Pregúntalle a 10 persoas menores de 20 anos onde está a Fonte Cavada. Ou a Rúa dos Fornos. Ou a rúa da Muralla. Ó mellor coñecen máis as Ramblas ou a Porta do Sol.
Por se con iso non te queda claro, pregúntalle se desfrutan paseando por Ribadeo, vendo os seus detalles. É posible que te pregunte que detalles. E é posible que o resultado con xente doutras idades mellore, pero non tanto.
Casas de indianos, casas de comerciantes, casas brasonadas, miradoiros... copio dende 'Pensar desde los comunes' (David Bollier): 'a identidade dunha comunidade está inevitablemente asociada á súa xeografía e a súa arquitectura, á súa historia e ós seus líderes'. E falei de xeografía e arquitectura de Ribadeo, pero podería facelo en relación á historia ou ós persoeiros. E non se trata só da posesión da identidade, senón o ser consciente, estar a gusto e desfrutar desa identidade.
Trátase de ver ese detalle da casa de San Roque cada vez que pasas por alí, de saber que podes achegarte á illa Pancha e sentir a beleza da paisaxe ó tempo que o aire na cara, de imaxinarte á xente na feira ó pasar polo Campo, de ver a avenida de Galicia entre campos, sen casas, de chegar ó concello e imaxinar outros tempos onde alí se pensaba no Báltico, ou aqueles outros nos que a creba dunha banca supuxo un quebranto para a xente de Ribadeo...
Procura chamarte a atención a ti mesmo sobre o detalle de Ribadeo, porque son os detalles os que fan a Ribadeo diferente. E a tí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario