20170409

O mentireiro ribadense

Hai anos, unha publicacion anual, 'O mentireiro verdadeiro' tiña unha acollida que batía marcas no campo galego. o seu apelido desmentía o nome, deixando a súa valía nun limbo acomodable.
Hoxe deixou de editarse, en parte superdo polas novas tecnoloxías, pero tamén debido a outros factores. Un que creo que influeu foi a asunción das mentiras como potenciables verdades. Esta tempada topamos en Ribadeo conxuntos de mentiras para potenciar verdades á carta. O exemplo paradigmático é o tratamento de autoridades e medios en relación á illa Pancha.
Pártese dunha situación no século XIX no que sinxelamente se constrúe un faro nunha illa baldía. Faro construído pola administración sobre algo de todos 'e de ninguén'. despois, a ponte facilitou o uso e desfrute da illa pola xente, máis aló de ser o asentamento do faro. E así chegou e pasou a república, a guerra, a ditadura, a democracia... e aló nos 90 do século XX a illa sufriu unha primeira susbtración por parte da administración: a ponte pasou a ter cancela e quedar cerrada. De onde saiu a idea, ou se houbo xustificación legal, descoñézoo. A xustificación parece que foi a seguridade.
Mais a illa seguía sendo máis ou menos practicable por amizade ou outros medios non moi vixiados. Mais pouco a pouco, a dificultadepsicolóxica foi aumentando: as verxas, aínda que se podan cruzar, se se manteñen cerradas, van creando co tempo unha 'orde de afastamento', de que aquelo vai máis aló do que un pode ir, de que é algo que non é seu, que non lle concerne.
Chegamos así a un segundo estadio no cambio de mans dun ben común. Despois de arrogarse a administración o poder sobre a illa (considerándose propietaria e non administradora), considera que pode dispor dela, e entrégaa a mans privadas en aluguer. A illa, non os 500 metros cadrados que aparecen no documento, por leva aparellado o ter as chaves da verxa e polo tanto, dispoñer do resto do espazo con poucas limitacións. Neste caso, a xustificación é que era un ben baldío que non hai cartos para manter. Por iso, transacción económica: 18 000 €/ano por unha illa cunha construcción co interior destrozado, pero coa estrutura en prefecto estado. Para completar as facilidades, no documento aparecen 500 m2, co que non habería necesidade de concorrencia na licitación, pero no documento de permiso de traballos dado polo concello úsase a medida da parcela no sigpac: terreo con vexetación  (cousa da metade), máis de 4000 m2. Din que se publicitou en Ribadeo. En agosto de 2014 vin o anuncio, perdido entre moitos outros papeis nun taboeiro do concello dun escrito con data 13 de maio e data de exposición 2 de maio que daba 20 días para ir a Ferrol, en horario de mañá, a ver a solicitude formulada pola empresa. Esa foi a difusión que se lle deu en Ribadeo.
Comezou así unha longa ristra de mentiras acompañadas de ilegalidades de todo tipo e condición, incluíndo a difusión nos medios co apoio de Faros de España da illa Pancha cun fondo de 5 estrelas a modo de hotel xa construído e con esa categoría, a publicación en 'La Alacena Roja' en xaneiro de 2016 un artículo con fotos do interior do hotel gabando a súa magnífica adega, concesión de novos prazos para rematar unha obra que aínda non se tiña comezado e tempo despois de que rematara o prazo concedido con anterioridade, división fraudulenta dun proxecto en dous, tratamento de plantas invasoras amontoando terra fóra de lugar, furamento en rede natura despois de dicir que non se interviría no medio, ausencia de documentos requeridos para traballar en zona protexida dicindo que estaba todo en regra, paso de documentación sen revisión para logo dicir que non se podía gastar tempo niso, aviso de que non se concedería o permiso de apertura cando segundo a normativa vai implícito no permiso de obra, acusación de que se pretendía cerrar a porta a varios postos de traballo cando se van 'cambiar as sabas cada tres días', ... e moitas outras que xa están apuntadas na historia do pobo e para vergoña de quen o permitiu ou mesmo facilitou e para exemplo do que noutros tempos chamarían caciquismo ou pode que contubernio. O mentireiro ribadense...
A última da saga? A comezos de semana publicitouse a web, e con ela, unha nota de prensa de Faros de España a diversos medios de Madrid dicindo que xa estaba lista a apertura, ocupado ó 100% en semana Santa... cando naquel momento na web, o calendario estaba totalmente baleiro (e aínda hoxe venres pon que está ocupado precisamente os días non festivos...), que hai que pagar o 40% por adiantado, cando non pon nin o prezo (iso si, o prezo dos extras si está á vista e o concesionario hai pouco dixo que con 100 días de ocupación cubría, que con 101 xa ganaba cartos) que dispón de pista de pádel e de tenis... cando será que ten un acordo para uso das pistas a uns 3 km ...
Máis? Houbo, hai, e posiblemente siga a haber. Pero non se debe esquecer que iso son as tretas para conseguir un fin: arrebatar o faro á cidadanía, ademáis con menosprezo do entorno.

Ningún comentario: