Coido que o primeiro é deixar claro que é o PEPRICH: Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico. Enténdese que algo así como un PXOM máis detallado para a zona vella.
O PEPRICH na páxina do concello |
A nota de prensa de onte aparece sen ningún documento máis ó que se refira, facendo fincapé en que agora debe pasar o informe da Xunta nun prazo máis ben breve, que non especifica tampouco.
Esperemos que ese paso pola Xunta non se volte a convertir noutro enfrontamento de fondo político ós que nos teñen afeitos.
Non sei se o tema necesita tratarse en pleno (ten que haber un antes de fin de mes, xa foi a Xunta previa, pero aínda non está convocado, que saiba); polo que di a nota intúo que non, quedando sen máis información ata que a Xunta fale.
Mentres, outros datos recollidos nas páxinas da Xunta:
Case 400 000 € para o 'PEPCHA Ribadeo'
Aprobación inicial do Peprich
A nota que aparece na web do concello:
O CASCO VELLO DISPORÁ DUN PLANEAMENTO PROPIOS
Peprich
20/03/2017
O pasado venres foi asinada a aprobación provisional do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo. Agora o documento deberá ser informado pola Xunta para posteriormente sometelo á aprobación do pleno. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, contou que durante o período de exposición pública do Peprich foron presentadas 122 alegacións das que o 75% foron estimadas total ou parcialmente.
O rexedor subliñou que "estes días vimos de dar outro pequeno grande paso con vistas a que o casco vello de Ribadeo dispoña dun planeamento propio. De feito o pasado venres asinamos a aprobación provisional do Peprich, o Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo, o que é coñecido popularmente como o casco vello".
Suárez Barcia explicou que "despois de manter unha xuntanza cos voceiros dos diferentes grupos políticos, onde por parte da empresa redactora Eptisa lles explicamos todo este período de dous anos desde a súa aprobación inicial en abril de 2014, despois de que se abrira un período de exposición pública para a presentación de alegacións. En total houbo 122, que se referiron maioritariamente á revisión de liñas de cornixa ou de fondos edificables, das cales estimáronse de maneira total ou parcial unhas 91, practicamente o 75% das alegacións presentadas foron estimadas ou total ou parcialmente".
O alcalde ribadense salientou que "este Peprich, que é un plan especial urbanístico do ámbito do casco vello, aínda que en extensión non é tan grande como o plan xeral loxicamente, si que conleva un sinfín de informes sectoriais de diferentes departamentos da Xunta de Galicia, de Patrimonio, de Urbanismo, de Medio Ambiente, etc…, como tamén de diferentes informes do Estado, do Ministerio de Fomento, da Autoridade Portuaria. En definitiva un total de 23 informes sectoriais que houbo que ir adaptándose aos seus requerimentos e nalgúns casos envialos varias veces ata que finalmente todos foron favorables, de aí que puidéramos facer este paso, que é a aprobación provisional".
Fernando Suárez detallou que "agora terémolo que mandar á Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, que terá un prazo relativamente curto para facer un último informe, para que despois o pleno da corporación poida sometelo a aprobación definitiva. Ese será o último paso necesario para que este Peprich poida entrar en vigor e conseguir os obxectivos que se pretenden".
O rexedor relatou que "os obxectivos deste plan son a conservación, o fortalecemento da identidade e a posta en valor da vila de Ribadeo co seu conxunto histórico, manter o uso residencial como un uso característico do casco histórico, contribuír á recuperación das actividades produtivas, e rematar a ordenación do borde oriental e dos demais espazos baleiros existentes neste casco vello, e a mellora dos servizos urbanísticos e de urbanización".
Suárez Barcia recalcou que "é moi boa noticia que ven despois dun proceso de traballo moi longo e intenso coa empresa redactora Eptisa, á que lle estamos agradecidos polo seu traballo, e esperemos que dentro de pouco poidamos falar non xa da aprobación provisional como é o caso, senón da aprobación definitiva".
Ningún comentario:
Publicar un comentario