20170317

Eloxio de... de?

'Eloxian o impacto económico dos dous portos en Ribadeo' era o título dunha nova de onte. Desas novas que era de onte, pero xa non de hoxe, de non ser polas circunstancias, que tenden a facer dela unha nova intemporal.
O primeiro, a foto. O presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán, está acompañado, a máis do presidente do club náutico, de tres persoas relacionadas co PP local e unha do equipo de goberno do concello. Xa case se esquece un de que existen outros dous partidos na corporación local, ou de cal é a relación de forzas dentro da mesma.

O presidente de portos, segundo o subtítulo da nova, di que o cierre de Porcillán e o dragado son necesarios e están a ser tramitados. O dragado... a colmatación da ría vese acelerada pola acción humana, pero non se pon coto (si conto) a esta, senón que se segue a paliar o dito incremento. Non parece que sexa unha opción demasiado intelixente, pero si é a que fai mover máis cartos, e mentras que o fluxo de cartos se manteña, sempre se pode aproveitar alguén. O cierre... aproveita, visita o porto... por se acaso. Que haxa impagos nos amarres non ten nada que ver con que se quera arañar á ría unhas poucas máis prazas, que a vaca hai que exprimila. E que a ría teña máis actividades, tampouco importa moito, cando se está a considerar a 'súa' actividade. Porque, como foi posto de desculpa por Portos para non acometer a obra hai cousa de dous anos, o problem son só os cartos. A ría está aí para actuar sobre ela e nada máis que para iso. Estudos de impacto ambiental? de correntes? de variacións de patróns de sedimentación coa obra? de nada. Pódense sacar algúns amarres máis, e se teñen que entrar a porto pola Veiga, pois fáiselles ir pola Veiga.
Polo interior da nova fálase do grande impacto de 40 000 € (referido ás embarcacións en tránsito, que aumentaron), e a iso debe ser debido o eloxio, a que aumentou. Algo máis de 400 000 €/ano é o que saca portos do porto deportivo, ó parecer (confiando nos datos recollidos a comezos de 2015). Do de Mirasol, levamos tempo tentando sabelo dende O Tesón, e o que nos chega son só contradicións de movementos e vaguedades. Sábese que o importe reduciuse e volveuse reducir coa redución de taxas a ENCE. Pero mentres se presume do impacto económico, non se dan datos nin para xustificar o eloxio; menos aínda para xustificar a maior ou menor atención, mantemento ou necesidade de peche do porto de Mirasol. Así, parece que neste caso as necesidades van parellas ós eloxios: necesidade de? eloxio de?
Mentres, a inexistencia dun plan integral para ría vese manifestada na falta de cohesión das actuacións que se pretenden sobre a ría.

Ningún comentario: