Hai anos que 'O mintireiro verdadeiro' deixou de saír á rúa. Non podía competir cos novos medios. Nin lidiar coa era da 'posverdade', termo cruñado para designar a imposición do que é verdade a partir do que lle interesa a quen ten o poder para impoñela.
Nesas andamos na actualidade. Hai xa tempo (outubro de 2016) que 'La Alacena Roja' saltou a un post neste blog: Mentiras sobre a illa Pancha. Alí expoñía como, en xaneiro do ano pasado, a revista daba á luz uncara enteira onde explicaba as bondades do hotel e adega do Faro da illa Pancha.
Onte atopeime con outro número da mesma revista, correspondente a maio-xuño deste ano, distribuída polos establecementos de hostalería, onde aparece de novo o hotel da illa Pancha. Ben, agora o establecemento xa está (estaba) aberto, si, pero non é un hotel (o que se di no interior, despois de asegurar que si o é no título e no corpo do artigo). Ten explicación que diga que está aberto: os tempos de edición permiten eses desaxustes. Pero máis o permite o intento de colar unha propaganda como verba de Deus. O intento, dende hai moito tempo, de Faros de España de vender o 'Hotel 5 estrelas' da illa Pancha, empregando cartos de todos, leva a que outras entidades, como a alacena descolorida, tenten secundar a historia. No artigo, que non reproduzo pero que se pode atopar en moitos establecementos de hostalería de Galicia, aparece a ristra de 'hoteles en faros' que virán despois. Quen estea ben informado sabe que esa lista é cando menos unha vontade de Faros de España sen moito fundamento polo momento, anos despois de poñerse en programa en marcha. Pero, antes diso, fala de que Puertos del Estado, a entidade que puxo en marcha 'Faros de España', copiou un modelo ampliamente extendido a nivel internacional, 'aplicando unha xestión responsable'. Di, que queren 'abrilos a toda a sociedade'... No artigo tenta meter as 'farolas' de Vilán e Fisterra como 'precursoras', obviando que non son faros, e que a 'nova xestión' de Fisterra da que fala ven despois de estar pechado e feito un desastre unha boa tempada. Mellor non sigo. Se o faro está hoxe pechado non é precisamente pola xestión responsable en todo o proceso, e o de abrilos a toda a sociedade xa vimos a que se refería: a deixar entrar a quen poida pagar.
Interior do establecemento de restauración de Fisterra o día 20170528 |
Exterior establecemento de restauración de Fisterra o día 20170528 |
Ningún comentario:
Publicar un comentario