20170307

Acurtando prazos

Un día intrascendente, unha entrada intrascendente... Hai xa no blog varias entradas relacionadas coas estatísticas de novas xeradas polo concello. Esta podería ser unha máis. Cun dato claro: dende que entrou en funcionamento e consolidou o sistema de novas do concello, cada ano se necesita menos tempo para que se pase de 50 novas publicadas. Este ano, case un mes menos que hai dous anos.

É algo normal que cando un mecanismo se fai habitual, sexa usado de xeito máis natural, menos consciente, máis asiduo. Significa isto que se están a producir máis 'novas reais'? Non. Nin que as novas publicadas sexan máis importantes: só é algo que reflicte un mecanismo de habitude, de integración no sistema. Sinxelamente, un mecanismo ó que se recurre usándoo como xeito natural de expresión e control de datos, feitos, expectativas.
Hai tempo (oito anos) alertaba dun mecanismo que mete na 'boca do lobo' á prensa. Teño tamén posto comentarios de grupos de novas concretas, como estas tres producidas nun mesmo día, xa hai dous anos, que cualifico de propaganda, e non institucional. E contrastado coa trasparencia, a traverso das actas dos plenos que aparecen tamén na web do concello.
Tamén no blog teño comentado que quen establece a axenda de temas a tratar ten feito moito para que as cousas se faigan como queira, e as actas do concello son a tema pasado, pero as novas moitas veces se empregan para pre-dicir o que se tratará, ou contra-dicir outras informacións (non só negando ou contraargumentando, senón creando outra nova que mingue a importancia da que se quere contrarestar).
E, mentres, estamos acurtando prazos nunha información dirixida.

Ningún comentario: