Hai uns días deixei a convocatoria das dúas actividades, promovidas por 'Por Nuestro Faro' e agora paso a deixar un breve resume do acontecido nas mesmas.
A primeira realizada, venres 21 de abril ó anoitecer (dous días antes do día do libro, hoxe), na casa das letras, foi a presentación de BirdFlyway, libro de Antonio Sandoval, introducido por Óscar Chao.
Un salón da Casa das Letras mediado deu acubillo á presentación dunha novela que diría de conexión do mundo das aves e dos humanos. Sensacións e emocións sobre a ruta das aves migratorias enfocada a traverso do filtro dunha familia heteroxénea, resultando unha educación en termos de vínculo emocional. Salpicada con referencias a Selma Lagerlöff (co seu Nils Olgerson e o cobrar mentalidade propia do pobo sueco) ou Konrad Lorenz, pasando por Jack London, a charla e o rico coloquio posterior recorreron diversos lugares físicos e de ideas, como o futuro ornitolóxico á vista da privatización e espolio dos lugares máis atractivos (como sucede coa illa Pancha) ou o abrirse paso da idea de que preto dos centros escolares debe haber algún espazo de importancia como ecosistema e acubillo de biodiversidade para poder aplicar aquelo de que se pode amar o que se coñece, pero é imposible amar o que se descoñece.
A actividade de 'por nuestro faro' en defensa da illa Pancha apareceu encadrada nun movemento a nivel mundial que está a realizarse cada vez con máis forza para dar a coñecer e protexer espazos que corren perigo fronte a privatización dos comúns da humanidade [Nota: non confundir 'ben común' con 'administración pública'].
O libro pretende a adquisición dun coñecemento emocional para dar a querer o mundo das aves e de aí, o noso propio hábitat: a ecoloxía das aves non está separada na esfera terrestre de calquera outra ecoloxía que se estude, tampouco da ecoloxía humana.
O coloquio, con referencias diversas ós comúns e cerramento de espazos, a empatía, ós postos de traballo como coartada para todo ou á liberdade, deixou un bo sabor de boca.
O sábado 22, día da Terra e día no que se celebrou en todo o globo a 'Marcha pola ciencia', tivo lugar o roteiro. Partiuse ás 10 da mañá da baixada á illa Pancha, recorreuse logo a península ata chegar á praia de Rochas Brancas e logo seguiuse pola estrada cara á igrexa de Vilaselán, voltando polo Espín. Pasadas as doce, volveuse en grupos dispersos ó aparcamento.
No recorrido foron observadas diversas aves, máis comúns ou máis raras, dende as omnipresentes gaivotas, ou rulas, merlos, paporoibos e andoriñas a outras como miñatos, corvos mariños, mazaricos chiadores, papuxas cabecinegras e capirotadas ou chascos... entre outras!
Na xornada, xunto coa vivencia e inmersión no mundo das aves, visionándoas no seu entorno, tamén se tivo unha lembranza para Suso Peña, cuxa praca conmemorativa descansa na illa Pancha, en lugar non concedido por contrato pero ocupado na práctica polo espolio privatizador. Asemade, comentáronse as diversas prohibicións que aparecen sinalizadas no entorno da illa Pancha co motivo da súa privatización.
Fotos dalgúns momentos do roteiro:
Ningún comentario:
Publicar un comentario