20170501

ESCUDO DA CAPELA DA VIRXE DE LOURDES DE SANTA MARÍA DO CAMPO. Francisco José Campos Dorado


Entrando na igrexa parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo e recorrendo un pouquiño da nave principal, a primeira capela á esquerda é a da Virxe de Lourdes. Sobre o seu arco de medio punto atópase este escudo español en punta (característica francesa estendida na heráldica española), que está empotrado na parede do templo, polo que cremos sexa orixinario dun maiorazgo do Convento de San Francisco. Está timbrado cun casco de fidalgo mirando a destra, con sete griletas vistas, e unha moi peculiar (pola feitura) gola de sete launas ou placas superpostas que protexían mellor o pescozo do cabaleiro que os cascos de gola ríxida, pois podía fixarse a coiraza, e lle permitían igual movemento lateral e frontal da cabeza. O burelete está adornado cun penacho de seis plumas. O casco pertence a un Conde (yelmo de prata, terzado de sete griletas de ouro perfilado do mesmo metal. “Ciencia del Blasón, D. Modesto Costa y Turell, 1858”). O adorno exterior consta dun elegante deseño de pergamiño con figuras en espiral ornamentadas con gravados de liñas estilizadas, clásicas do arte renacentista de finais do século XVI, profuso en cortes enrolados cara dentro e fóra, que lle dan esa prestancia emblemática da antigüidade de séculos, engadida á preciosa pátina de pavonado azul agrisado con que o vernizaron as fumarolas dos cirios e das candeas con que se iluminaban os fieis que percorrían rezando, cada estación do Via Crucis.
Para facilitarnos a labor de estudo dos brasóns do campo, lemos primeiro os nomes gravados na bordura, os cales pertencen as familias e ás Armas de cada cuartel: DE ACEBEDO (en flanco destro do 1º cuartel); DE PRESNO (flanco destro da punta do 3º cuartel); DE BA(A)MONDE (flanco sinistro do 2º cuartel); DE PARDO (flanco sinistro da punta do 4º cuartel).
Está cuartelado en cruz ou en catro cuarteis. No primeiro cuartel, tres estrelas de seis puntas en xefe e no cantón sinistro do xefe un crecente ranversado cunha estrela centrada de seis puntas. Á sinistra unha torre donxonada adestrada dunha árbore cun can atado o seu tronco mirando a destra. Son Armas que mostran varios liñaxes consanguíneos da Casa dos ACEBEDO. As estrelas e crecente son parte do brasón dos ACEB(V)EDO de Ourense. A torre donxonada é brasón dos MOREDA (igual torre aparece no 1º cuartel do escudo do Pazo de Triana da Casa de MOREDA de San Miguel de Reinante, claramente entroncada cos RIBADENEYRA e cos AGUIAR, como reza o lema naquela bordura). A árbore cun can atado ó tronco son as antigas e primitivas Armas dos ACEBEDO (en campo de ouro, un acivro de sinople -cor verde- cun can branco atado o tronco do acivro).
Este cuartel parece o brasón familiar dun matrimonio ACEBEDO-MOREDA. Os ACEVEDO, están entroncados cos Condes de Monterrei, por enlace de D. Diego de Acevedo Fonseca y Ulloa con Dª Francisca de Zúñiga, II Vizcondesa de Monterrei, filla de D. Sancho Sánchez de Ulloa, I Conde de Monterrey e de Dª Teresa de Zúñiga (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Crespo del Pozo, Volume II). Estes apelidos FONSECA, ULLOA e ZÚÑIGA, aparecen de novo en Ribadeo en pleno século XX, no “Escudo de Armas do Parador de Turismo” (tamén en La Comarca del Eo, 22-Octubre-2016) ¿Por que hai esta coincidencia? Nós, non o sabemos, pero alguén o saberá.
Frei José Crespo del Pozo (ibidem, páx.17), destaca pola súa honestidade inmaculada e honradez acrisolada ó V Conde de Monterrei, D. Gaspar de Zúñiga Acevedo e Fonseca, Virrei en México e no Perú, que gobernou desde Lima toda América do Sur, desde 1595 a 1603, e mandou grosas sumas de diñeiro a España, e sobre a súa sepultura da igrexa franciscana de Lima, mandou que gravasen: “MALO MORI QUAM FOEDAR” (Prefiro a Morte Antes Que Mancharme). D. Gaspar cumpría o seu Cargo de Estado coa moral á que o seu Título de Nobreza o obrigaba, pois un Título non é máis cunha recompensa como recordo dun feito histórico, do propio posuidor ou dos seus antepasados, coa obriga moral de que quen o ostenta ten que ser, dar e demostrar, exemplo de conduta. ¡Polo que vemos nas noticias de hoxe en día, nalgúns xerifaltes con altos cargos políticos de Estado, pouco prendeu o exemplo de D. Gaspar!.
No segundo cuartel, unha letra “M” coroada rodeada de oito peixes, dous en xefe e dous en punta mirando a destra; en flancos, dous e dous altos (mirando cara arriba). Son armas dos BA(A)MONDE: en campo de azur (cor azul) unha M de ouro coroada do mesmo metal; bordura de gules (cor vermello) con sete peixes de prata. Notemos as diferenzas das Armas deste escudo, coas do relato de “Armas e Triunfos de Galicia”, onde alí constan dunha bordura, que neste cuartel non hai, e soamente sete peixes: 3 en xefe, 1 en cada flanco e 1 en cada cantón da punta, todos gravados horizontais mirando a destra; aquí, neste segundo cuartel, son oito peixes e colocados nas posicións arriba sinaladas.
A Casa BAAMONDE de Ribadeo, ¿onde estaba? ¿qué obra “urbanística” a fixo desaparecer, e cando?. Pois ben, esta Casa, empeza no século XV con Dª Constanza López de BAAMONDE que se casa con D. Sancho Méndez Abrana, de Grandas (Asturias). Seu fillo D. Fernando Álvarez de Baamonde, vaise para Chile na segunda metade do século XVI, e foi proxenitor desta liñaxe naquela nación sudamericana. En 1595 está en Chile de “encomendero” (tiña “indios” encomendados para traballar con eles, ós que tiña a obriga de costearlles instrución cristián). Cásase con Dª Beatriz de Guzmán, e teñen entre outros, un fillo en 1604, D. Jerónimo de Bahamonde que nace en Santiago de Chile, e cásase con Dª Juana de Puebla y Rojas, que sigue a liñaxe BAAMONDE de Chile. Desta mesma Casa de Ribadeo foi Dª María López Baamonde que se casa con D. Pedro Teixeiro y Parga, e teñen por fillo a D. Bernabé Baamonde Teixeiro que se casa en 8-Xuño-1668 con Dª Antonia de Torres Suárez de Villaamil nacida en Ribadeo, e un dos fillos, D. Agustín Mauricio Antonio Baamonde (n.1682) cásase con Dª Ana Bermúdez García de Amoedo, e teñen por fillo a D. Agustín Baamonde, nacido en Ribadeo, que se casa no Páramo (Lugo) con Dª Josefa Sarmiento de Ribadeneyra e seu fillo, D. Manuel Bahamonde y Sarmiento de Ribadeneyra, nace en Lugo e foi Capitán do Rexemento de América para onde se foi, sendo xa Cabaleiro da Orde de Alcántara en 1778 (Blasones y Linajes de Galicia, D. José Crespo del Pozo, Volumen II, páx.148) A modo de anécdota, e como pobo mariñeiro que somos, diremos que os peixes debuxados no brasón dos BAAMONDE (“Blasones y Linajes de Galicia” Tomo I), son peixes de pescado branco (cola recta) mentres que os deste escudo son de peixe azul (cola en “V”) ¿quer dicir que uns familiares foron de río (de terra adentro) e outros de mar (mariñeiros)? ¿Ou ámbolos dous son peixes de río, ou ámbolos dous de mar?. Quizais só sexa, simple interpretación estética do artista gravador, pero quede como nota observada.
No terceiro cuartel, un castelo ameado con torre de homenaxe, tamén ameada, sobre terraza de rocas e ondas de auga, adestrado dunha espada baixa (coa punta abaixo) desenvaiñada e colocada en banda, acolada tras dun escudo español brasonado con dúas barras e bordura. Son Armas dos PRESNO que si tiveran esmaltes serían: en campo de ouro un castelo mazonado (gravado con liñas que representan as gretas da xunta entre as pedras de cantería) sobre rocas e ondas de auga de azur e prata, adestrado dunha espada desenvaiñada, coa guarnición de ouro, acolada tras dun escudo con dúas barras de azur e gules, con bordura dun terzo de anchura a das barras.
A Casa de PRESNO de Ribadeo ten como proxenitor a D. Gaspar PRESNO casado con Dª Florencia PARDO BAAMONDE, filla do Capitán Pedro Fernández Baamonde y Saavedra, rexedor de Mondoñedo e Señor do Coto de Otero, neta do Capitán Pedro Fernández Baamonde y Cabarcos que serviu trinta e dous anos en Flandes, Nápoles, Milán e Portugal, bisneto de D. Matías López de Baamonde, que vivía en Ribadeo en 1519, casado con Dª María de Sarmiento, Señora do solar de Sarmiento e do coto de Otero. Súa descendente Dª Xosefa de Presno e Baamonde, cásase con D. Antonio de Luaces e Somoza, xentilhome e rexedor do Concello de Mondoñedo, e súa filla Dª María Teresa de Luaces y Presno, falece en 1773. D. Manuel de Luaces estaba casado con Dª Rafaela de Presno Parga Fuentes y Donlebún (Blasones y Linajes de Galicia, José Santiago Crespo del Pozo, Tomo IV, páx.252)
Na Chancillería de Valladolid, D. Antonio García Presno veciño de Ribadeo, solicita Preito de Fidalguía en 1734. Un descendente contemporáneo dos PRESNO, D. Gumersindo García-Presno Cotarelo estaba casado con Dª María de los Ángeles Martínez de Aguiar y Oya (necrolóxica, La Comarca 14-Marzo-1954) unha das últimas ramas co apelido OYA en Ribadeo, descendente do matrimonio de D. Carlos Oya Miranda de Ribadeo, casado con Dª María Saavedra e Cotón de Lugo, que teñen por fillo a D. Manuel Antonio de Oya Miranda y Saavedra (o Escudo brasonado coas primitivas Armas dos OYA está, como veremos nun próximo artigo, na Capela de San Antonio e de San Xosé). D. Gumersindo e Dª María de los Angeles, tiveron por fillos a: D. Gumersindo, Dª María Vitoria, D. José María e D. Gabriel Desde estas poucas liñas, facer unha grata lembranza a D. José María García-Presno y Martínez de Aguiar que foi por un tempo Comandante do “Ciscar” (barco da República Española desde Xuño do 1937 a Marzo do 1938) a quen se lle deu o retiro de Capitán de Navío da Armada Española, no primeiro mandato do goberno de D. Felipe González. D. Xosé María, non estaba moi conforme co rango que lle recoñeceran, chegada a Democracia, para o seu retiro, pois, segundo a súa promoción, correspondíalle o grado de Vicealmirante ou General de División e non ó de Coronel. Na ditadura franquista, foi Xefe de Dique dos Asteleiros de Xixón e exerceu a Cátedra de Astronomía e Navegación na Escola Náutico Pesqueira e Superior de Náutica e Máquinas da Mariña Mercante de Xixón, cando aínda era Recoñecida da de Bilbao, e onde por circunstancias da vida, lonxe do noso lar ribadense e salvada a diferenza de idade (el perto dos sesenta e eu dos vinte), nos fixemos amigos e parolabamos a miúdo sobre asuntos do mar, dos barcos e un “pouquiño” de política. El fixera as Prácticas de Guardamarina no Buque Escola Galatea ó que lembraba sempre con gran cariño pois nel aprendeu a ardua disciplina da manobra dun gran barco de vela, da que era un entusiasta, e onde labrou o carácter de home sensato e de saber facer, dun perfecto mariño de guerra daqueles tempos. Os avatares da vida de D. José María merecerían un bo estudio biográfico, para darnos conta das reviravoltas que, un home condenado a Sete Penas de Morte por ser un “Comandante Roxo”, tivo que salvar durante e despois da Guerra Civil para poder sobrevivir. ¡Saudiños desde o noso terruño, alá onde esteas, amigo!
A modo de nota curiosa, atopamos na Lista de Rexistro de Barcos do Porto de Ribadeo, dous homes de mar antecesores de D. José María. No Folio 27, ó patrón D. José García Presno, que estaba o mando do quechemarín “Joven Ramonita” de 36 Tm de rexistro bruto, construído na Liñeira, segundo escritura de 13-Marzo-1848, para os armadores D. Fco. Antonio Bengoechea e D. Antonio Casas; e no Folio 45, consta o bergantín “Neptuno” de 149 Tm de rexistro bruto, construído na Veiga de Navia polo mestre D.Afonso Fernández Presno da matrícula de Viabelez, cuxos armadores eran: D.Fco. Antonio Bengoechea, D. Manuel Reynante e D. Emilio Erraez casado con Dª Concha Puelles, veciños de Ribadeo, segundo consta en escritura de 5 de Xuño de 1852, e que estaba taxado en 180 000 reais de vellón, incluída a arboladura. No cuarto cuartel do Escudo de Armas, unha aguia coroada mirando a destra, de ás abertas ou volante. Son armas dos PARDO, que ademais de ser de Dª Florencia PARDO BAAMONDE casada con D. Gaspar Presno, parecen ter que ver coa xenealoxía de D. Antonio PARDO BAAMONDE de Viveiro, casado con Dª María Somoza, de Santiago, cuxo fillo D.Antonio Pardo Baamonde rexedor de Santiago, estaba casado con Dª Antonia Cuervo de San Pedro de Cornazo, no concello de Vilagarcía de Arousa. Todos eles apelidos que aparecen tamén nesta feligresía de Ribadeo. Sobre este apelido, PARDO de veciños de Ribadeo atopamos na Chancilleria de Valladolid, outras dúas referencias: 1) Un Preito por Herdanzas, entre os anos 1743 e 1759, de Dª Catarina Teresa de Acevedo Pardo, veciña de Castropol con seu irmán, D. Carlos de Acevedo Pardo y Taboada, de Ribadeo, dono de “A Aduana Vella” (tamén en La Comarca del Eo 16-Abril-2016), sobre petición de Dª Catarina Teresa de Acevedo Pardo para que se reduza a escritura pública o pacto que fixo con D. Carlos de Acevedo Pardo y Taboada, para a partición da herdanza de seus pais. 2) Un Preito de Fidalguía, con data de 1780, de D. José Pillado Pardo y Rivadeneyra, veciño da feligresía de Nosa Señora de Vilaselán.
Como estamos vendo, en un escudo si e noutro tamén, tódolos Escudos de Armas e Brasóns de Ribadeo, están relacionados, uns con outros, por lazos familiares, se non é antes é despois, pois, seguramente os fillos das familias fidalgas casábanse entre si por non perder, ou para defender, os seus propios e comúns intereses sociais. ¡O Realengo...!

Ningún comentario: