20170406

Comentario sobre unha comunicación da Xunta de Galicia en relación á a illa Pancha

   Con data de saida do 24 de marzo, cinco semanas fora do prazo legal de resposta, un representante de Por Nuestro Faro recibiu a contestación a un xa lonxano par de escritos (de 9/12/16 e un segundo de 16/1/17, lembrando o anterior) no que se pedía que se comunicara a existencia dun informe de non afección á Rede Natura 2000 e Estudo de Impacto Ambiental en relación ó proxecto de instalación dun hotel de dúas suites e unha cafetería exterior, aparcamento, etc, na illa pancha. O documento contén abonda prosa en xerga administrativa e acompaña unha resolución.
   Despois de facer unha análise do recibido, chegamos a varias conclusións. Entre elas:
   1.- Como xa ten comentado o Defensor del Pueblo, non ten o informe de non afección a Rede Natura 2000, a pesar de que, di o documento, foi pedido no 10 de outubro pasado. O feito é ese. Aínda máis, omítese o aparcamento ou a máis mínima referencia aos esixidos estudos de impacto da actividade. A discordancia entre petición e non cumprimento da mesma pode ser debido á chapuza de Medio Ambiente ou a outras posibilidades que preferimos non mencionar.
   2.- Segundo a documentación, no apartado 'Obxecto da actuación' da resolución de data 21 de outubro de 2016, produciuse un novo cambio na petición sobre as actuacións no faro, pois fala de 'dous apartamentos turísticos de 16,59 m2 e 36,92 m2', que non corresponderían a dous apartamentos semellantes mesmo en prezo que son anunciados, a máis do contraste que ofrecen ditas medidas con que a planta do edificio, segundo o documento, teña 134 m2, cambios e contrastes que non son comentados pola administración.
   3.- Curiosamente, as dúas peticións da empresa ás que fai referencia o documento recibido prodúcense a finais de setembro e en outubro pasados, sendo na última na que se fala de que o proxecto é de outubro de 2016, meses despois de concedida a licenza de obra polo concello. Licenza que, tamén curiosamente, é incluída entre os documentos da primeira das peticións referidas, e citada expresamente na contestación recibida por nós a modo de respaldo do procedemento.
  4.- O documento fala dunha condición, que se cita expresamente: “Extremaranse as precaucións na retirada da capa vexetal e na escavación necesaria para a instalación da fosa séptica co fin de evitar a propagación ou dispersión de 'Carpobrotus edulis' (uña de gato)”. Nas fotos tomadas como testemuña da remoción de terra e traslado da mesma fóra da illa, que denunciamos no seu momento, aparece entre a mesma a uña de gato amontoada xunto coa terra removida, esperando o seu traslado días despois. Polo que parece, non demasiadas precaucións. 
   Non nos queda máis que concluír que séguense a acumular irregularidades de diversa gravidade en torno á illa Pancha para lograr escamotear, de xeito definitivo, o común e as normas ambientais en favor dun par de apartamentos -antes prevíase un hotel- privados.
Antonio Gregorio, Por Nuestro Faro
Comezo da entrada 'Faro da illa Pancha' na Galipedia. Baixo a licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0

Ningún comentario: