20170324

Nove puntos e tres mocións: pleno

20170323, xoves, 20.30 da noite, salón de plenos, 17 concelleiros, o persoal técnico do concello, 22 persoas de público e dous reporteiros. Pleno. Entre o público, dúas monxas (da congregación que leva o hospital asilo), un técnico do concello, tres persoas relacionadas co accidente do Alvia, tres persoas do PSOE, algún casual e o resto, apoyando para a moción a favor de paralizar a licenza de obras do faro.
  O primeiro punto, a aprobación de acta do pleno de 24 de xaneiro, aprobado sen discusión, e o segundo punto, a toma de posesión de Cristina Losas como concelleira, pasaron nun santiamén.
  O terceiro punto e o cuarto estaban relacionados co hospital asilo de San Sebastián e San Lázaro. Un, en relación ó regulamento do seu funcionamento e outro, en canto ós prezos. Fíxose lembranza de que para a aprobación definitiva fai falta unha aprobación inicial, un período de exposición dun mes, e, se non hai alegacións, queda aprobado, e, se as hai, hai que volver a votar se se modifica ou non para que a aprobación sexa definitiva.
  En canto ó horario, a redución de visitas, de 7 a 3 horas, sen visitas pola mañá, foi discutida, quedando a votación 15 si - 0 abstencións - 2 non. Dada a composición do pleno, 10 BNG, 4 PP, 2 PSOE e 1 C's, é doado seguir o que votou cada grupo ó ver o resultado das votacións.
  En canto ós prezos, houbo unha discusión abondo máis longa, no que saíron a relocer en repetidas ocasións tanto os datos aportados pola congregación que leva o asilo como o informe do técnico municipal, aireándose por toda a oposición que nos gastos aportados figuraran billetes de avión, exercicios espirituais ou 'comunidade' (24 000 €). Por parte do equipo de goberno defendeuse que é unha actualización, non unha suba dos prezos, despois de estar sen actulizar varios anos, tentando facer a residencia sostible sen que o acceso tamén o deixe de ser (sempre menos dun 90% de pensión, aínda que se poda recurrir a reclamar propiedades dos asilados ou á familia para aportacións, coa norma de que os fillos teñen a obriga de coidar dos pais), que é e seguirá a ser a máis barata da zona e que mesmo ten máis puntuación para entrar o ter menos ingresos. A reclamación para un exame con máis calma foi así mesmo negada por vía de dicir que xa se adiantara a comisión, cun aviso que distou máis dunha semana do pleno. Foi citado ademáis que un requerimento da Xunta hai uns tres anos en relación ás deficiencias que presenta foi contestada polo concello cun 'se quere, péchea, e dispoña dos 45 asistidos', con inhibición posterior da Xunta. Asemade, foi lembrado o cambio de regulamento no ano 2009.
A votación quedou 10 - 0 - 7
  O punto 5, dación de contas, pasouse sen intervencións.
  O 6, o convenio do ARI, saldouse cunha pequena explicación de que se trataba da bonificación de licenzas de obra adscritas ó ARI. Votación: 15 - 2 - 0
  O punto 7, convenio de dinamización comercial 2017-2019 con ACISA, no que o concello aporta 14 000 € cada un dos 3 anos, saldouse con intervencións de PSOE e PP agradecendo os servizos a ACISA e pedindo que os pagos a ACISA e outras asociacións se fagan con premura. Resultado: 15 - 2 - 0
  Punto 8: Supresión da taxa de biblioteca municipal. Por harmonización e entrada nun sistema galego de bibliotecas, pediuse a supresión da taxa (4,02 €/ano), o que foi aprobado por unanimidade.
  O punto 9, control de órganos da corporación pasouse sen intervencións, entrando no apartado adicado a mocións.
  A primeira moción vista, presentada polo BNG, foi de apoio ás reclamacións dos afectados polo accidente do Alvia 730, nº 04155 en Angrois, Santiago, lendo ademáis un texto presentado polos tres asistentes relacionados co accidente (no que se fixo un repaso de diversas cousas e se promocionou a vista do documental 'Frankestein 04155'), que pasaron toda a moción en pé. 17 - 0 - 0
  A segunda, presentada polo PP, foi a petición á Xunta de inicio de trámites para a declaración das Cruces como 'festa de interese turístico "rexional"'. Ana Mª Martínez, representando o goberno municipal, deu un repaso ás características que debe ter unha festa para ser cualificada de interese turístico, sinalando que non existían as festas de interese turístico rexional, senón de interese turístico galego, e que o goberno levaba tempo reunindo datos e facendo intervir ós veciños para un informe como é debido previo á instrucción do expediente. Rematou dicindo que había acordo no fondo, non na forma. Non se aprobou: 4 - 3 - 10
  A terceira, a petición dunha pasarela para o C.P. Gregorio Sanz, presentada polo PSOE, foi aprobada con unanimidade.
  Neste punto, ás 10 menos 10, foi presentada polo PSOE a petición de urxencia para unha moción que non entrou no pleno sobre as obras na illa Pancha. O PSOE presentou a urxencia dun xeito curto, como debido ó avanzado do proceso e baseándose no informe do Defensor del Pueblo. Foi respondido polo alcalde, apuntando que 'di unha serie de cousas que nos preocupan moito', repetindo (unha vez máis, en contradición outras veces no que expresou unha idea contraditoria con esta) que se cumpre, ten que dala, pois se non, é prevaricación. Argumentou que se referiu a diversas institucións e entidades hai un mes e que polo momento non ten resposta de ningunha, que non escapa ó debate pero que cando foi presentada a moción non lle viron obxecto o presentala, que di unha serie de cousas que non se manteñen xurídicamente... básicamente, respostou que parar as obras ten que dicilo o xuíz. Apostillou que o concello non se adica a revisar os informes de outros e que acuda (o Defensor) directamente á xustiza [algo que entendo que non pode facer]. A resposta de Aurora González, do PSOE, que recalcou que o alcalde recoñecía que lles preocupaba, logo algo hai, foi respondida cun lacónico, breve e pouco audible 'si, si, si'. 2 - 15 - 0, a moción non pasou, e nese momento, a excepción de seis persoas, saíu todo o público do salón.

Ningún comentario: