20170509

Non vin en tren... porque non hai tren

Dende hai algún tempo, a situación da liña de FeVE Ferrol-Xixón non deixa de deteriorarse acusando a falta de mantemento e a escasez de trens e persoal, o que levo tratado en diversas ocasións ('Papá, ven en tren' é un exemplo do conxunto). Isto levou a un grupo de alcaldes da zona galega (mal organizados ou con diferencias entre eles, vese porque non coinciden os que acoden ou os que son chamados dunha vez para outra, segundo o xornal) a tentar xuntanzas con representantes da compañía e/ou da Xunta para procurar o seu apoio. Agora, tras unha xuntanza onte, coa análise dun informe da 'Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo', parece que o representante de Renfe-vixeiros e a conselleira de infraestruturas da Xunta tomaron conciencia e fixeron promesas. Máis ou menos, esa sería a parte da sorrisa que se quere dar. Mais non estivo na xuntanza ningún representante de Adif, o Administrador de infraestruturas ferroviarias, que engloba unha parte básica do que se pedía. Nin tampouco, a prensa di, foron convocados os alcaldes de Mañón e O Vicedo, nin tampouco foron representados os dos concellos ó leste de Viveiro, Ribadeo incluído. Logo parece que o sorriso pode quedar, como moito, circunscrito á liña de proximidade Ferrol-Ortigueira e a súa prolongación ata Viveiro. Do pedido apeadoiro das Catedrais tocará falar outro día, en tal caso. Ou dos servizos a Alcoa. Ou... outro día.
Túnel en Porto da antiga liña Ribadeo-Vilaodrid

Ningún comentario: