20170227

ESCUDOS DO ALTAR MAIOR DE SANTA MARIA DO CAMPO. Francisco José Campos Dorado


Escudos do retablo maior
Para facilitarnos a mellor comprensión dos escudos e brasóns que se contemplan no conxunto da ábsida da Igrexa Parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo, imos empezar por ler a laude (pedra cunha inscrición) que se encontra sobre o sepulcro sinistro (foto infra) segundo miramos cara o Altar Maior: “TODA ESTA CAPILLA MAIOR ES I FVE DESDE SU FVNDACION DE LOS SSEÑORES DE LA CASA DE NAVIA QUE ESTA SITA EN EL BALLE DE ANLEO I NADIE SE PVEDE ENTER(R)AR EN ELLA SIN LICENCIA DEL MAIORAZGO DE LA DICHA CASSA”.

Escudo sinistro, laude e sepulcro
A primeira vista, parece claro, que todo o que aquí vemos (“TODA ESTA CAPILLA MAIOR ES I FVE...”) ten que ver coa familia dos Navia do val de Anleo (Asturias). Pero no conxunto hai outros aspectos que nos chaman a atención, polo que vamos a pormenorizar o análise. O escudo de liñaxe situado sobre a arcada oxival do sepulcro sinistro, son as Armas primitivas ou máis remotas do brasón dos Navia. Non presenta esmaltes, pero segundo se describen nos Nobiliarios, serían: “en campo de sinople (cor verde) unha banda de ouro engolada por dous dragantes (dous dragóns) do mesmo metal (de ouro)”.
Sepulcro destro do altar maior
O comezo da Heráldica, en liñas xerais, coincide co comezo da arte gótica no século XII, por iso as figuras máis primitivas son estilizadas. Este brasón dos Navia, manifesta o seu primitivismo no resalte dos trazos fundamentais das figuras de liñas rectas e na falta de adornos superfluos. A Heráldica Eclesiástica, aparece no século XIII, un século despois da Militar, e as armas civís que se atopan nas igrexas son: por padroados, por sepulturas ou por doazóns. Sabemos que o Convento de S. Francisco data do ano 1214, polo que este Maiorazgo dos Navia, debe ser dos primeiros que tivo o Convento e un dos máis relevantes, pois sitúase no privilexiado espazo do Altar Maior.
Na parte alta do retablo, encontramos un primeiro enigma do Maiorazgo. Nos dous escudos, tamén dos Navia, un a cada lado da preciosa composición dunha talla de Cristo Crucificado sobre un fresco de fondo azul que representa a paisaxe dunha cidade que non recoñecemos, os campos dos escudos son de azur (cor azul, non de sinople) e a banda de gules (cor vermello, e non de ouro) engolada en dragantes linguados e dentados de sable (cor negro). Ambos escudos están timbrados cunha coroa de xénero descoñecido, moi parecida a que timbra o Escudo do Parador de Turismo (tamén en La Comarca del Eo, 22-10-2016). Esta “confusión” na cor dos esmaltes do campo e da banda, pode ser debida: 1) A unha brisura que caracteriza as Armas dos descendentes dun segundo, terceiro, cuarto... fillo, das Armas dun padre ou dun primoxénito. Dado que o retablo é de Arte Barroca, ditos escudos son dun descendente dos Navia, do século XVI ou do XVII, por tanto moi posteriores a primoxenitura Navia con campo de sinople. 2) O cambio de cor débese, a que os esmaltes sofren o desvarío nas obras de restauración e embelecemento da estrutura do Convento de San Francisco, comezada a obra en 1903 e finalizada para o 28 de Xullo de 1904, cando a visita do rei Alfonso XIII a Ribadeo (D. Secundino Martínez Montenegro “O Cura Vello” (V), artigo de D. José Mª Rodríguez Díaz, La Comarca del Eo, 28 Xaneiro 2017). Na transformación do deteriorado Convento para facer a actual Igrexa de Sta. Mª do Campo, as cores das figuras e do campo dos escudos, supoñemos estarían moi “borradas”, e como a situación dos escudos era no “ceo” da igrexa, puxéronos de cor azul, que supoño que pensaron, era a mellor cor “que pegaba” co fondo do fresco, e os artistas restauradores non pensaron importante cinguirse as cores verde do campo nin o ouro da banda que lles corresponde ós Navia polo seu brasón heráldico. Estas cousas ocorrían e ocorren, polo miúdo, máis do que deberan ocorrer con algúns individuos chamados “restauradores”. O campo de azur e banda engolada de ouro, é brasón dos Tovar. Ditos esmaltes non corresponden, en absoluto, a este caso.
Nun artigo do xenealoxista mindoniense, D. Xosé Isidro Fernández Vilalba (Cidre) publicado na revista galega “Terra e Tempo” o 10-Febreiro-2016, referente a un testamento de 1668, dise que D. Baltasar Menendez Navia y Sierra “familiar do Sto. Oficio da Inquisición de este Reino de Galiza”, era fillo de D. Sancho Menéndez Navia y Villaamil e de Dª Magdalena Rodríguez de Sierra y Fuertes naturais da vila de Navia. D.Baltasar cásase con Dª Antonia de Hestrada y Río, filla de D.Francisco Rodríguez de Río e de Dª Antonia Hestrada Manriquez, veciños de Ribadeo.
D.Baltasar e Dª Antonia, son os fundadores do patronazgo da Capela de S. Roque (Escudo da Capela de S. Roque, La Comarca del Eo 30-Xullo-2016). Este matrimonio tivo sete fillos: 1) Dª María Navia Villamil, casada co Capitán D. Antonio Sarmiento. 2) D.Salvador Menendez Navia e Villamil (presbítero, tesoureiro da Catedral de Mondoñedo en 1719) (ibidem). 3) Dª Antonia Hestrada monxa profesa no Convento de Santa Clara de Ribadeo. 4) D. Francisco Menendez Navia casado con Dª María del Campo Mon y Castrillón. 5) Dª Juana Menendez Navia y Villamil casada có licenciado D. Juan Antonio Castrillón y Cienfuegos. 6) Dª Isabel María Menendez Navia (solteira vivindo en compañía dos pais). 7) Gaspar Menendez Navia.
Dinos tamén D. Xosé Isidro no mesmo artigo, que: “O 21 de Abril de 1683 morre D. Balthasar Menendez Navia e Sierra polo que ese mesmo día, en presenza de D. Antonio Baamonde, escribán de número da vila de Ribadeo, quen tiña en poder o testamento, xunto con varias testemuñas que recoñeceron a firma de D. Balthasar, abriuse o dito testamento, que entre outras cousas di: “que o seu corpo sexa sepultado na Igrexa Conventual de San Francisco na sepultura que tiñan dotado os seus maiores e que está debaixo do púlpito.” Isto parece ser dato convincente de que nun sepulcro do altar maior da Igrexa Parroquial de Ribadeo, está enterrado D. Baltasar Menendez Navia e Sierra, aínda que a día de hoxe este dato pode non ser concluínte de todo, para os restos mortais que puidera haber dentro dun sepulcro, pois anos máis tarde puideron haberse enterrado outros familiares da súa liña sucesoria, hasta que se anularon os Maiorazgos en virtude do Art.13 da Lei de 11 de Outubro de 1820, do Dereito Civil (Heráldica e Dereito Nobiliario, Instituto Luís de Salazar –C.S.I.C- Hidalguía, Madrid 1961, páx.103)
Por outra banda, no mesmo artigo D. Isidro, dinos que D. Baltasar e Dª Antonia de Hestrada e Río, eran veciños de Ribadeo e viven: “a donde dicen fuera de la villa y en el campo (o que quer dicir extramuros da muralla) y frente al Hospital de San Sebastián de esta villa de Ribadeo con su escudo de armas de la descendencia de mi el dicho Balthasar Menendez de la Casa de Navia de los Limones sita en dicha villa de Navia y solar conocido de mi descendencia por línea recta de varón de mi padre, abuelo y más ascendientes y de la villa de Villaamil de cuyos solares me intitulo y de quien pertenecen dichas Armas que estan en dicho escudo y de las de los Fuertes y Sierra de quien también desciendo por hembra”.
Xa na descrición dos escudos dos Menéndez Navia Villamil, que fixemos no artigo “Casa brasonada do Parque de Ribadeo” (tamén en La Comarca del Eo, 21-Maio-2016) relatamos os brasóns e xenealoxía de parte desta familia onde se encontraba un neto deste matrimonio, D.Baltasar, señor da Casa de Navia, do Patín e señor da Casa do Outeiro de S. Miguel de Reinante, casado con: Dª Mª Luisa de Carmen Trelles Prelo Castrillón.
Como vemos no testamento de D. Baltasar, marido de Dª Antonia, está falando de que vivían na casa que fai esquina coa hoxe Praza de España ou do Parque de Ribadeo, onde estaba o Comercio de Maseda, fronte á Casa de Arango que está situada onde antes estaba o Hospital de San Sebastián. Nos novos letreiros das Rúas de Ribadeo, feitos de forma sinxela na elegante e prestixiosa Cerámica de Sargadelos, na Rúa Vilafranca do Bierzo sulíñase que antigamente era a Rúa do Hospital (de San Sebastián) igual que a seguinte Rúa Rodríguez Murias, antigamente da Misericordia, referíndose á Capela de Nosa Señora da Misericordia, que estaba a case un terzo da rúa Rodríguez Murias, na casa Nº7 (hoxe de Nistal), entre a Casa de Sarmiento que sobresae á rúa e fai esquina, e a Boutique Valentina. Fronte a ela está instalada unha fonte pública de auga, que podería chamarse, como recordo: “Fonte da Misericordia”, igual que a Fonte da S. Roque, a Fonte da Virxe do Camiño, a Fonte de S. Lázaro ou a Fonte de Santiago de Vigo, todas elas denominadas pola súa situación o lado da capela do santo respectivo. A Capela da Misericordia e a casa do lado onde vivía o capelán, derrubáronse “a piqueta” no mes de Abril de 1964 debido o seu estado ruinoso (La Comarca, 26-Abril-1964). Era unha pequena ermida fundada en 1680 por D. Mateo Fernández de Cartabio, familiar do Santo Oficio, e adquirida en 1880 por D. José Martínez Bengoechea e Dª Juliana González, que xa fundaran en 1870 a capela de S. Francisco de Asis que facía parte da súa casa na Rúa da Paz (Ribadeo Antigo, Francisco Lanza, páx.261) hoxe, Casa de Bustelo na Rúa Amando Pérez.
Este brasón dos Menendez Navia e Villamil, que se encontra no Altar Maior, ten diferenzas e similitudes con outros brasóns. Así vemos, que son as mesmas armas que as dos Andrade, con dragantes linguados e dentados (Arquivo do Sr. González-Cela de Fene, Ferrol, citado en “Blasones y Linajes de Galicia”, D. José Santiago Crespo del Pozo, Volumen IV, páx.3).
Noutro apartado (ibidem, páx.4) da xenealoxía dos Navia descríbense outros esmaltes nas casas de Lienes e de Navia, segundo Sr. Atienza: “en campo de sinople, unha banda de gules (cor vermella) perfilada de ouro e engolada en dragantes de sinople, dentadas de prata”. Estes esmaltes pertencen as armas de D. Juan Alonso Navia Osorio, veciño de Mondoñedo en 1614. Efectivamente, no brasón deste maiorazgo da igrexa de Sta. María do Campo de Ribadeo, a banda está perfilada (con contorno ou bordeada dun filete) pero os esmaltes descritos, para a banda e os dragóns, non son os mesmos, aínda que sexan do mesmo apelido.
Na ábsida do altar maior hai outra interrogante: ¿quen está enterrado no sarcófago esquerdo e quen no dereito? ¿Son ámbolos dous da mesma familia dos Navia? Quizais si ou quizais non. Se nos fixamos na greca esquerda ou adorno que enfaixa o sepulcro esquerdo, baixo o brasón dos Navia, vemos que está formada por losanxes (rombos co ángulo agudo en vertical) en cuxos centros de enlace hai un círculo. O losanxe é a forma clásica do Escudo Heráldico dunha rapaza solteira ou dunha señora viúva, pois a forma de ovalo é das señoras casadas (Tratado Heráldica y Derecho Nobiliario, Instituto Luís de Salazar -C.S.I.C.- Curso de Licencia, Madrid 1961, Apdo. Heráldica Femenina, páx.174). En cambio no sepulcro da dereita, aparecen oito escudos con banda e sen dragóns, que poden ser esquemáticos do brasón dos Navia, usado polos cabaleiros desta familia. Para nós, parécenos bastante claro, que seguindo esta teoría, no sepulcro dereito están enterrados os cabaleiros e no esquerdo as damas da amplísima familia dos Menendez Navia con dereitos do Maiorazgo.
Pero, ¿podemos estar seguros deste criterio? ¿Seguro que no sepulcro dereito enterraron a D. Baltasar Menendez Navia e Sierra, e no esquerdo a súa dona Dª Antonia Hestrada?
¿Por qué estas interrogantes? Porque podería haber outra teoría, iso si, máis arriscada na interpretación. Esta teoría sería: que a greca de losanxes é a propia dos Navia, e foi feita así, no sepulcro esquerdo, por simple capricho artístico, e a greca formada por oito escudos con banda, do sepulcro dereito é a representación da bordura do brasón dos Ponce de León. ¿Por qué dos Ponce de León? Porque D. Pedro Miranda Farto e Castrillón estaba casado con Dª Mª Catalina Osorio Ponce de León, e aínda que supoñemos están enterrados no seu Maiorazgo da Capela das Ánimas de Vivos e Mortos e da Virxe do Carme, que como veremos nun próximo artigo, está a esquerda do cruceiro desta mesma Igrexa Parroquial. Tamén puidera ser que o seu sarcófago fora trasladado de lugar nunha das tantas reformas que sufriu o templo. ¿Crible esta opción?. Quizais non, por ser os escudos de cabaleiro e non de dama, como explicamos anteriormente, e porque ámbolos dous escudos os lados de Cristo Crucificado son iguais, dos Navia, e non un dunha forma e outro de outra ¡pero...!!
Quero agradecerlle desde aquí a D. Jacinto Pedrosa Deán, Párroco de Ribadeo, a gran amabilidade con que nos recibiu e tratou, ó fotógrafo Suso e a min, cando fomos a sacarlle fotografías, un día a media mañá, a tódolos escudos das Capelas da Igrexa de Santa María do Campo, das cales nos facilitou a gran iluminación interior e nos mostrou o seu gran sentido de cooperación para dar a coñecer o noso patrimonio parroquial. Moitas grazas, sen a súa colaboración para o traballo gráfico resultaríanos moi difícil explicar o que vemos.

Ningún comentario: