

*Primeiro publicado en FQ Ribadeo
*A serie 'un ano de temperie en Ribadeo 2016' consta de de parte I.-Temperaturas, parte II.-Chuvia e parte III.-Vento*
'Só nos lembramos do vento cando ventea'. É entón cando rememoramos dalgún día especial con vento veloz que causou destrozos. E maldicimos cando saímos á rúa e o vento non nos deixa usar paraugas, facilitando que nos mollemos despois de ter dobrado e inutilizado o que estabamos a usar.
Hai máis características da temperie que son medidas puntualmente nas estacións meteorolóxicas como compoñentes climáticas, mesmo como causantes dos fenómenos máis sentidos (como sucede coa presión atmosférica). mais con esta terceira parte dou por rematada a análise correspondente ó ano pasado.
A rpimeira gráfica presenta o vento acumulado cada ano dende comezos de século, medido en km recorridos. Pódese observar que o ano pasado tivo vento abondo no inverno, primeira parte do ano, mais logo ralentizou, rematando cunha media máis ben baixa. Como curiosidade, os 84 228 km recorridos polo vento en Ribadeo no 2016  (case un 20% menos que en 2008, con máis de 101 000 km recorridos, e o que recorre a Terra en 3/4 de hora) representan 230 km diarios, case 10 km á hora de media (2,7 m·s-1).
A táboa indica os resultados finais (acumulados) do vento ó longo de cada ano, e a media diaria ó longo do século:
As dúas gráficas seguintes expresan os mesmo datos en diferentes unidades, m/s e km/h, a velocidade media do vento en cada ano. A tendencia é a aumentar lixeiramente, correspondente co aumento de temperaturas, que indica unha maior enerxía na atmosfera (aínda que como xa dixen, este ano non tivera unha velocidade media grande).


O vento diario por meses, acumulado no século, indica que os meses nos que é máis veloz son os do inverno, e nos que e menos veloz, os de verán, volvendo a repetirse unha certa simetría como no caso das temperaturas, se ben nesta ocasión, máis imprefecta.
Agráfica a continuación presenta os mesmo datos que a anterior en formato diferente para visualizalos mellor:
A última gráfica presenta o vento por semanas, con altibaixos que lembran á gráfica semanal de chuvia, se ben con menores variacións.
Como resume das tres partes, , algo obvio: Ribadeo disfruta dun clima temperado, chuvioso, sen grandes variacións. Vivimos nun sitio de clima agradable.

Ningún comentario: