Aínda non amenceu. Agora hai luz na casa. Un milagre da tecnoloxía do século XIX que ás veces se interrompe no Ribadeo do século XXI. A rede eléctrica necesita un mantemento. Entre outras cousas, e postos en plan capitalista, non de servicio público, por el nos cargan cun termo fixo na factura da luz.
Tres cortes de luz (que non se poden chamar microcortes como tantas outras veces) tiveron lugar en Ribadeo luns. A resposta dende a alcaldía fo esta:
"
VARIOS VECIÑOS DIRIXÍRONSE AO CONCELLO PARA QUEIXARSE
Cortes de luz
30/01/2017
O alcalde, Fernando Suárez, critica os cortes rexistrados esta mañá no subministro eléctrico. E sinala que "o prezo da luz segue a subir neste país, pero o servizo que se presta é moi deficitario".
O rexedor conta que "foron varios os veciños que se puxeron en contacto con este Concello para advertirnos desta situación. Houbo unha parte de Ribadeo na que se produciron dous ou tres cortes no subministro eléctrico esta mañá".
Para Fernando Suárez "é inadmisible que se produzan estas anomalías cando temos un pouco de vento ou incluso cando non se move unha folla. A diario recibimos queixas de veciños, de comerciantes, de hosteleiros… de micro cortes de luz e das consecuencias que iso leva aparelladas, como aparatos eléctricos que se estragan continuamente".
O alcalde ribadense agarda que "estas incidencias deixen de producirse e que poidamos contar cun servizo acorde co século no que nos atopamos. O prezo da luz segue a subir neste país, pero o servizo que se ofrece é moi deficitario".
"
Os veciños quéixanse e o alcalde... tamén se queixa.
O agardar que estas incidencias deixen de producirse lembra ó tan visto de Rajoy a semana pasada: a luz vai baixar de prezo porque vai chover.
Mentras, #cortesdeluzRibadeo segue funcionando e paseniñamente imos tendo unha pequena base de datos para usar. Si, para usar para que as queixas estean documentadas, para que teñan un efecto contra as grandes compañías ás que do servizo non lles importa máis que facer efectivo o cobro.
Aínda que coido que no seu momento debeu estar enterado da iniciativa, volvereilla lembrar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario