20170302

Nota de prensa aclaratoria de Por Nuestro Faro (20170301)

En relación ca nota publicada na páxina web do concello de Ribadeo o día 27 de Febreiro temos que suliñar o seguinte:
1.- Non é certo que o alcalde de Ribadeo tivera coñecemento “hai moi pouco tempo destas argumentacións…” como di agora, porque o noso grupo xa leva mais dun ano expoñendo os mesmos argumentos e comunicándollos por escrito dende que contactamos ca SEO BIRD LIFE. Outra cousa é que desprezase e obviase a nosa información.
2.- Non é certo que os concellos estean obrigados “si ou si” a dar as licencias con calquera tipo de informes sen lelos, simplemente porque os dea outra administración. Esta é unha falacia que o alcalde ven repetindo dende o comezo deste proceso, que responde a unha interpretación simplista e interesada do procedemento administrativo para a concesión de licencias. A proba é que hai infinidade de preitos e desacordos na concesión de licencias como se pode ver tódolos días nos medios ou clicando en Google “licencia urbanística, recurso”. Outra proba: os afectados directamente polas licencias teñen dereito a recurso de reposición e naturalmente ao contencioso. Os concellos están obrigados a ler os informes doutras administración e aceptalos se están de acordo e onde non rexeitalos, recorrelos, pedir mais informes, mesmo a expertos xuristas ou a colectivos independentes como podería ser a SEO BIRD LIFE que informaría ao Concello gratuitamente se llo pedise, pero o alcalde de Ribadeo prefire os informes da Autoridade Portuaria e da Xunta de Galicia que os do Defensor del Pueblo ou os da Sociedade Española de Ornitoloxía. En última instancia que nos diga o Sr. Alcalde onde está escrito que os concellos están obrigados “si ou si” a aceptar cos ollos pechados os informes e os procedementos doutras administracións.
3.- O que xa pertence ao xénero ridículo é que o alcalde se subrogue a priori ao ditame da Autoridade Portuaria respecto do informe do Defensor, cando este organismo é o principal desautorizado neste informe. ¿Logo o Concello de Ribadeo non ten secretario? ¿O informe do Defensor non se entende ben, ou está escrito en chinés?
4.- Como xa dixemos anteriormente, o punto 5 do informe do Defensor alude única e exclusivamente ás competencias do concello de Ribadeo ao aceptar o desdobramento do expediente. Afirmamos rotundamente que non existe ningún documento que avalíe ese trámite mais que a decisión arbitraria e subxectiva do alcalde de Ribadeo para favorecer con parcialidade a empresa adxudicataria. En realidade a decisión de apoiar este proxecto xa a tomou o Sr. Alcalde moito tempo antes: Cando declarou a un diario madrileño, o día 24 de Abril de 2015 que este proxecto “era un premio para Ribadeo”, e iso foi un ano e medio antes de ter ningún informe favorable. O porqué que non nolo pregunten a nos. Aínda mais o alcalde contradí rotundamente as declaracións anteriores cando dixo que non daría a licencia de apertura se non se autorizaba o paso franco aos veciños.
5.- Nas últimas horas ven de poñerse en evidencia a inmensa chapuza que rodea todo este expediente a través dun feito intranscendente. Nun vídeo que está na nosa páxina web e na “ribadeando” pódese ver como dous mozos separan a “porta”, engarabitan polo murete e entran e saen da Illa Pancha sen dificultade, anque con risco evidente. Non sería mais que unha nenada, se non fose que a Autoridade Portuaria, no documento da concesión estipula unha serie de medidas de seguridade, leva decenios prohibindo a entrada aos veciños e antes do comezo das obras mandou dous expertos a verificar a normativa de seguridade. Xa se ven os resultados dunha chapuza que ven de moito mais lonxe e que trae perigos nada imaxinarios. O Sr. Alcalde da a licencia e despois lávase as mans das medidas de seguridade e as súas consecuencias.
6.- Finalmente acaba de saír aos medios que os alcaldes de catro concellos da Costa da Morte opóñense ás concesións privatizadoras dos faros respectivos, pero sobre todo estase falando abertamente do tema, cada un pode defender a súa a opinión publicamente e non están azotados polo secretismo que implantou o Sr. Alcalde de Ribadeo no caso do Hotel de dúas suites no faro da Illa Pancha. “Un premio para Ribadeo”.

Ningún comentario: