20170328

DECLARACION DO COLECTIVO POR NUESTRO FARO SOBRE UN PLENO DO CONCELLO

   No pleno do concello do pasado xoves, 23 de Marzo, o Grupo Municipal Socialista presentou unha moción, por trámite de urxencia, propoñendo a paralización das obras do hotel de duas suites na Illa Pancha. A urxencia foi desestimada pola abstención do BNG, PP e Ciudadanos, votando só a favor as duas concelleiras do PSOE. O grupo propoñente xa tivera presentado a moción ca debida antelación, pero o Sr. Alcalde non estimara oportuno incluíla na orde do día.
   Aurora González, a voceira socialista, presentou a urxencia con absoluta claridade e perfectamente argumentada. As obras estan en marcha e o informe do Defensor del Pueblo, coñecido dende o 16 de Febreiro, afirma rotundamente que o expediente está mal tramitado, falta un informe clave de impacto sobre un espazo protexido pola Rede Natura 2000 e mais rexeita a duplicación do expediente, que o concello admitiu para conceder a licencia de obra do hotel. A prosecución das obras podería traguer afeccións irreparabeis á illa e mesmo perxuicios económicos para a empresa promotora. Ainda máis: o Defensor suxería a paralización das obras.
   A nada sorprendente resposta do Sr. Alcalde, que durou máis de 15 minutos, comeza por descalificar a proposta de Aurora declarando que non ve argumentada a motivación da urxencia. Deseguido comeza cunha serie de disculpas e seudoargumentos que non teñen relación algunha ca urxencia e que en última instancia non son mais que intentos inútiles para xustificar a súa decisión política de favorecer este proxecto a calquer custe. “Non somos abogados e temos uns coñecementos rudimentarios do dereito”, afirma o Sr. Suárez, que noutros temas tratados no pleno citou como mínimo seis veces distintos artigos, decretos e leis para apoiar os seus prantexamentos. “Os xuristas son os que nos asesoran”. Pero non se consultou aos xuristas sobre a indicación da urxencia. “Parece ser que hai indicios” comentou o Sr. Alcalde, repetindo con retranca as palabras de Aurora González. Despois exténdese na sua versión sesgada e parcial sobre a concesión das licencias, e sobre as consultas que fixo a diferentes administracións, sen lembrar que esas consultas viñeron obligadas polo informe do Defensor, pero as mesmas deficiencias do expediente xa foron denunciadas polo noso colectivo un ano antes. Aínda máis: non aporta, nen solicita, nengún informe do persoal xurídico do concello, volvendo a saírse da proposta concreta da concelleira socialista. Nun alarde de subrealismo kafkiano afirma: “eu non podo negar a licencia a unha perruquería porque me caiga mal a peluquera”. Con claridade meridiana desbota a seguinte frase, chea de contido político “Nós non temos que revisar os informes de outros, xa temos abondo con revisar os nosos”. Ou sexa as impolutas administracións dos Srs. Feijoo e Rajoy teñen carta branca no concello de Ribadeo. Aforramos comentarios por respecto á intelixencia d@ lector/a. Pero tampouco revisaron a decisión do concello de desdoblar o expediente.
   “¿Por qué o Defensor non leva o caso ao fiscal?”. ¿Pero non quedamos en que non sabían nada de dereito, para vir agora dando consellos sobre o que debe facer o Defensor del Pueblo?. E a pérola para a historia, en plan sarcástico, como deixándoa caer e que a colla quen queira “… cecais o Defensor del Pueblo é un incompetente…”. Resumo: a Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria son consultores válidos e mesmo infalibles para o Sr. Suárez, mentras o Defensor del Pueblo é, cecais, un incompetente.
   Cómpre lembrar agora os compromisos asinados polo Sr. Suárez sobre protección ao medio ambiente e participación veciñal (Declaración Ambiental, Ayuntamiento de Ribadeo, 20.10.2008) para poñerse unha medalla cara á Unión Europea.
   Chegada a votación, os gnomos da vella casa consistorial e cecais os nervos, xogaron unha mala pasada ás bancadas do PP e do BNG. Votos a favor: dous. Abstencións: levantan o brazo como tiros os 14 devanditos e un pouco mais lenta a restante. ¿Estaba pactado ou nos pasamos de suspicaces?. E esto ainda ten outra reflexión. A urxencia non ten máis que duas opcións: Si ou non, a moción é urxente según un criterio ou non o según outro – se o houbese -. ¿A que ven absterse sobre unha cuestión de urxencia? ¿Qué teñen que disimular se están abertamente a favor de privatizar a Illa Pancha, dende hai mais de dous anos? Cada un que opine á sua maneira.
   26 de marzo de 2017

A illa Pancha, en Google street view en agosto de 2016:

Ningún comentario: